A ambigüidade de Feijóo sobre o aborto exaspera a oposición

Romeu, Feijóo e Jorquera, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Impotencia. Era o que destilaban as facianas dos membros da oposición parlamentaria, especialmente das quince deputadas que se integran neles, durante as respostas ofrecidas polo presidente da Xunta sobre a contrarreforma da lei do aborto que impulsa o Goberno central. Nunha práctica pouco habitual, a confluencia temática das preguntas de PSdeG e BNG derivou na súa acumulación e, así, José Luis Méndez Romeu e Francisco Jorquera formularon na mesma quenda as súas cuestións e defensa do actual marco regulatorio da interrupción voluntaria do embarazo. Enfronte atoparon un presidente asentado na ambigüidade e no emprego de ferramentas dialécticas polivalentes para facerlle fronte a unha cuestión tan específica coma esta.

Tanto Romeu como Jorquera esixíronlle a Feijóo que fixase posición abertamente sobre este "reaccionario" proxecto que, di o socialista, parte dunha política "cínica e farisaica" para implantar un sistema "cheo de condicións disuasorias e vexatorias" para as mulleres". Feijóo, afirma o voceiro do Bloque, "segue facendo política en clave madrileña" para "cultivar a falsa imaxe de persoa centrista e sensata ante os medios de comunicación de Madrid, como xa cultivou Gallardón até chegar a ministro". Pero non só non fai nada para "impedir" que o aborto volva á clandestinidade, senón que nin sequera aclara se "pensa que ten os mesmos dereitos un óvulo fecundado que unha muller". "Que pensa facer para que non teñan que ir a Portugal a abortar?", cuestionou.

Romeu reprocha a política "cínica e farisaica" do PP e o presidente teima en que o PSOE non levaba no programa reformar a lei do aborto

Coas preguntas sobre a mesa Feijóo comezou por reducir o proxecto do Goberno central á categoría de "texto inicial". Acto seguido, e como vén facendo dende hai semanas, o seu argumentario transitou dende a equiparación entre o proxecto de Ruiz-Gallardón e a lei do aborto de 1985 -a mesma que Alianza Popular rexeitou e recorreu no Constitucional- aínda que existen notables diferenzas e o reproche ao PSOE por reformala en 2010. "Nin vostedes o levaban no programa electoral nin conseguiron o consenso das Cortes", afirmou, aínda que a proposta de reforma si estaba nese programa e aínda que a lei saíu adiante por maioría absoluta. En todo caso, asegura, "se queren confrontación co presidente da Xunta non a van ter".

De Paco Vázquez a Bildu

Coa irritación reinando xa na bancada opositora chegou a segunda quenda de Romeu e Jorquera. "Imos volver ao nacionalcatolicismo máis rancio da historia de España", alertou o voceiro do PSdeG, quen reprocha que Feijóo "minta" ao asegurar que "queren volver á lei de 1985" cando "o que pretenden é obstaculizar o dereito das mulleres á libre elección". "Queren mulleres dependentes" pero estas "nin son enfermas mentais nin están diminuídas". Tampouco, advirte, "existe" a "demanda social" á que apelan os de Rajoy. O único que "defenden" é "unha postura ideolóxica e patriarcal" porque "o que temen é a liberdade das mulleres".

Jorquera: "Non hai maioría lexitimada para impoñerlles unha decisión ás mulleres"

O ruxerruxe ía en aumento entre os escanos populares cando Jorquera tentou facerlle fronte á "psicodélica" interpretación que leva a equiparar unha muller cun "nasciturus". "Non estamos ante un problema de cruce de morais", senón ante a "imposición dunha determinada moral" que esquece que "non hai maioría lexitimada para impoñerlles unha decisión ás mulleres", imposición que responde á "verdadeira faciana" de Feijóo, "cravadiña á do señor Gallardón".

Nin PSdeG nin BNG conseguiron que Feijóo aclarase se "vai seguir apoiando este ataque sen precedentes" pero si conseguiron unha batería de respostas marca da casa. A Romeu Feijóo tentou fustigalo coa posición sobre o aborto do ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, porque "os dereitos dos galegos tamén pasan pola información". Para Jorquera reservou as consideracións sobre "cuestións éticas", porque el "nunca asumiría ir nunha coalición electoral con Bildu" e "sobre a vida hai distintas concepcións". Así e todo, afirma, a súa intención non é "confrontar sobre a interrupción voluntaria do embarazo". "As mulleres non ides dicir nada?", clamaban deputadas da oposición cara á súas homólogas do PP que, pola súa banda, saudaron o discurso presidencial cunha pechada ovación.

Bancadas da oposición durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.