A contrarreforma do PP impediría o 97% dos abortos de 2012 en Galicia

Manifestación en Compostela a prol do dereito ao aborto CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Regular ou perseguir e impedir o aborto? O informe abordado o pasado venres polo Consello de Ministros sobre a futura contrarreforma da lei do aborto bosquexa un texto legal no que a vontade da muller é substituída, practicamente en todo caso, pola vontade gobernamental. A directriz do partido do goberno, canalizada a través do Ministerio de Xustiza que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón, é materializar a práctica totalidade dos grupos antiabortistas, toda vez que, cos datos na man, unha inmensa maioría das interrupcións voluntarias do embarazo practicadas ao abeiro da lei de 2010 pasan a ser ilegais. No caso galego, ata o 97% dos abortos realizados en 2012 ficarían fóra da nova regulamentación.

Atendendo aos datos recompilados polo Ministerio de Sanidade, que vén de facer pública a estatística correspondente ao pasado ano, durante 2012 interrupíronse 3.655 embarazos no país. Deles, só o 2,52% foron realizados baixo algún dos dous supostos previstos na futura lei, que limita o aborto ao risco para a saúde da muller e á violación. Concretamente, das 3.655 interrupcións voluntarias que se rexistraron en territorio galego, 3.508 practicáronse "a petición da muller" e 55 por anomalías no feto, posibilidade que tamén prevé anular a lei Gallardón. O "grave risco para a vida ou a saúde" da muller só foi o motivo de 92 destas intervencións.

Máis do 70% dos abortos interrumpiron embarazos de 8 ou menos semanas

Este mesmo estudo estatístico permite coñecer, ademais, que algo máis do 70% dos abortos que se realizaron en Galicia durante o pasado ano interrumpiron embarazos de oito ou menos semanas e o 23%, de entre as 9 e as 12 semanas. Así as cousas, outra das grandes consignas do movemento antiabortista, a de frear o desenvolvemento de fetos en avanzado estado de xestación, fica invalidada ao coñecer que só o 7% dos abortos foron practicados alén dos tres meses de embazo e apenas un 1,15%, en embarazos que superaban as 21 semanas.

Descenso do 11% nun ano

Os propios datos, comparados con estatísticas de anos anteriores dispoñibles no Sergas e no Instituto Galego de Estatística, desmenten tamén outra das alertas preferidas de grupos como Derecho a la vida ou o Foro Español de la Familia, entre outros: que a lei vixente ía "disparar" o número de abortos. No caso galego, entre o primeiro e o segundo ano completos de vixencia da lei, 2011 e 2012, produciuse un descenso do 11%, pasando de 4.140 aos devanditos 3.655 abortos. Este descenso duplica sobradamente o que se rexistrou no conxunto do Estado, onde no segundo ano da lei deostada polo gabinete Rajoy os abortos se reduciron un 5%.

As cifras revelan a escasa influencia das políticas antiabortistas da Xunta

Estas mesmas cifras permiten acreditar, ademais, a escasa influencia das políticas antiabortistas da Xunta na evolución do número de interrupcións voluntarias do embarazo. Así, durante o período de Goberno da coalición de PSdeG e BNG, que puxo en marcha iniciativas de formación afectivo-sexual como os centros Quérote, os abortos mantivéronse por baixo dos 3.000 precisamente ata 2009, cando chegaron a 3.207. En 2010, ano da entrada en vigor da lei impulsada pola Red Madre, as interrupcións aumentaron ata 3.511 e en 2011, ata 4.140, cifra que se rebaixou ata as 3.655 do ano 2012.

Manifestación en Compostela a prol do dereito ao aborto CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.