O bipartito. A piques de chegar ao terceiro ano da oitava lexislatura autonómica se houbese que buscar unha constante dos debates parlamentarios esta sería a mención ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG por parte de membros do gabinete de Alberto Núñez Feijóo e do grupo parlamentario que o sustenta. A única diferenza entre o inicio deste período e a actualidade é a gradual perda de efectividade do argumento, esencialmente porque cada vez hai máis tempo que Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana xa non sentan en San Caetano. Unha nova mostra desta circunstancia política foi o debate dunha interpelación do PSdeG ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, para cuestionalo polo momento en que sacará adiante a Lei de Publicidade Institucional, unha norma que o bipartito non chegou a aprobar -enviouna ao Parlamento sen tempo material a que completase o trámite antes da eleccións- e que o actual Executivo consideraba "urxente" ao arrincar o mandato e que Rueda prometeu formalmente este mércores por terceira vez.
Rueda prometeu ter aprobada a lei "antes da metade da lexislatura", isto é, hai un ano
Co incumprimento do bipartito cada vez máis lonxe o autor da interpelación socialista, José Manuel Lage Tuñas, apoiou a súa argumentación nun incumprimento máis recente. Hai tres anos, lembra, o titular de Presidencia explicaba a "urxencia" de contar cunha normativa que regulase dunha vez por todas a relación da Xunta cos medios de comunicación e a utilización da publicidade e da propaganda oficiais. Por este motivo, subliña, na sesión do 10 de febreiro de 2010 contestáballe a el mesmo unha pregunta parlamentaria que a Lei "de Comunicación e Publicidade Institucional" sería "a primeira impulsada" pola súa consellería nesta materia. Faríao "antes de que remate a metade desta lexislatura" e "despois virán outras", como a lei para regular a Compañía de Radio Televisión de Galicia.
Coa norma dos medios públicos xa aprobada -o proceso, iniciado a instancias do PSdeG, culminou o pasado decembro- a Lei de Publicidade acumula xa un ano de atraso a respecto do prazo ofrecido polo propio Rueda. Así e todo, mantén que, "dende logo, imos facer" esa norma, aínda que cun novo prazo: "antes de que remate a lexislatura". Se isto acontece cumpriríase o prometido no programa electoral co que o PP concorreu ás eleccións no que, literalmente, se prometía que "promoverían", en aras da "transparencia", "a elaboración da Lei de Publicidade Institucional que o bipartito non foi capaz de aprobar" para así "rematar coa inaudita tendencia ao luxo" de socialistas e nacionalistas que, acusaban, "substituíran" a "eficacia" por "ostentosas campañas de publicidade política".
Negativa en 2010 e anuncio en 2011
Neste contexto Lage Tuñas non só lembra a primeira promesa de Rueda, senón dúas oportunidades máis que, di, os populares tiveron para cumprir. En novembro de 2010, di, "aplicaron o rodete e impediron a tramitación dunha proposición de lei" socialista para iniciar o proceso e en 2011. Pero uns meses antes, lembra, remitiran unha nota aos medios asegurando que "a Xunta prepara unha lei de publicidade institucional" cuxa presentación sería "inmediata".
"Se a resposta é falar do bipartito é o mellor exemplo do seu fracaso como conselleiro", di Lage; "triste balance e ademais, cansino", engade Suárez Canal
Ante estes reproches, Rueda volveu poñer o foco no bipartito. Despois de que Lage lle amosase á Cámara múltiples páxinas de propaganda oficial publicadas ao longo destes tres anos, o número dous de Feijóo asegurou non ter "forza" dabondo "para traer a esta tribuna a cantidade enorme de anuncios que saíron durante o bipartito". "Pódolle traer cincuenta mil veces máis", asegura, "se quere xogar a iso, gañábannos por goleada". Pero iso non acontecerá, asegura o conselleiro. Pola contra, asegura ter xa en preparación un anteproxecto de lei "con alcance amplo", co que buscará "o máis amplo consenso", que conteña "as necesarias garantías de fiscalización" da propaganda e publicidade oficial e que, ademais, estea "comprometido co fomento e a normalización do noso idioma". Pasando por riba do prazo prometido Rueda sintetiza. Non haberá "incumprimento" como si o houbo no bipartito.
A argumentación do titular de Presidencia non convenceu ao autor da interpelación nin ao voceiro nacionalista no debate. "Triste balance e cansino, ademais", lamentou Alfredo Suárez Canal, quen ve "unha confesión de que non hai nada feito" na circunstancia de que "cando un leva tres anos no Goberno", teña que "recorrer a falar do bipartito". "Empeza a ser un pouco alucinante que sigan con esa cantinela, están gobernando", di, nun esceneario no que "xa non serve dicir que no bipartito se gastaba máis", entre outras cousas, porque o actual Goberno "acaba de aprobar unha norma" que "reduce o gasto público" no ámbito do funcionariado.
Se a "resposta é falar do biparito" é "o mellor exemplo do seu fracaso como conselleiro", concorda Lage, en cuxa opinión, é mellor "non imaxinar o que estarán a facer con outras decisións" se a Lei de Publicidade, considerada "urxente" en 2010, leva dous anos nun caixón. "Este Goberno ten dereito a priorizar", xustifica Rueda, e "agora lle estou dicindo que imos facer unha lei". Calquera outra petición de explicación é, na súa opinión, "caer na demagoxia" porque o bipartito, abonda, "deixou a deber 2.500 millóns de euros, probablemente gastados" en publicidade, afirma.