Eran outros tempos. O 17 de xaneiro de 2007 Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijóo sentaban á mesma mesa da residencia oficial de Monte Pío para tentar pechar os últimos flocos da reforma estatutaria galega. A comisión parlamentaria que, durante meses, traballara polo miúdo na reforma non dera acordado algunhas cuestións cruciais e trasladoulle a responsabilidade última aos xefes de filas das forzas políticas que a conformaban. Tras seis horas de xuntanza as conversas remataron en desacordo, esencialmente pola posición a respecto de cuestións como a lingua e a identidade dun PP daquela inmerso nunha cruzada contra o Estatut de Catalunya. Pero o naquel momento líder da oposición tamén levaba na axenda unha reclamación máis: que para realizar reformas electorais como a que agora el impulsa dende o Goberno para recortar escanos fose necesario o apoio de, cando menos, dous terzos do Parlamento.
O propio Feijóo admitira a preguntas da prensa tras o fracaso das negociacións que un dos obstáculos para o acordo fora o establecemento desa maioría reforzada para modificar as regras de xogo electoral. Participantes no frustrado proceso estatutario consultados agora por Praza ratifican que os populares mantiveron a petición sobre a mesa ao longo de todas as negociacións. O actual presidente, que nesa altura levaba apenas un ano á fronte do PP galego, afastábase así da praxe do seu partido durante os mandatos de Manuel Fraga, que en 1993 elevou unilateralmente do 3% ao 5% a barreira para obter representación parlamentaria. Para Feijóo, abondan as mesmas fontes, o exemplo eran as maiorías reforzadas que se requiren para, por exemplo, renovar institucións como o Valedor do Pobo -tres quintos, neste caso-.
Feijóo pediu incluír a esixencia de maioría reforzada durante as negociacións do novo Estatuto
Tras o descarrilamento do novo Estatuto Touriño apresurouse en aclarar que, como prometera ao inicio do seu mandato, non habería reforma electoral se o PP se negaba a ela. "Non caerei na tentación" de actuar como Fraga en 1993 aínda que a lei o permita, explicaba, evidenciando así que deixaba aparcado o punto de acordo de Goberno no que PSdeG e BNG se comprometeran a realizar unha "reforma da lei electoral" para "garantir", entre outros aspectos, "a mellor adecuación entre electores e deputados".
Esixencia de consenso e "principios"
A necesidade de consenso para reformar a lei electoral á que aludía Touriño fora a axitada polo propio PP dende o inicio da lexislatura, concretamente dende que en setembro de 2005 o daquela conselleiro da Presidencia e actual voceiro parlamentario socialista, José Luis Méndez Romeu, anunciara no Parlamento unha "reforma da lei electoral" para "resolver, polo menos, tres cuestións pendentes: o establecemento da paridade de xénero na composición das listas", "as garantías necesarias para a emisión do voto por parte dos cidadáns residentes ausentes" e, sobre todo, "unha mellor adecuación, unha mellor proporción da atribución de escanos a cada circunscrición con respecto aos electores desa circunscrición". Esa aposta consistía, esencialmente, en paliar a sobrerrepresentación das provincias de Lugo e Ourense, tradicionais celeiros de votos da dereita e nas que para obter cada escano cómpre arredor da metade de votos que na Coruña e Pontevedra. A Xunta defendía restarlles escanos para sumarllos ás circunscricións atlánticas.
O PP advertía de que "a lei electoral é un tema básico" e non debía modificarse en solitario
Tras o anuncio de Romeu o PP amosouse "preocupado" a través do daquela deputado Manuel Ruiz Rivas, que advertiu o Goberno de que non debía "utilizar a Administración para beneficio dos seus intereses". "A lei electoral é un tema básico en todo sistema democrático e vostede deu unha serie de avisos a navegantes que ao noso grupo o deixan intranquilo", díxolle a Romeu. "Unha reforma así non pode deixarse caer nunha comparecencia", lamentaba tamén o propio Feijóo, na altura voceiro parlamentario adxunto, sete anos antes de anunciar a súa propia modificación a través dunha entrevista na prensa. Segundo quen nese momento aspiraba a suceder a Manuel Fraga unha decisión así debería consultarse coas provincias afectadas e era, en todo caso, un "sen sentido".
O bipartito renunciou á reforma ao non ter o apoio do PP, ao que agora lle faltan nove escanos para os dous terzos
A comezos de 2006, xa como líder conservador, Feijóo retomaba o asunto. Despois do seu primeiro encontro institucional con Touriño insistía na necesidade de que a redistribución de escanos non se realizase sen consenso. "Pretendo que a xente teña principios", explicaba en rolda de prensa antes de asegurar que non contemplaba a posibilidade de que PSdeG e BNG reformasen a lei de eleccións sen a participación do PP. "A palabra do presidente da Xunta hai que crela e comigo se comprometeu a que as regras do xogo, como a lei electoral, se modificarían por consenso". Ese consenso nunca chegou e Touriño, efectivamente, meteu a reforma nunha gaveta. Agora, en 2014, ao PP fáltanlle nove escanos para ter os dous terzos que antes esixía pero xa advirte de que eliminará 14 escanos aínda que ningún grupo máis o apoie.