0 Gardados para despois

PP e PSOE conflúen en vetar a investigación de Angrois no Congreso

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O BNG defendeu este xoves no Congreso as súas propostas de resolución con motivo do debate de política xeral que se celebrou esta semana. A deputada Rosana Pérez foi a encargada de presentar as suxestións da formación nacionalista, centradas nos sectores produtivos e nas infraestruturas galegas, pero na que tamén se incluíu "por enésima vez" a petición dunha comisión de investigación parlamentaria sobre o tráxico accidente ferrovario de Angrois, a mesma reclamación que a voceira Olaia Fernández Davila expresou no debate do pasado mércores, e que foi rexeitada. Foi a interpelación do Bloque a que provocou que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, fixese algunha alusión á traxedia na que morreron 79 persoas. Pero non houbo resposta ningunha sobre a solicitude, máis aló de advertir o Goberno de que fai todo para "saber toda a verdade" sobre o sinistro. A iniciativa nacionalista foi rexeitada polos populares.

O Bloque amosa a súa indignación logo de que o PSOE emendase a súa proposta para solicitar unha comisión de investigación sobre Angrois

Desta vez, a indignación do Bloque chegou tamén pola emenda que os socialistas presentaron á súa proposta de constituír unha comisión de investigación sobre o accidente e coa que intentou que nin tan sequera se votase a petición. "Rexeitamos a emenda do PSOE solicitando que se suprima a nosa proposta; o grupo parlamentario socialista é pouco intelixente e absolutamente irresponsable", asegurou desde a tribuna do Congreso Rosana Pérez, que insistiu en que "PSOE e PP teñen moito que agochar neste tema".

A emenda do PSOE pediu, textualmente, "suprimir os tres primeiros parágrafos no apartado de infraestruturas". Refírese ás propostas nacionalistas que reclamaban unha comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente de Angrois, a transferencia a Galicia das competencias sobre a xestión dos aeroportos galegos e o inicio dos trámites para recuperar a titularidade pública da AP-9.

O PP votou en contra da comisión de investigación e o PSOE abstívose despois de intentar que non se votase a proposta

Finalmente, a iniciativa foi rexeitada polo PP, mentres que o PSOE abstívose logo de intentar que non se votase ese punto referente ao accidente de tren en Compostela, primeiro presentando a emenda e incluso negociando cos nacionalistas.

A postura do PSOE estatal non se diferencia  moito nesta ocasión da do PSdeG, que en Galicia leva meses absténdose ante as continuas peticións de AGE e BNG para que se leve a cabo unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois, aínda que o pasado martes os socialistas galegos votaron a favor e que se puidese introducir na orde do día a creación da comisión que reclaman Alternativa e Bloque.

"O grupo socialista é pouco intelixente e absolutamente irresponsable", di o BNG, que acusa a socialistas e PP de "ter moito que agochar no tema"

Na súa intervención, Rosana Pérez solicitou tamén a transferencia da xestións aeroportuaria galega, así como da rede ferroviaria interior e tamén unha AP-9 gratuíta e con programas de descontos, así como que se asegure a dobre vía no AVE Madrid-Galicia e a recuperación efectiva do tramo Ferrol-A Coruña.

A deputada do BNG lembrou tamén que nas súa propostas inclúese a petición dun reparto de cotas xusto para o sector pesqueiro galego, así como un plan de viabilidade para os estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene, o levantamento do veto á construción civil e carga de traballo e a "construción do prometido mil veces dique flotante".

O Bloque reclamou "o lexítimo dereito a decidir das nacións" do Estado

Rosana Pérez tamén solicitou, "fronte ao teimudo inmobilismo do modelo de Estado", o "lexítimo dereito a decidir das nacións e unha descentralización dos tributos para que os nosos impostos revirtan na nosa cidadanía". Do mesmo xeito, a deputada nacionalista reclamou que se "recuperen os dereitos que o Goberno quitou", así como que "se impida que nos siga suprimindo dereitos, como o que se pretende coa lei de abortou ou de seguridade cidadá", dúas leis das que o Bloque reclama a súa retirada.

Ademais, nas resolucións o BNG reclama tamén a derrogación da Lomce, a reforma local e as taxas xudiciais, así como qeu se lle dea unha solución colectiva para os 35.000 preferentistas que aínda non recuperaron os seus aforros. Tamén reclama unha tarifa eléctrica para Galicia "por ser excedentaria na produción de enerxía". Tamén solicita o Bloque se se modifiquen os criterios de reparto dos fondos da PAC para evitar a discriminación das explotacións galegas.

Todas as propostas presentadas de resolución presentadas polo Bloque foron rexeitadas grazas á maioría absoluta do Partido Popular. Das 103 presentadas, tan só se aprobaron 22, trece delas dos populares e outras nove pactadas con CiU, PNV, CC, UPN, ERC e UPyD. PSOE e Izquierda Plural tamén viron como se rexeitaban todos os seus textos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.