O primeiro ano de Compromiso por Galicia

Congreso constituínte de Compromiso por Galicia CC-BY-SA CxG

Hai un ano e un día, Compromiso por Galicia (CxG) celebraba o seu congreso constituínte para conformarse, en palabras do seu secretario xeral, Xoán Bascuas, como "a ferramenta que a sociedade galega demandaba hai moi tempo”. No primeiro aniversario da formación galeguista, o seu líder fai un balance "positivo" e insiste en que "pagou a pena" todo o "esforzo" realizado malia aqueles resultados nas eleccións autonómicas que, co partido aínda sen constituírse de vez, recoñe que supuxeron "un golpe". Un apoio electoral menor do agardado pero que, para o que fora o seu cabeza de lista, demostrou tamén que a organización "se mantivo unida e non perdeu nin o ánimo nin a perspectiva".

"O máis negativo desta etapa foron os resultados das eleccións autonómicas", di Bascuas

Preto de 15.000 votos e algo máis do 1% de apoio foran as cifras acadadas por CxG, formación que negociara sen éxito final unha coalición con Anova e outras forzas nacionalistas no que acabou conformando AGE. "O máis negativo desta etapa inicial foron os resultados das autonómicas, que nos pillaron verdes; foi un golpe, non sei se cualificalo de duro, pero si un golpe", recoñece Bascuas, que advirte de que Compromiso segue "a dar pasiños firmes" e que comproba como a formación e o seu discurso "vai sendo cada vez máis aceptado entre a sociedade galega". "A xente valora a nosa forma de actuar propositiva e en positivo e non tanto de combate, porque a cidadanía tamén está cansa desa liorta constante", aclara quen insiste en situar CxG no "progresismo, galeguismo e socialdemocracia".

Medrando paseniño nas afiliacións -son preto de 1.000 en toda Galicia- e con presenza en todas as comarcas, CxG sofre no entanto unha escasa presenza mediática que sempre afecta. "O máis difícil é facerse un oco nos medios", recoñece o seu secretario xeral que, pola contra, sinala como o aspecto máis positivo e reconfortante deste primeiro aniversario o feito de "facer política a gusto e con xente dunha enorme calidade humana e política". "Así as cousas saen máis rodadas e con certa facilidade", engade o líder dunha formación que xuntou arredor do galeguismo persoas chegadas do BNG, do PSdeG e do PP, nunha variedade que adoita ser unha das súas características máis louvadas, pero tamén das máis criticadas.

Como principal obxectivo para o futuro, Compromiso busca "perserverar e seguir incorporando xente, novas agrupacións locais e continuar facendo política a todos os niveis sen perder o horizonte nin a ollada no país". Ademais, e de cara ao vindeiro compromiso electoral, será a militancia da formación quen decida a fórmula máis acaída para se presentar aos comicios europeos. "Son importantes e unha parada e fonda no camiño sobre a que antes teremos que tomar unha decisión, pero isto vai moito máis aló e logo virán as municipais, que son moi importantes para nós", asegura.

A militancia decidirá sobre a coalición para as eleccións europeas, para as que CxG ve case imposible unha candidatura unitaria galega

Case descartada a candidatura unitaria do nacionalismo galego, Bascuas destaca -e quere lembrar- que foi CxG quen lanzou a proposta no pasado mes de marzo. "Que fora valorada cando menos polo BNG e Anova xa é algo positivo de seu, pero hai tempo que non hai movementos e semella que ambas as dúas formacións se manteñen inflexíbeis", di Bascuas, que recorda tamén que Compromiso "deu un paso máis" abrindo a hipotética coalición a Esquerda Unida. "A día de hoxe, vémolo moi complicado", recoñece.

Por iso, CxG explora outras vías, como a unión á candidatura europea do PNV e outras formacións nacionalistas ou rexionalistas, o que xa levantou algunha polémica. "Calquera opción en política é explicable e criticable, pero hai que esperar ao que decidan os homes e mulleres de Compromiso e logo xa falaremos; a ninguén se lle escapa que o PNV ten gobernado con forzas de esquerda e que ten levado a cabo unha política social que xa lle gustaría para si a algunha forza que se di progresista", engade, tras asegurar que "de darse o caso de ir co PNV, que está por ver, probablemente moitos dos que nos critiquen estean a censurar algo que xa fixeron eles".

"De darse o caso de ir co PNV, é probable que moitos dos que nos critiquen censuren algo que xa fixeron eles"

Sexa como for, Bascuas aposta por seguir consolidando Compromiso e loitando desde a súa formación por rachar coa hexemonía do PP en Galicia. Para logralo, di, é clave "recoñecer o peso específico dese partido no país, que é enorme". "A mobilización é necesaria, pero a pedagoxía e o discurso para convencer a cidadanía de que debe apoiar outras forzas e mobilizar o electorado que camiño do centro esquerda á esquerda máis extrema é fundamental". "As vitorias do PP non son porque mude o seu electorado, que é case invariable, así que o importante é mobilizar o resto da cidadanía", remata.

Bascuas, na sede de CxG en Compostela CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.