O prego da xestión de multas en Santiago redactouse "de acordo" coa Pokémon

Seguimento a Conde Roa, Currás e a presuntos membros da trama © Axencia Tributaria

"Fraude e exaccións ilegais, tráfico de influencias no Concello de Santiago e outros delitos". Na primavera de 2012 non había nin un ano que o PP gañara as eleccións en Santiago e levaba apenas oito meses de poder efectivo na capital galega. No entanto a varios dos membros do gabinete dirixido por Gerardo Conde Roa xa lles dera tempo a entablar fortes ligazóns cos presuntos líderes da trama Pokémon, ata o punto de concordar con eles as condicións que o Concello compostelán ía esixir para a concesión de determinados servizos coa fin de que ás súas empresas lles fose máis doado acceder a eles. Isto é o que aconteceu, segundo os investigadores do caso, coa xestión das multas do departamento municipal de Tráfico.

Segundo consta na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, o daquela xefe de gabinete de Conde Roa, Ángel Espadas, mantivo unha xuntanza con Alexandre Ros, máximo responsable da empresa GRS ARc Local, e dela saíu "un acordo entre ambos para como redactar o prego dun contrato de colaboración de xestión integral dos expedientes sancionadores por infraccións contra a normativa de tráfico", prego que "inclúe a normativa de ordenamento e regulación do servizo da ORA e aparcadoiro de residentes". Trataríase, presuntamente, de "favorecer os intereses da empresa de Alexandre Ros.

Segundo o sumario, existiu un "acordo para como redactar o prego do contrato" de xestión de multas

Neste caso o conseguidor non sería só Espadas, senón que nesa xuntanza "participaría tamén Albino Vázquez", daquela concelleiro de Mobilidade e Tráfico, "de quen sabemos" que estaba "a participar activamente na redacción" dos pregos, sinala a xuíza Pilar de Lara nun auto do 11 de maio de 2012, no que tamén chama a atención sobre que "Espadas fixo ofrecemento a Alexandre Ros" para "facer cambios" se o consideraba oportuno. Toda a operación semellaba marchar sen problemas ata que, a comezos de abril, estoura o escándalo da fraude fiscal do alcalde que deriva na súa marcha do posto. "A dimisión do alcalde de Santiago altera todos os plans", escribe De Lara, se ben a trama non desistiu, nin moito menos, das súas intencións.

"Refacer pontes" con Ángel Currás

Ante a marcha de Conde Roa "sóubose do interese que teñen Ángel Espadas e Alexandre Ros en que fose alcaldesa Paula Prado", segundo deducen os investigadores dunha escoita telefónica na mañá do 10 de abril. O que "iría mellor" sería que Conde Roa continuase no posto pero, en caso contrario, o realmente "necesario" sería o "papel de Ángel Espadas". Estas impresións intercámbiaas Ros con José Luis Míguez, responsable de Aquagest en Santiago e, segundo o sumario, mediador esencial da trama ante o Concello. Para Míguez o ideal tamén que "quede no sitio Paula Prado e non un chupatintas" que Conde Roa "tiña ao seu redor, un vello que se chama Currás", isto é, o actual alcalde de Santiago, tamén imputado no caso.

A trama apostaba por que Paula Prado "quede no sitio" de Conde Roa e non Currás, a quen vían un "chupatintas" e un "estirado"

Mentres GRS vai recibindo cumprida información dos trámites do concurso de xestión de multas a través de Espadas, de Albino Vázquez e de funcionarios afíns -concesión á que tivo que renunciar en decembro de 2013 tras a súa creba- os axentes de Vixilancia Aduaneira escoitan que Míguez xa ten noticias de que o seus desexos de ver a Prado na Alcaldía non se van cumprir. "Míguez -recolle un dos informes- di que [Conde Roa] lle impuxo ao presidente da Xunta a Currás para dimitir". O "malestar" do suposto contacto da trama en Santiago é evidente, "Currás é moi estirado e non se sabe por onde vai saír", máis aínda cando outro dos obxectivos da trama, a prórroga da concesión municipal con Aquagest, estaba "preparada para presentala en Xunta de Goberno". "A oposición non se ía enterar", abonda Míguez. "O informe fóra preparado para interese de Aquagest", cre a xuíza.

Neste contexto, Alexandre Ros "pídelle a José Luis Míguez que siga intercedendo". Agora Míguez "ten que refacer pontes co tío este [Ángel Currás], porque non ten relación con el". Con este obxectivo é co que se organiza un xantar nun céntrico restaurante da cidade "con Gerardo e con el". Ese xantar celebrouse e, aínda que Conde Roa "esqueceu" convocar a Currás, "chamouno, explicáronlle todo e moi ben". A remate, os axentes fotografaron a ambos xunto aos líderes da trama -imaxes que acompañan esta información- e rexistraron unha conversa na que Espadas lle explica á súa dona que "o xantar foi correcto", segundo José Luis Míguez. Para a esposa de Espadas "o importante" tamén é "que trague Currás".

Xestións de Conde Roa e un emprego para Espadas

Conde Roa foi animado a "dispoñer como se fose o director territorial de Aquagest" para culminar o amaño do contrato

Entre mostras de "desánimo" e "preocupación" por parte de todo o grupo, tras a dimisión do alclade "seguen os movementos" pola súa banda e pola de Ángel Espadas "para conseguir o contrato" de Aquagest, segundo a xuíza. Así, "Espadas fala con Currás e coméntalle as súas impresións" a respecto, por exemplo, "do mal que funcionaba a Concellería de Facenda" ou da "fichaxe do novo interventor municipal". "Espadas di que o primeiro que lle dixo Gerardo a Ángel Currás foi o de Aquagest", non en van, o xa ex alcalde está autorizado por Míguez para "dispoñer como se fose o director territorial de Aquagest". Así e todo, Espadas admite que a "súa relación política" con Currás "é inexistente" con independencia de que este sexa "amigo dos seus pais".

O 18 de abril Ángel Espadas xa non é xefe de gabinete da Alcaldía que xa ocupa Ángel Currás e por iso os seus contactos xa lle procuran unha saída laboral. Outro dos cargos de Aquagest, Henry Laíño, "recoñece ter contratado a Espadas" pero dun xeito "non directo, xa que  lle pagarían a través dun terceiro", di o sumario. Nesta liña, o día 27 de abril Espadas explícalle á súa dona que "está todo arranxado". "Espadas vai cobrar 3.100 euros netos, que era o qeu cobraba no Concello, e comisións dos dous lados", isto é, de Aquagest e da empresa Única. A xuízo de Laíño "a Ángel masacrárono", xa que "estaba de xefe de gabinete do alcalde" no canto de "marchar a unha dirección xeral da Xunta que lle ofreceran". "Pero quedou no Concello por Gerardo e polo noso proxecto".

Seguimento a Conde Roa, Currás e os presuntos líderes da trama © Axencia Tributaria

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.