En xullo de 2005 Galicia vivía os derradeiros días do fraguismo. Tras as eleccións do 19 de xuño e o agoniante reconto do voto emigrante o PP de Manuel Fraga ratificaba que perdera a maioría absoluta e que cumpría deixarlle paso a un Goberno de coalición de PSdeG e BNG. O propio patrón da dereita española convenceu a cúpula estatal do seu partido para non litigar nos xulgados e asumía o seu paso á oposición. Ata o 2 de agosto, que socialistas e nacionalistas colleron o temón da Xunta, o Executivo que vicepresidía Alberto Núñez Feijóo seguiu traballando e abordando, en verbas de Fraga, esencialmente "asuntos de trámite". Non obstante, algún deses trámites medíase en millóns de euros, caso por exemplo da adxudicación dos dous últimos edificios da Cidade da Cultura -150 millóns-, o "soño" do presidente saínte que case dez anos despois fica, definitivamente, nos planos deseñados por Peter Eisenman.
O sucesor de Fraga no PP e actual titular da Xunta anunciaba este xoves que, case un ano despois de que o Parlamento o decidise ao aprobar unha iniciativa do BNG, o Goberno culminara os trámites para cancelar a construción do que ían ser o Teatro da Música e o Centro de Arte Internacional do Gaiás. A parálise definitiva é o resultado de meses de negociación no que o Executivo se resistiu a informar en aras da "discreción" e que dá como resultado un complexo arquitectónico cun enorme buraco que "podería" -e, polo tanto, tamén non podería- ser tapado, cando menos en parte, cunha caste de remendo arquitectónico promovido por algunha das empresas que accederon a non construír os edificios contratados e facelo, ademais, "renunciando ao beneficio industrial que lles puidera corresponder", di o presidente.
As empresas poden "deseñar, construír e explotar un edificio ou carpa pétrea" no lugar onde ían os edificios cancelados
Quere isto dicir, polo tanto, que as construtoras renuncian de balde? Non. Durante os dous meses seguintes á sinatura da resolución dos contratos o Goberno negociará coas empresas "a cifra que se abonará" en concepto de "gastos incorridos que sexan debidamente xustificados", isto é, pagaranse as obras que xa se fixeron. Acto seguido e ata o 31 de decembro estas tres sociedades poderán exercer unha "opción de dereito de superficie", que lles outorga, segundo información da Xunta, "a opción de deseñar, construír e explotar un edificio ou carpa pétrea no lugar dos anteriormente proxectados", que "deberá suxeitarse aos obxectivos culturais e ao Plan Estratéxico de Gaiás".
Usos comerciais e concesión de ata 35 anos
Non se trata, aclara Feijóo, de que unha construtora vaia "facer un teatro" de balde, senón "un edificio" de seu en pleno complexo público para realizar "eventos e actividades de carácter cultural", aínda que "admitiría usos comerciais complementarios vinculados ao seu uso cultural", como "cafetería, tenda ou similares". No caso de concretarse o que a Xunta define como "hipótese" a intención sería a de "finalizar o deseño volumétrico proxectado por Peter Eisenman", é dicir, que apariencia exterior do complexo fose semellante á deseñada polo arquitecto aínda que o que haxa dentro sexa algo diferente, non un teatro ou un museo públicos senón un espazo explotado en réxime de concesión por unha construtora durante ata 35 anos. A Xunta, pola súa banda, podería utilizar parte deste hipotético edificio "para uso público unha serie de días ao ano".
Aínda que dun xeito sensiblemente máis peculiar que na anterior ocasión a Xunta tenta de novo implicar a iniciativa privada no Gaiás, desta volta para procurar tapar os resultados das súas propias decisións. Trátase, segundo Feijóo, de responder ao que "a sociedade nos demandaba" e de "cumprir co deber". Neste sentido, o presidente mesmo chega a invertir a cronoloxía dos feitos e afirma que esta foi unha "decisión adoptada polo Goberno da Xunta e respaldada pola maioría dos grupos do Parlamento", cando o que realmente aconteceu foi que a Cámara lle deu o visto e prace a unha moción do Bloque inicialmente rexeitada polos conservadores, pero finalmente aceptada tras unha orde de Feijóo. AGE tamén a apoiou e o PSdeG abstívose, posicións argumentada polo gasto que, dicían, traería consigo a paralización.