Foi "unilateral" e "imposta" a lei do aborto de 2010?

Ministros socialistas e organizacións de mulleres tras a aprobación no Senado en 2010 © PSOE

Dende que o Goberno central lanzou a súa contrarreforma da lei do aborto a través dun informe abordado no Consello de Ministros diversos cargos do PP escenificaron certas diverxencias co proxecto que abandeira Alberto Ruiz-Gallardón. Entre os discordantes non está o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen non obstante si mantén que "ben vale a pena mellorar" o texto, melloras que, segundo aclarou este xoves, deberían pasar por introducir o suposto de malformación fetal dun xeito "similar" ao da lei de 1985. Así e todo, o líder da dereita galega defende a "lexitimidade" do gabinete de Rajoy para derrogar a actual regulación de prazos aprobada no ano 2010. Segundo Feijóo, o Goberno que presidía José Luis Rodríguez Zapatero "impuxo" a súa lei e fíxoo, ademais, "sen apoios suficientes", "unilateralmente" e "nin sequera a levaba no seu programa electoral". Foi isto así?

O 17 de decembro de 2009 o pleno do Congreso dos Deputados aprobou definitivamente a vixente Lei Orgánica de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo. O texto, promovido polo Ministerio de Igualdade, saíu adiante co voto afirmativo de 184 deputados e deputadas, isto é, oito por riba da maioría absoluta. Dado que o PSOE non contaba coa devandita maioría absoluta, o grupo que sustentaba o Goberno tivo que obter apoios doutras formacións, e así foi. O texto tivo o "si", ademais do PSOE, do PNV, do grupo que daquela formaban ERC, IU e ICV, do BNG, de Nafarroa Bai e de dous membros de CiU, coalición que deu liberdade de voto aos seus representantes. Na banda contraria situáronse, ademais do PP e a súa marca navarra, UPN, UPyD, Coalición Canaria e sete deputados de CiU, 158 votos en total.

Referencia ao aborto no programa do PSOE de 2008 © PSOE

Feijóo mantén que a lei foi "unilateral" e sen apoio dabondo, pero tivo maioría absoluta nas cortes

A "unilateralidade" criticada agora por Feijóo non existiu no Congreso e tampouco no Senado. Alí o texto enfrontábase ao veto do PP, de UPN e dos senadores de Unió Democrática, ademais de a 88 emendas parciais. As emendas totais e parciais foron rexeitadas e, acto seguido, votouse o texto definitivo. Estivo a favor o PSOE e con el, os senadores de Entesa (PSC, ERC e ICV), PNV, BNG, tres membros de CiU, un do PSM, un de Coalición canaria e dous independentes. Ao lograr 132 dos 262 posibles, maioría absoluta, o texto ficou definitivamente aprobado. Non existiu neste caso tampouco, polo tanto, aprobación "unilateral" e, obviamente, os apoios foron dabondo.

O presidente nega que a reforma figurase no programa do PSOE, pero si aparecía nel

Dous meses despois da aprobación nas Cortes a nova lei entraba en vigor. Os socialistas aseguraban daquela que estaban a cumprir os seus proxectos de garantir os dereitos das mulleres e facer realidade reclamacións "históricas" do feminismo. Pero, estaban a modificación da lei no programa electoral co que o PSOE concorrera ás eleccións de 2008? Ao contrario do afirmado por Feijóo, si.

Na páxina 224 do programa os socialistas anunciaban que ían "promover a reflexión, atendendo ao debate social, sobre a vixente Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e a posibilidade de modificala coa fin de garantir a equidade no acceso e á calidade desta prestación sanitaria". "Calquera posible modificación deberá basearse nun amplo consenso garantindo, na súa aplicación, a seguridade xurídica para os equipos médicos e para as mulleres cuxa vontade debe ser respectada dentro dos límites da lei", agregaba.

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Ana Varela

O programa do PP e o "consenso tácito" de 1985

O programa electoral é, precisamente, un dos argumentos máis recorrentes de Feijóo para defender, aínda que cos matices da malformación, o plan de Ruiz-Gallardón. "Por suposto que aprobo o cumprimento dun programa electoral dun partido", afirmou o presidente tras o Consello da Xunta deste xoves, foro no que aseverou que "o que está tentando o Goberno é ser coherente" con esas promesas formuladas antes das eleccións de 2011. Esas promesas eran, no entanto, tanto ou máis vagas que as do programa do PSOE en 2008: "A maternidade debe estar protexida e apoiada. Promoveremos unha lei de protección da maternidade con medidas de apoio ás mulleres embarazadas, especialmente ás que se atopan en situacións de dificultade", rezaba o programa conservador. "Impulsaremos redes de apoio á maternidade", continuaba, antes de prometer que "cambiaremos o modelo da actual regulamentación sobre o aborto para reforzar a protección do dereito á vida, así como das menores". Ningunha concreción máis.

O titular da Xunta apela ao "consenso tácito" de 1985, cando os populares tamén se opuxeron á primeira lei do aborto

Segundo Feijóo, estes principios xerais e o anteproxecto lanzado polo Ministerio de Xustiza "están buscando recuperar o consenso tácito da primeira lei de 1985, que ningún goberno modificou en 25 anos". Cómpre ter "tranquilidade neste asunto", abonda, para "ver como podemos incorporar o consenso tácito que houbo en España durante 25 anos, un cuarto de século, que non é pouco tempo". Se ben é certo que é imposible comprobar se un consenso tácito existiu ou non, non o é menos que a despenalización do aborto de 1983 tivo o voto en contra do Grupo Popularasí como a posterior lei, impulsada polo Goberno de Felipe González e recorrida ante o Tribunal Constitucional polo propio Grupo Popular. O deputado que se encargou do recurso foi José María Ruiz Gallardón, pai do actual ministro de Xustiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.