Nos últimos anos a Xunta veu cumprindo moi discretamente as súas obrigas de transparencia cara á oposición. O pasado setembro este diario revelaba que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo retiña máis do 60% dos documentos que PSdeG, AGE e BNG lle reclamaban ao abeiro do artigo 9 do Regulamento do Parlamento, de obrigado cumprimento. Entre os papeis pendentes estaban, por exemplo, os referidos ás relacións con Marcial Dorado ou aos acordos con Pemex. Apenas catro meses despois preséntanse dúas novidades neste escenario. A Presidencia do Parlamento retomou a publicación da memoria de actividade parlamentaria, que suspendera en 2013 sen alegar motivo ningún, e nela fica reflectido que o Executivo pisou notablemente o acelerador á hora de achegar a documentación que require a oposición.
Neste curto treito temporal a Xunta pasou de ter sen contestar o 63% das peticións de documentación a ter entregados, precisamente, o 63% dos papeis que se lle reclamaron no que vai de lexislatura. Así, con data de 30 de decembro dende San Caetano negábanse menos de catro de cada dez solicitudes, todo un récord dende que o PP retornou á Xunta se son tidos en conta os antecedentes, marcados por escasísimos niveis de transparencia. Nomeadamente, a finais de ano estaban sen responder 179 das 486 solicitudes de documentación presentadas pola oposición dende o inicio da lexislatura.
O PP presentou tres solicitudes, as tres sobre concellos do BNG, e todas foron respondidas
A mellora no ritmo de respostas é homoxénea entre os tres grupos da oposición. Así, por exemplo, en setembro o PSdeG agardaba polo 60% dos papeis que pedira e agora ten en trámite 123 solicitudes, apenas o 35% do total. No caso de AGE no outono tiña retida o 68% da documentación e agora, o 40%. Como daquela o BNG segue a ser, porcentualmente, o grupo máis prexudicado, aínda que se en setembro só obtivera o 24% do que solicitara, agora este indicador ascendeu por riba do 57%. Mención aparte merecen as solicitudes de documentación do PP; só presentou 3, as tres sobre a xestión de concellos gobernados polo BNG, e as tres foron respondidas.
Veto sistemático ás comparecencias
A memoria que o gabinete de Pilar Rojo decidiu volver publicar permite observar tamén que o cambio de comportamento dos conservadores a respecto dos documentos que pide a oposición non se extendeu a outras prácticas parlamentarias, caso por exemplo das solicitudes de comparecencia. Neste tempo, o presidente da Xunta só accedeu unha vez a comparecer, en pleno escándalo polas fotos de Marcial Dorado e, en total, de 133 solicitudes de comparecencia presentadas, só 30 foron tramitadas e a práctica totalidade con resultado negativo, exceptuando a devandita comparecencia de Feijóo.
Un comportamento semellante ten a maioría do PP a respecto das leis que propoñen os demais grupos. Ao longo de 2013 a oposición formulou 15 proposicións de lei, das que só 6 foron tramitadas e as 6, rexeitadas. As 9 restantes seguen, polo momento, en tramitación. Mentres, pola banda do Goberno presentáronse 15 proxectos de lei, dos que 14 xa foron aprobados e 1 máis está aínda en fase de tramitación.