A contrarreforma legal que suprimirá o dereito á interrupción voluntaria do embarazo prendeu o pasado venres todas as alarmas, agás nas faccións máis duras do PP e da Igrexa católica. Colectivos sociais e políticos alertan da involución que supón o feito de que as mulleres non poidan decidir sobre o seu propio corpo ata o punto de que seguir ou non cun embarazo dependa dos criterios morais impostos polo Estado e non da liberdade individual. Neste contexto, o presidente da Xunta aproveitaba unha intervención televisiva o pasado sábado para aliñarse co seu compañeiro de filas: "tiñamos unha lei do aborto razoablemente admitida polas forzas políticas, pero Zapatero rompeu ese consenso", argumentou, tras catro anos dándolles abeiro legal e económico aos grupos máis defensores do recorte de dereitos.
Como Ruiz-Gallardón, Feijóo foi mediatiamente encadrado, sobre todo a nivel estatal, no espectro teoricamente máis moderado da dereita española, unha imaxe alimentada con chiscadelas como o apoio implícito ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo. No entanto, estreou a súa maioría parlamentaria na primavera de 2009 rescatando a iniciativa lexislativa popular impulsada polo Foro Español de la Familia nominalmente encamiñada a "establecer e regular unha rede de apoio á muller embarazada". A norma saíu adiante só co apoio do PP e a denominada Red Madre pasou a estar protexida por lei, cos seus membros a asumir funcións públicas como o asesoramento ás mulleres xestantes con dificultades socioeconómicas.
A lei da Red Madre foi a primeira abordada polo PP tras retornar á Xunta
Dende a aprobación da lei os fondos públicos flúen con lixeireza polas arcas deste movemento ultraconservador. Só entre 2012 e 2013 a Secretaría Xeral de Igualdade subvencionouno con case 120.000 euros, a maior parte para gastos de persoal, unhas achegas de cartos que se producen mentres a Xunta insiste na necesidade de incrementar a natalidade no país, pero desvinculando a decisión de ter fillos e fillas de factores como os ingresos ou o emprego. Ademais das consecuencias económicas, o desenvolvemento da lei da Red Madre trouxo consigo normativas anexas como o "protocolo de renuncia de bebés no hospital", aprobado polo Consello en maio de 2012. Segundo o propio Goberno, a finalidade deste documento é "favorecer que a nai xestante" decida "continuar co embarazo" e "garantir a confidencialidade no caso de de decisión de renunciar ao seu fillo/a".
Da lei derivan documentos como o "protocolo de renuncia a bebés"
A aposta da Xunta por que as mulleres sigan adiante cos seus embarazos aínda que non estean en condicións de criar un fillo ou filla impregna tamén o Plan de Apoio á Muller Embarazada da Consellería de Benestar, derivado tamén da lei da Red Madre. Neste documento o Goberno galego amosa ás claras a súa intención de "promocionar" entre as mulleres cun embarazo non desexado "a acollida e a adopción como alternativas eficaces", facilitándolles o devandito "protocolo de renuncia de bebés", xa sexa "no hospital" ou "fóra do ámbito hospitalario". Do mesmo xeito, o plan prevé a elaboración antes de que remate 2014 dunha guía titulada Decidindo sobre a planificación do embarazo e dirixida especialmente á mocidade. Neste caso, a Xunta facilitará datos sobre "planificación do embarazo, erótica conceptiva e aconceptiva, métodos anticonceptivos, prestacións á maternidade, acollida e adopcións".
No debate político
Coa lei de prazos aínda en vigor, a oposición parlamentaria galega veu insistindo nestes anos na necesidade de aplicar correctamente a norma e censurando as medidas destinadas a obstaculizala ou a impulsar e divulgar, mesmo a través de campañas publicitarias, o ideario antiabortista. Así, por exemplo, o pleno do Parlamento abordou nestes anos iniciativas como a proposición do BNG para instar o Goberno para "defender os dereitos das mulleres" e "reclamar que non se derrogue" a lei de saúde sexual e reprodutiva. A nacionalista Ana Pontón defendeu a "liberdade" das mulleres para "decidir libremente sobre o seu corpo" e os seus argumentos bateron contra os da conservadora Ángeles Díaz Pardo, quen cargou contra as "aberracións" do "desgoberno socialista", que derivaron na "utilización incontrolada" da pílula poscoital e do propio aborto, ata o punto de seren tratados como "métodos anticonceptivos", proclamou.
O PP galego asegura que lei actual promoveu o aborto como "anticonceptivo" e eloxia o labor da Red Madre e do Foro Español de la Familia
O propio Bloque e tamén o PSdeG e AGE continuaron o pasado maio, xa agardando pola lei de Ruiz-Gallardón, a reclamar "que se manteña" a lei vixente e "que non se financien grupos antiabortistas con cartos públicos". Daquela, a deputada Julia Rodríguez amosouse molesta polo "marcado carácter ideolóxico" das posicións do resto de grupos e desfíxose en eloxios cara á Red Madre, cuxo vicepresidente, Benigno Blanco, foi secretario de Estado con Aznar e dirixe actualmente o Foro de la Familia. Esa organización, afirma, non debe ser "cuestionada" porque só "apoia a quen quere continuar co seu embarazo" e faino ademais "desinteresadamente".
Mentres a oposición lle lembraba que o propio Código Civil non considera o acabado de nacer como "figura humana" ata que "vive 24 horas enteiramente desprendido do seo materno", Rodríguez levou ao lexislativo galego algúns dos dogmas conservadores, tales como o "conflito" entre o "dereito á vida do nasciturus" e a "facultade de decisión no que atinxe á maternidade", algo que está "moi claro". Esa claridade leva tamén o PP galego a dar por "certo" o "dato" incluído nos valados propagandísticos do colectivo Derecho a la vida, segundo os cales cada día "morren 300 nenos" a causa do aborto.