Os anuncios de prostitución na prensa estiveron a un paso de ser prohibidos. No ano 2010 o desaparecido Ministerio de Igualdade apoiouse nunha proposta de UPN para iniciar o camiño para o veto para a eliminación deste tipo de publicidade nos medios de comunicación, prohibición que foi rexeitada polas empresas editoras de diarios impresos pero que, ademais de contar con aval político suficiente, tamén foi visto con bos ollos polo Consello de Estado, que nun informe solicitado polo propio Executivo o considerou axeitado e recomendaba fixar o precepto nunha lei. No verán de 2011 a reforma era enviada ás Cortes e a prohibición definitiva semellaba practicamente feita, pero os avatares da crise, primeiro, e o adianto electoral, despois, fixérona caer nun estado de hibernación do que aínda non saíu. Neste contexto, a Xunta prefire non mollarse en exceso na materia.
Mentres o Ministerio de Sanidade -departamento do que agora dependen as competencias do antigo departamento de Igualdade do Goberno central- non semella ter especial interese en resucitar este debate en plena crise publicitaria, en Galicia fóronse dando pasos para desenvolver a Lei para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, aprobada en 2007. Este desenvolvemento implicou en 2012 a creación de órganos como o Consello Galego das Mulleres ou do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero, en cuxo seo se puxo en marcha, "con carácter permanente", a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista".
A publicidade de 'contactos' estivo a piques de ser prohibida en 2011
Neste contexto, a finais de 2013 o PSdeG preguntoulle ao Goberno galego, a través da deputada Carmen Acuña, a súa "opinión sobre a publicidade que na prensa escrita se fai sobre a prostitución" e cuestionouna sobre as medidas que "recomendaría para evitar o tratamento vexatorio que nela se lle dá ás mulleres". Acuña preguntaba ademais sobre se a Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Vicepresidencia, vía "necesario modificar e controlar" as normas que rexen estes anuncios. O asunto, tramitado como pregunta oral, decaeu co remate do pasado período de sesións e vén de ser respondido como pregunta escrita, aínda que cunha enorme ambigüidade.
A Xunta limítase a explicar o funcionamento do Observatorio da Violencia de Xénero, sen fixar posición a respecto dos anuncios de prostitución
Nesa resposta o departamento que dirixe Susana López Abella explícalle á deputada o marco legal vixente e a "finalidade" da comisión sobre publicidade non sexista, creada para "eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar nas actividades das entidades, asociacións e axentes publicitarios accións positivas que cooperen á devandita erradicación". "A posta en funcionamento do Observatorio galego da Violencia de Xénero e, polo tanto, da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista vén determinada pola constitución anterior do Consello Galego das Mulleres, xa que tres vogais en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, con representación no Consello Galego das Mulleres formarán parte do Observatorio", continúa a resposta.
Despois desta explicación o departamento autonómico conclúe sinalando que "en canto se constitúa o Consello Galego das Mulleres, a Xunta procederá á constitución do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e, en consecuencia, da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista". Así as cousas, a autora da iniciativa -e por extensión, a cidadanía-queda sen saber se a Secretaría de Igualdade rexeita os anuncios de prostitución na prensa e nin sequera pode coñecer a ciencia certa se ten ou non opinión ao respecto.