A equiparación "cos países do noso entorno" adoita ser un lugar común para xustificar decisións gobernamentais, caso por exemplo dos recortes de prestacións sociais. O Goberno de España non é unha excepción á hora de ofrecer esta explicación en asuntos como a economía, o saneamento bancario ou mesmo a educación. A mención ao entorno, verba que adoita ser empregada como sinónimo de Unión Europea, desaparece se o tema abordado é a contrarreforma da lei do aborto que impulsa o Executivo a través do Ministerio de Xustiza, que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón. Non en van, este proxecto -que polo momento é só un informe- conduce en boa medida o Estado español a unha das súas atávicas vocacións, a de ser reserva espiritual do continente.
Aínda que os datos veñen acreditando que os países con leis de prazos -como a aprobada polo Goberno español en 2010- presentan menores taxas de interrupcións voluntarias do embarazo que aqueles nas que o aborto está total ou parcialmente prohibido, o gabinete que preside Mariano Rajoy teima na necesidade de aliñar o ordenamento legal coas peticións de colectivos ultraconservadores, aínda que isto implique abandonar a senda de estados como Alemaña, Francia, Austria ou a veciña Portugal e aproximarse a outros como Polonia ou Irlanda.
As leis de prazos son maioritarias na UE
Na Unión Europea unha vintena de estados membros rexen a interrupción voluntaria do embarazo a través de leis de prazos, máis ou menos semellantes á impulsada polo Executivo que dirixía José Luis Rodríguez Zapatero. Dez semanas en Portugal, 12 semanas en Grecia e Austria ou 14 en Alemaña, Bélxica e Francia amosan ás claras cal é a tónica dominante nun contexto no que, ademais, os prazos se combinan con determinados supostos, como acontece nas lexislacións austríaca e alemá, entre outras. Xusto na banda contraria se sitúan estados como a devandita Polonia, onde só se permite interromper a xestación en caso de violación, risco grave de saúde ou malformación do feto.
Só Irlanda e Malta serían máis restritivas que o Estado español se a lei do PP é aprobada sen modificacións
Así as cousas, tomando a UE como marco de referencia a lei Gallardón so será, no caso de concretarse, máis permisiva que as regulamentacións de Irlanda, onde só é posible abortar para salvar a vida da muller, e Malta, onde a interrupción voluntaria do embarazo é, sinxelamente, un delito. Isto acontecerá nun contexto no que o Goberno central obvia datos oficiais como o descenso dos abortos no segundo ano completo coa actual lei en vigor -en Galicia reducíronse nun 11%- ou o feito de que máis do 90% das interrupcións voluntarias do embarazo non se poderían realizar coa súa contrarreforma.