Xa hai tempo que o sistema alcumado pola Xunta como Gratuidade solidaria se revelou como pouco gratuíto e escasamente solidario. Lonxe de ofrecerlle axuda a cada vez máis alumnado, este modelo, que segundo a Consellería de Educación ten o obxectivo de "promover un sistema educativo orientado á [sen til, no texto orixinal] excelencia educativa, fomentando a educación en valores como o esforzo, mérito e capacidade", disponse a deixar fóra a 30.000 estudantes máis no 2014 mentres, paralelamente, o seu peso nas arcas públicas non deixa de subir.
Mentres as comunidades educativas se organizaban para autoxestionar un sistema de préstamo semellante ao implantado polo bipartito, a Consellería de Educación convocaba o pasado xuño as súas axudas para o curso 2013-2014 rebaixando a súa dotación orzamentaria nun 8%, ata os 16,2 millóns de euros. En outubro o Goberno galego chegou á conclusión de que "o importe asignado non é suficiente para atender os compromisos adquiridos ao abeiro da convocatoria" e viuse obrigado a inxectar 2,6 millóns máis, elevando a factura ata 18,8 millóns. Apenas dous meses despois, o departamento que dirixe Jesús Vázquez tivo que repetir a operación.
A factura supera xa os 21 millóns de euros, un 48% máis que a partida do bipartito para o préstamo universal
O Diario Oficial de Galicia do derradeiro día do ano, en plenas vacacións escolares, publica unha nova orde da Consellería que, con idéntico razoamento que en outubro, amplía o financiamento destas axudas con 2,6 millóns de euros máis e dá lugar a un montante total de 21,4 millóns de euros, superando así o gasto dos cursos 2011-2012 (12,1 millóns) e do 2012-2013 (19,4). Deste xeito, o modelo de axudas parciais, presentado no seu momento como unha medida "en consonancia coaa política de austeridade do Goberno da Xunta", xa supera nun 48,6% os 14,4 millóns de euros cos que os derradeiros orzamentos do bipartito, os de 2009, dotaban a partida de "fondos bibliográficos-gratuidade de libros de texto", isto é, o préstamo para todo o alumnado do ensino sufragado con fondos públicos.
Malia estas sucesivas ampliacións de fondos, os Orzamentos Xerais da Xunta para 2014, que o DOG tamén publicou este 31 de decembro, inclúen un recorte do 25% nos fondos das axudas para a compra de libros e material escolar. A consignación orzamentaria pasa de 12,8 millóns de euros en 2013 a 9,5 para 2014 -8 para libros ordinarios e 1,5 para "libros de texto electrónicos". Entre 2012 e 2013 o recorte foi do 8% e, como se vén de demostrar, os cartos non foron dabondo.