A Xunta encabeza o novo copago, que non aplicará nin De Cospedal

Mobilización contra o copago en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

O 1 de xaneiro foi a data fixada polo Ministerio de Sanidade para a entrada en vigor do novo repagamento, o que afecta a unhas 160 presentacións de case medio cento de medicamentos que os e as doentes recollen directamente no hospital e non nas oficinas de farmacia ordinarias. A medida, con moito máis impacto nos petos máis desfavorecidas que nas arcas públicas, foi rexeitada abertamente polas autonomías nas que non goberna o PP, como Andalucía, Euskadi ou Canarias, que se negan a aplicala, pero tamén foi recorrida por Castilla y León, que gobernan os conservadores. Tamén outras autonomías populares, como Extremadura, Balears ou La Rioja, se resisten a asumila alegando problemas de xestión. Ao contrario que os seus compañeiros de filas, o presidente da Xunta asumiu dende hai meses o repagamento, e agora disponse a cobralo aínda que non o fará nin a secretaria xeral do PP, a tamén presidenta de Castilla-La Mancha, Dolores de Cospedal.

Nunha entrevista conxunta organizada polo seu gabinete, De Cospedal asegurou que o seu Goberno ten a "obriga de cumprir as leis do Goberno de España, pero tamén a de coidar das persoas da miña rexión, e non hai ninguén máis vulnerable que aquel que ten unha enfermidade grave". Por este motivo, explica, "non lle vou pedir a ningún cidadán cunha enfermidade grave [estes medicamentos tratan doenzas como o cancro ou a hepatite] que axude ao pagamento, aínda que sexa con catro euros como moito, de ningún meidcamento para unha enfermidade como un cancro". "En Castilla-La Mancha o copagamento hospitalario pagarao exclusivamente a Junta de Castilla-La Mancha, en ningún caso o cidadán cunha enfermidade grave", remachou.

De Cospedal: "teño a obriga de cumprir a lei, pero tamén a de coidar as persoas da miña rexión"

Mentres De Cospedal celebraba o seu encontro coa prensa, en Compostela Feijóo presidía a reunión semanal do Consello da Xunta. Ao seu remate, o presidente tamén foi cuestionado pola prensa, igual que a número dous do seu partido en Toledo. "As leis dítanse para cumprirse, con independencia da opinión de cada responsable político" e, dado que "temos unha lei que regula unha competencia estatal de carácter exclusivo", a política farmacéutica, "o que imos facer é cumprir a lei", isto é, cobrarlles aos doentes. Argumenta Feijóo que "non cumprir a lei supón unha responsabilidade dun cidadań", polo que cabe "imaxinar" o que acontecería "se un político se declara en rebeldía no cumprimento dunha lei"

Feijóo insiste en que "cumprirá a lei" e reduce a "discusión" a cuestións técnicas

Lonxe das reservas expresadas pola número dous de Mariano Rajoy no PP, Feijóo céntrase en "lembrar" que "temos 6.000 presentacións farmacéuticas idénticas a estas 147, con prezo reducido" e que "o novo sistema non afecta aos parados, non afecta ás pensións non contributivas" e, polo tanto, "non afecta aos límites que se teñen que pagar polos pensionistas", isto é, ao copagamento farmacéutico xeral que tamén implantou o actual Goberno de España. Ao seu xuízo, esta "discusión" pode "zanxarse no ámbito da oportunidade", cuestionando unicamente "se é anticipado ou non facelo nos hospitais sen previo acondicionamento para a facturación". A cuestión é, polo tanto, puramente técnica, vén dicir.

O presidente "non ten a cabeza en Galiza"

O entusiasmo de Feijóo na aplicación do novo repagamento foi acollido con duras críticas no seo da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, a plataforma xurdida en Riotorto tras a decisión deste Concello, seguida por outros, de asumir o custe destes medicamentos para a veciñanza que o precise. Para o alcalde desta vila luguesa, Federico Gutiérrez (BNG), "esta decisión dá mostra da catadura do Goberno galego, cuxo presidente non ten a cabeza en Galiza". A xuízo de Gutiérrez, "o presidente Feijóo está centrado no xogo da carreira sucesoria de Mariano Rajoy" e por iso encabeza a aplicación desta medida, aínda que supoña "un dobre castigo, unha dobre multa que está impoñendo o presidente, que opta por penalizar a enfermidade" e "incrementar as desigualdades entre o pobo".

A Iniciativa pola Gratuidade insta os grupos do Parlamento a "impugnar" o decreto do repago

Neste contexto, a plataforma disponse a solicitarlles aos grupos do Parlamento de Galicia "unha xuntanza para valorar as consecuencias" da entrada en vigor do repagamento e pedirlles que  "impugnen" o decreto que o susteneta. "Nun país como Galiza, castigado polas rendas baixas, o avellentamento e a dispersión poboacional, o copagamento hospitalario supón que moitos pacientes se vexan na obriga de deixar tratamentos vitais por non poder pagalos", advirte Gutiérrez. Segundo Feijóo, estas e outras críticas semellantes son "unha demagoxia que non merece a sanidade pública".

Feijóo, durante o Consello da Xunta © Ana Varela
De Cospedal, no seu encontro coa prensa © Junta de Castilla-La Mancha

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.