A Pokémon teimou en encarecer o recibo da auga en Santiago

O alcalde de Santiago e o edil de Saneamento, nun acto con Aquagest © Concello de Santiago

Aos presuntos líderes dunha das pólas da Pokémon non lles saían as contas. Se o sumario da causa instruída pola xuíza Pilar de Lara fose unha novela unha das tramas máis recorrentes sería a teimosía dos responsables da empresa Aquagest por renovar a concesión do servizo de augas de Compostela, unha prórroga que non lles daba chegado malia á eliminación de obstáculos como as persoas titulares da secretaría e da intervención municipal no Concello e que se complicou coa definitiva caída en desgraza de Gerardo Conde Roa. Ademais de para lograr esa renovación, proceso no que tentaban utilizar todas as súas influencias, a presión tiña outro obxectivo fundamental, segundo a investigación: incrementar a recadación do recibo da auga.

Segundo consta nos informes de Vixilancia Aduaneira incluídos na parte do sumario que sobre a que xa non pesa o segredo, un dos dirixentes composteláns de Aquagest, José Luis Míguez, expresa nunha chamada telefónica a súa contrariedade pola reticencia do Concello a aplicar un incremento na factura equivalente á suba do IPC. Así, nunha conversa cun home identificado como Luis "pregúntalle se no seu contrato teñen a revisión automática das tarifas pola suba do IPC". "Luis dille que si, pero que en 2011 a interventora cargouno polo morro, eles reclamaron e vanllo pagar". 

Míguez "ameazou con meter unha factura de 200.000 euros de suba das tarifas"

Neste contexto, Míguez "interésase pola forma da reclamación" mentres segue a "queixarse polo maltrato que lle está dando o Concello", que lle "devolveu as facturas do incremento do IPC" malia ao "compromiso do anterior alcalde", Gerardo Conde Roa. Dado que todo parecía indicar que non ía haber incremento da recadación Míguez transmítelle a Luis o que xa lle advertira a algúns membros do Goberno municipal: que como non hai máis cartos, "a partir de agora non van participar en nada", aínda que nos últimos anos "participaron en moitas cousas e grazas a Aquagest hai un equipo na cidade que está na ACB", en referencia ao Obradoiro. "Míguez -recolle outro informe- ameazounos [ao Concello] con meter unha factura de 200.000 euros de suba das tarifas que non está aprobado" e por iso "están deixando de poñer cartos para actos cívicos relacionados co Concello como facían antes". Segundo Míguez "ao final a pelota vai ascender a un millón de euros".

"Desvío de fondos" para equipos deportivos e festas

O financiamento de equipos deportivos composteláns a través de empresas da presunta trama é, precisamente, outra das liñas de investigación da xuíza. Indaga nisto despois de que os investigadores incluísen como feitos "destacados" nos seus informes a "entrega de cartos por parte da empresa Aquagest ao Obradoiro" pero non por altruísmo ou por amor ao deporte, senón "para conseguir a prórroga do contrato" co Concello. "Míguez -detalla un informe- recoñece" esa entrega de cartos, que se concretaría nun "desvío evidente de fondos a outros fins que non son os do contrato que ten Aquagest".

A empresa ameazaría con deixar de financiar actos e equipos se non recadaba máis

"Realízanse achegas de cartos por Aquagest para empresas suxeridas por autoridades de Santiago", algunhas delas "moi relevantes pola súa contía", relata Vixilancia Aduaneira antes de salientar que a compañía de augas "entregoulle 60.000 euros ao Obradoiro como acordo para renovar a concesión en Santiago", entrega que se produciría "a iniciativa de Ángel Espadas", alcumado Puñales, para "pagar nóminas e xogadores". Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, "pide 70.000 euros para o equipo Lobelle de fútbol sala". Noutro punto da investigación Vixilancia Aduaneira intervén unha conversa na que Míguez lle explica a outro dirixente da empresa, Casimiro González, que "vén de estar co concelleiro de Auga e Saneamento, ao que lle rehabilitara as oficinas por 32.000 pola cara" e lle dixo "que a empresa xa non pode achegar máis, que xa puxo 180.000 euros para as festas e para o Obradoiro".

Preguntas da xuíza a Adrián Varela

As achegas aos equipos da cidade, as contrapartidas por estas e a influencia do Concello no proceso foron unha parte fundamental do interrogatorio da xuíza ao edil Adrián Varela, imputado no caso. Ante a pregunta de se Aquagest "entregou cartos ao Concello" Varela asegura que a empresa achegou "60.000 euros" pero "directamente" ao club. El só admite que "o club se reúne comigo", porque "comigo se reúne ata o apuntador", para explicarlle que "necesitan cartos". "Tentas buscar fórmulas, sempre dentro da legalidade para axudar a entidades deportivas". En todo caso, afirma, "eu non participei na xestión" porque "foi Gerardo quen levou o tema". Non obstante, a sospeita da maxistrada é que eses cartos se entregaron como "anticipo pola renovación do servizo de augas".

A xuíza sospeita do financiamento de entidades deportivas e pregunta polo uso de facturas falsas

De Lara dubida de que o Concello non influíse nestas axudas ao club e tamén de que este recibise só os 60.000 euros de Aquagest. Faino porque os investigadores advírtena de que "se estaría entregando diñeiro dende o Concello ao club de baloncesto Obradoiro e, para que non quede constancia deste feito, estaríase realizando a través de facturas, polo que podemos deducir que se trataría de facturas ficticias que pagaría Xade", unha sociedade mixta na que participa o Concello, e por "un montante de, cando menos, 200.000 euros". Nunha gravación telefónica Varela "admite que o autorizou el" e "espera que non se entere a prensa". En conversas posteriores o propio Varela e Espadas admiten que "se fixo por tras, con facturas".

Con estes datos sobre a mesa a xuíza pregúntalle ao concelleiro "que quere dicir que iso se fixo por tras, a través de facturas" e el mantén que o financiamento se realizou "en concepto de patrocinios" por importe de "50.000 ou 60.000 euros". "E 200.000?", repregunta a xuíza. "Si, pode ser", admite o edil, que tras explicar a composición accionarial de Xade -nela participa o Concello minoritariamente e empresas propiedade do presidente do Obradoiro- detalla os motivos polos que non quería que os feitos chegasen a ouvidos dos medios de comunicación: "porque politicamente estamos vendendo que imos colaborar cos clubs de base". En calquera caso, resalta, "non son 200.000 euros do Concello", senón "da sociedade, dos que o 33% son do Concello".

O alcalde de Santiago e o edil de Saneamento, nun acto con Aquagest © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.