A Pokémon non regalaba nada

Varela, ante un logotipo de Aquagest cun dos presuntos líderes da trama, Henry Laíño © Concello de Santiago

"O Grupo Vendex consegue as concesións e adxudicacións de servizos públicos a cambio de conceder contraprestacións". Esta é unha das conclusións máis reiteradas polos investigadores de Vixilancia Aduaneira e pola xuíza Pilar de Lara ao longo do treito do sumario da operación Pokémon sobre o que xa non pesa o segredo de sumario, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública. "Na maior parte das ocasións, tales contraprestacións consisten en pagamentos de sumas de cartos a funcionarios e políticos", aseguran, apoiándose nas conversas telefónicas intervidas. "Noutras ocasións, tamén acompañado das comisións de cartos, prodúcese a contratación de persoas afíns ao órgano oficial contratante e solicitados ao adxudicatario". No entanto, en ocasións estas contraprestación van alén dos meros 'enchufes'.

Das abondosas escoitas telefónicas realizadas polos axentes a cargos municipais do Concello de Santiago despréndese que as empresas que estaban presuntamente no centro da trama, as do devandito grupo Vendex e Aquagest, financiaron diversas actuacións do Concello coa pretensión de obter ou prorrogar concesións de servizos públicos. Esta circunstancia, atendendo ao sumario, deuse con especial intensidade no ámbito deportivo. Así, por exemplo, a investigación deduce que no consistorio compostelań "se estaban desviando cartos" cando, por exemplo, o ex xefe de gabinete do alcalde, Ángel Espadas, lle explica a un dos supostos líderes da trama, José Luis Míguez, de Aquagest, "que este ano leva el a Compostela Cup -un torneo de fútbol base- e que precisa unha axuda".

Un dos presuntos líderes da trama "quéixase" de "achegar moito e non recibir nada"

Míguez, sinalan os investigadores, explícalle a Espadas que "xa llo deu todo ao concelleiro de Deportes", Adrián Varela -alcumado Pijolandia pola trama-, "que este ano lle deu unha barbaridade e que agora ten un problema moi grande", porque o alcalde, Ángel Currás, "non se fai cargo do que lle achegou ao outro" aínda que o titular de Deportes "é o mesmo". "Míguez di que os espremeron o que non os espremeran os outros", en referencia ao anterior goberno municipal, "e que non sabe como xustificalo na súa empresa". Malia estas reticencias, "Ángel pídelle 3.000 euros para os trofeos e Míguez dille que xa mirar se llos pode dar". Na mesma liña, noutra conversa co propio edil de deportes "Míguez dille que como xustifica os 60.000 euros na súa empresa, que xa os meteu no Concello". "Quéixaselle a Adrián de que está achegando moito e non recibe nada".

Presión para a renovación e orzamentos "irreais"

Os responsables de Aquagest esixían, segundo a investigación, unha suba na factura da auga en Santiago

A tensión derivada de achegarlle cartos ao Concello sen acabar de ver confirmadas a aspiracións da presunta trama amósanse tamén nunha conversa entre Míguez e outro dos responsables de Aquagest na capital galega, Casimiro González. Atendendo a un informe policial, Míguez explícalle a González "que vén de estar co concelleiro de auga e saneamento, ao que lle rehabilitara as oficinas por 32.000 euros pola cara" e, apoiándose nesa achega, "sácalle o tema das tarifas e da renovación" da concesión do servizo municipal de augas. "Míguez díxolle ao concelleiro que a empresa xa non pode achegar máis", porque "xa puxo 180.000 euros para as festas e para o Obradoiro -o club de baloncesto da cidade-" nun contxto no que "lles baixou a facturación un 25%", por iso reclaman unha suba do recibo da auga na cidade. "Noutra chamada -recolle Vixilancia Aduaneira- Míguez di que o concelleiro lle pediu 46.000 euros para reparar a súa oficina" e este, á súa vez, "esixiulle" ao edil "proxectos por 400.000 euros".

O PP "non pode dar a imaxe de que non ten orzamentos" despois de "atacar o PSOE e o BNG porque non se puñan de acordo"

Sempre segundo o sumario, o goberno municipal estaría disposto a esa suba de tarifas, pero antes era necesario aprobar uns orzamentos municipais que nese 2012 levaban un atraso moi notable. Así, Míguez explícalle a Adrián Varela que o propio Currás "lle dixo que o 1 de maio estań os orzamentos ou rodan cabezas". Para Varela ese proxecto orzamentario "é irreal" e Míguez semella concordar, se ben "aínda que os orzamentos sexan irreais" cómpre "aprobalos", xa que o PP "non pode dar a imaxe de que non ter orzamentos" despois de, nos seus anos de oposición, "atacar ao PSOE e ao Bloque porque non se puñan de acordo cos orzamentos".

Varela, ante un logotipo de Aquagest cun dos presuntos líderes da trama, Henry Laíño © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.