As vítimas foron o centro da marea de solidariedade que seguiu o accidente do Alvia, o 24 de xullo do pasado ano na parroquia compostelá de Angrois. As 80 persoas que perderon a vida na traxedia, as persoas feridas e as súas familias foron tamén receptoras de multitude de homenaxes e lembranzas nos días e semanas inmediatamente posteriores ao suceso. Pero entre a profunda dor que as acompañaba esas mesmas vítimas lanzaron unha petición: "Queremos saber a verdade, que nos digan que pasou. Se é certo que o accidente se puido ter evitado intenten que nunca máis volva pasar. Déanlle un sentido a todo isto", pediron na homenaxe civil de finais de xullo. Medio ano despois as propias vítimas manteñen e concretan esa demanda: esixen investigar o sucedido, tamén no ámbito político. Pero iso seguirá sen suceder.
Unha das dúas agrupacións de vítimas, a Plataforma Víctimas Alvia 04155, ve agora máis motivos ca nunca para que esa indagación se produza. Tras coñecerse que o xefe dos maquinistas de Ourense xa alertara da peligrosidade da curva da Grandeira ano e medio antes do accidente, este colectivo amósase convencido non só de que "o accidente se puido evitar", senón tamén de que "Renfe, Adif e o Ministerio de Fomento ocultan información" e, máis aínda, que "menten ao asegurar que están colaborando coa Xustiza"
Unha das plataformas de vítimas cre que o Estado prioriza "o negocio da alta velocidade" sobre o esclarecemento dos feitos
E todo isto, por que? Despois de anos a "vender alta velocidade, sistemas automáticos" e "maior seguridade", "tras o accidente négano todo e tentan ocultar información", din. As "verdadeiras preocupacións" das institucións, conclúen, "son o negocio da alta velocidade, por riba das vítimas" e por iso, din, "esiximos crear unha comisión de investigación para coñecer a verdade e depurar todas as responsabilidades políticas". Esixen, ademias, que "Renfe, Adif e o Ministerio colaboren coa Xustiza".
PP e PSdeG non mudan de posición
A comisión de investigación reclamada especificamente polas vítimas, a do Congreso dos Deputados, xa foi rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do PSOE. O mesmo aconteceu no Parlamento de Galicia onde, non obstante, os grupos terán que volver votar ao respecto a instancias, novamente, dunha iniciativa conxunta de AGE e BNG, grupos que nos últimos días dubidaron do interese de populares e socialistas para aclarar todo o sucedido en Angrois, tamén as posibles responsabilidades políticas. Este debate chegou este luns á habitual rolda de prensa do voceiro do PP na Cámara galega, Pedro Puy, quen ratificou o agardado. Non haberá investigación porque o Parlamento de Galicia non vai poder dilucidar nada relevante, vén dicir.
Os populares obvian novamente o Regulamento e teiman en que o Parlamento carece de competencias para investigar
"Compartimos e desexamos que se aclaren as circunstancias que provocaron o accidente", asegura Puy, para quen xa hai "investigación" dabondo "en tres sedes": os xulgados, a Comisión de Investigación de Acidentes Ferroviarios e a subcomisión que, nas Cortes Xerais, "analiza este sinistro e o estado da rede ferroviaria". "Desexamos que estas tres investigacións conflúan nunha explicación clara que satisfaga primeiro as vítimas, segundo as súas familias e terceiro, ao conxunto da sociedade", engade. Pero, por que non en Galicia? De novo, o PP obvia novamente o Regulamento do Parlamento e asegura que "non está capacitado competencialmente" para abordar a investigación. Ademais, "non vai engadir nada novo ou de máis calidade ao que se está investigando", afirma.
Nada novo baixo o sol no PP e tampouco no PSdeG. O seu deputado Xosé Sánchez Bugallo, ex alcalde de Santiago, ratificou este luns que a posición do seu partido "non experimentou cambios". Preguntado ao respecto nunha comparecencia convocada para abordar asuntos de vivenda, Bugallo defende o carácter "minucioso e serio" da investigación xudicial e apunta que os socialistas se volverán abster cando toque votar a proposta de Alternativa e do Bloque. Cuestionado polas suspicacias dos grupos propoñentes a respecto da "vontade" de PP e PSOE por esclarecer os feitos, Bugallo coida que "sempre hai xente mal pensada", pero "tamén haberá outros que pensen que hai quen busca sacar peito coa desgraza allea, pero son persoal mal pensadas". "É absolutamente lexítimo" que as vítimas "utilicen todos os recursos ao seu alcance". Pero, en todo caso, no Parlamento de Galicia non se vai investigar.