"Poderémonos dar cun canto nos dentes se o cambio final pasa por que negocian o fixo provincial" para deixar "como está" a proporción ou, en rigor, a desproporción entre poboación e representatividade no Parlamento de Galicia. O experto en análise electoral Carlos Neira analizaba deste xeito o pasado novembro para Praza o proxecto de recorte do Parlamento que o PP vén axitando dende o verán de 2012, cando UPyD lanzou unha iniciativa semellante para a asemblea rexional madrileña. Dende aquela primeira proposta pasaron ano e medio, unhas eleccións e mesmo tensións internas nas filas conservadoras. Tamén se sucederon as propostas para aforrar o mesmo ou máis sen tocar o número de deputados. Malia todo, o PP vén de activar o proceso para recortar a principal institución da autonomía política galega.
No primeiro día laborable de 2014 -o último prazo anunciado por Feijóo fora a fin de 2013- o partido da dereita aproveitou o seu habitual almorzo informativo coa prensa para anunciar o rexistro da súa proposta de reforma da lei de eleccións, co recorte de 75 a 61 escanos como punto estrela. Aínda que durante este tempo os argumentos para a modificación foron variopintos -dende pagar gardarías ata o "simbolismo"- a proposición de lei que o PP -que non a Xunta- utilizará para pasarlle a tesoira á Cámara céntrase esencialmente nos cartos. Na súa exposición de motivos a formación que sustenta o Goberno explica que "levamos varios anos desenvolvendo políticas de contención e mellora da eficiencia do gasto público" e que o poder lexislativo "non pode permanecer alleo", senón que "debe seguir avanzando no exemplarizante esforzo de contención e incremento da eficiencia do gasto público".
O PP obvia que a oposición lle propón aforrar o mesmo sen recortar deputados e centra a argumentación da reforma nos cartos
Así as cousas, o PP obvia que unha rebaixa do 20% nos salarios parlamentarios aforraría o mesmo que reducir 14 escanos e desdeña abertamente as iniciativas alternativas que lle viñeron chegando dende os grupos da oposición e mesmo dende fóra do Parlamento. A última en chegar, a formulada polo PSdeG, apostaba por "conservar os 75 deputados" pero "co mesmo nivel retributivo" que se fosen 61. Pero para os populares o reprochable é que nin os socialistas, nin Alternativa nin o Bloque quixesen termar da tesoira canda eles.
O mínimo provincial, de 10 a 8
Preso da súa propia teima, a única concesión que o PP semella disposto a facer é a de rebaixar o mínimo provincial de deputados. Así, segundo consta na proposición, de agora en diante repartiranse 8 deputados por provincia e os 29 restantes distribuiranse en función da poboación. Así as cousas, Lugo e Ourense, tradicionais celeiros de votos da dereita, seguirán sobrerrepresentadas a respecto das provincias atlánticas. Esta sobrerrepresentación, como xa advertira Neira, é agora maior que cando foi promulgada a lei electoral de 1985, toda vez que a poboación do interior non fixo máis que diminuír.
Os populares 'esquecen' a promesa de fixar debates electorais por lei e manteñen a sobrerrepresentación de Lugo e Ourense
Aínda que a través do seu voceiro, Pedro Puy, insisten en que a reforma é "menor" e "neutral", e "non altera nin o sistema electoral incrementando proporcionalidades nin o sistema de partidos na composición do Parlamento", aclaran que non entra nos seus plans tocar o 5% dos votos imposto por Fraga como barreira para obter un escano. Fano malia ser conscientes de que no interior ese 5% "sobe lixeiramente" na práctica. En Lugo e Ourense, di, "os minoritarios" xa "non poñen as súas expectativas".
Neste contexto, o PP pasa por riba da súa propia promesa, segundo a cal o recorte de deputados viría acompañado de novas medidas como regular por lei os debates electorais, e tan só introduce un precepto a maiores da tesoirada. Con esta reforma as declaracións de bens e intereses que xa son públicas seguirano sendo non por vontade das maiorías de quenda, senón porque o marca a lei. E aí queda a cousa: nin debates, nin duración das campañas nin gastos en actos electorais, como anunciaran.
Unha reforma en solitario
Co PP disposto a consumar o recorte de xeito unilateral neste primeiro trimestre de 2014, a oposición ratifica que terá que facelo en solitario. Pola banda do PSdeG o seu deputado Pablo García destaca que un partido que "goberna co voto do 24% do censo" disponse a consumar un exercicio de "trileirismo político" para "garantirse unha nova maioría absoluta con menos votos", maioría que, calcula, Feijóo "podería ter co apoio de só un de cada cinco galegos. O presidente, di, non quere "aforrar", porque "rexeitou a proposta socialista para reducir o custe do parlametno mantendo o número de deputados". Así as cousas, ratifica García, "se quere reducir democracia terá que facelo en solitario, que é como acostuma a facer todo".
PSdeG, AGE e BNG coinciden en que Feijóo busca "garantirse unha nova maioría absoluta" aínda que perda votos
Dende as filas de AGE fálase abertamente de "pucheirazo" para censurar unha reforma que, di Yolanda Díaz, só "persegue manter o bipartidismo e a posición eletoral" do propio PP, "consciente da importante perda de votos que está a ter". "A única reforma electoral que precisa Galicai é a que abunde na proporcionalidade dos votos, hoxe inexistente, e no camiño da erradicación da barreira legal do 5%", afirma Díaz, ao que a tamén parlamentaria de Alternativa Consuelo Martínez engade o PP está "máis preocupado en matera a súa posición electoral, buscando xustificacións irreais no aforro económico", que "por exemplo, en loitar contra a fraude fiscal, que si suporía importantísimos ingresos para as arcas públicas".
Tamén o BNG ve na reforma un "recorte de democracia e de autogoberno" e unha "trampa". Para a vicevoceira nacionalista, Carme Adán, o que persegue Feijóo é "garantirse unha maioría absoluta que a día de hoxe ten perdida na sociedade" e, ademais, procurar que "falemos de reducir escanos en lugar dos problemas reais de Galiza". "É un día triste para o país, porque mentres o PP quere reducir o autogoberno noutras partes do Estado se fala de camiñar cara a maiores cotas de soberanía", subliña Adán, que lembra que o propio Bloque "estivo e está disposto a analizar propostas de redución de gasto" que "non impliquen recortar democracia". "Se a pretensión é aforrar -conclúe-, propoñemos receortar os asesores do presdiente da Xunta ou a supresión das deputacións, que suporía deixar de gastar 450 millóns de euros en deputados provinciais, que non son electos".