As autoridades encoméndanlle ao apóstolo Santiago a "sostibilidade" do Estado de Benestar

Acto da ofrenda, con Leis como "delegada rexia" © Concello de Santiago

Nin o Parlamento, nin o Consello da Xunta ou o Consello de Ministros.  Nin o Congreso dos Deputados ou o Parlamento Europeo. Nin sequera ningún organismo consultivo ou un foro creado ad hoc para abordar os problemas da axenda pública. A Casa Real e, por delegación, as principais autoridades galegas volveron pasar este luns por riba do artigo 16.3 da Constitución, ese que estipula que "ningunha confesión terá carácter estatal", para expoñer toda unha batería de demandas e peticións políticas e económicas ante o altar maior da Catedral de Santiago e fiar á intercesión do apóstolo Santiago cuestións que dependen, en boa medida, delas mesmas, como o futuro do sector financeiro e do Estado de Benestar ou debate territorial no Estado.

Desta volta o elixido como "delegado rexio" para continuar a tradición inagurada pola realeza española no século XVII foi o alcalde de Santiago, Ángel Currás. No entanto, o falecemento da nai do rexedor deu lugar a que o substituíse Reyes Leis, número dous do Concello e unha das tres edís do goberno municipal que non están imputadas en casos de presunta corrupción -os dez restantes si que o están-. A ela correspondeulle expoñer ante o "señor Santiago" e ante a plana maior da Xunta as "ocupacións e preocupacións temporais" que os e as gobernantes "sometemos á túa consideración espiritual, coa esperanza de que nos ilumines nas nosas decisións, nos alentes nos nosos empeños ou nos deas alivio nas fatalidades".

A Casa Real e as autoridades pasan por riba do artigo 16.3 da Constitución para "someter á consideración espiritual" asuntos que dependen, en boa medida, delas mesmas

Dito isto, as autoridades comezaron a poñerlle deberes ao "santo patrón", comezando por reclamarlle que "non decaia" a "solidariedade" demostrada pola cidadanía de Compostela tras o accidente do Alvia. Ao apóstolo correspóndelle tamén, segundo o discurso, "que a atención ás vítimas non resulte curta e longo o esquecemento", e a "difusión por España do exemplo da cívica e espontánea reacción solidaria". Non obstante, "malia ao accidente", os autores do discurso dinlle ao "apóstolo protector" que "saben que o nome que esta cidade tomou de ti volverá ser referencia no mundo por mellores motivos", tales como "a celebración do 800 aniversario da peregrinación de san Francisco de Asís".

Das caixas e o naval á unidade de España

E tras as "fatalidades", as esperanzas e as peticións. O rei e os goberantes "esperan" que "na nosa próxima ofrenda" se poidan "confirmar con gozo as primeiras noticias que hoxe", ao seu xuízo, "xa apuntan ao reflotamento do noso sector naval e ao mantemento dunha entidade financeira firmemente enraizada na nosa terra", sinalou, en referencia a Novagalicia Banco, agora propiedade do venezolano Banesco. Nesta liña, será tamén responsabilidade apostólica "alentar as persoas que demandan un traballo" e "aos emprendedores", xa que o seu é "un empeño épico". En tempos de reducción da protección social, Leis pediu "protección" divina para "a nosa mocidade" e mesmo para "o noso sistema de benestar", no que o Apóstolo debe "axudar" para "facelo sostible" e "facer ver a gobernantes e gobernados que tal sostibilidade ten que permitir que os sistema e oportunidade e de protección cubra tamén as xeracións futuras".

Leis pediu polo "proxecto nacional de vida en común" e pasou ao galego para desexarlle boa saúde ao rei

En pleno debate soberanista catalán non faltou na ofrenda a que se supón que é unha das especialidades de Santiago Apóstolo: a unidade de España. "Renova e afortala tamén o diálogo, santo patrón, entre quen cremos no proxecto nacional de vida en común", e quen "recean disto". Non en van, advirte, a "continuidade histórica" dese "proxecto de vida en común" está "alentada" pola "institución monárquica que tanto culto e tributo che rendeu ao longo de varios séculos", lembra. Na Casa Real centrouse, precisamente, o único treito do discurso que foi redactado en galego: "pedímosche que veles pola saúde da súa maxestade El Rey" para "que poida seguir exercendo as súas funcións, simbólicas e representativas, arbitrais e moderadoras; funcións de incalculable valor para a nación española". Só resta saber se o Apóstolo traballa xa nestes asuntos ou ten outras prioridades.

Un intre do ritual © Catedral de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.