"A normativa aplicable ata o de agora na Administración pública galega regulaba de forma suficiente e clara a materia de que se trata, xa que o proxecto non contén novidade ningunha que por si mesma xustifique o devandito texto". Na primavera de 2006 o daquela voceiro do PP no Parlamento, José Manuel Barreiro, asinaba unha emenda á totalidade contra a Lei de Transparencia que impulsaba o Goberno de coalición de PSdeG e BNG. O argumento central dos conservadores era que o bipartito non achegaba novidades coa norma polo que, con ese texto, o mellor que podía facer era retirala. Oito anos despois quen daquela era líder da oposición e agora preside a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de presentar como plan estrela un "código ético" para vetar os agasallos a cargos públicos que, en esencia, xa está contido naquela lei.
Durante o trámite parlamentario a esta lei chovéronlle críticas dende as filas conservadoras por insuficiente ou mesmo por "ridícula", en verbas do naquela altura deputado e hoxe alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, que caricaturizaba o texto como "lei da páxina web da Xunta", por fixar nos seus preceptos, por exemplo, a obriga de publicar en internet as remuneracións dos principais cargos do Goberno galego. Así e todo, a norma saíu adiante por unanimidade e, aínda que con evidentes carencias, impúxolles obrigas inéditas ata o momento non só aos membros do Consello da Xunta, senón tamén ás persoas titulares de secretarías e direccións xerais, ao persoal de gabinete ou a dirixentes de empresas públicas.
"Non aceptarán regalos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía", di a Lei de Transparencia de 2006
Entre estas obrigas están as estipuladas no artigo 15.2, no que se sinalan os "principios éticos e de actuación" que deben ter en conta todas as persoas afectadas pola aplicación da lei. Entre estes principios figura a obriga de actuar de boa fe, velar pola igualdade entre mulleres e homes, respectar "o principio de imparcialidade" ou non usar a Xunta para o propio beneficio. No punto 12 deste artigo atópase a obriga legal que agora Feijóo presenta como novidade: "Non aceptarán regalos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía, nin favores ou servizos en condicións vantaxosas que poidan condicionar o desenvolvemento das súas funcións", di a lei.
En pleno escándalo Pokémon
Malia levar oito anos prohibidos, o titular da Xunta optou polo pirotécnico anuncio dun "código ético" en pleno escándalo polas revelacións do caso Pokémon e, máis concretamente, cando a oposición en pleno o instaba a intervir xa no Concello de Santiago, con 10 dos 13 membros do goberno local imputados e 7 deles a piques de sentar no banco dos acusados por pretender pagarlle con fondos públicos o avogado a un dos incausados na presunta trama corrupta, Adrián Varela. Neste contexto Feijóo aferrouse a un dos aspectos máis mediáticos do sumario, as listas de agasallos presuntamente recibidos por políticos e funcionariado.
Feijóo anunciou o código ético mentres defendía a continuidade dos edís imputados en Santiago
Así, Feijóo obvia a normativa de 2006 para asegurar que o seu código vai "protocolizar e concretar as responsabilidades que as leis non concretan", a comezar por "prohibir os agasallos" agás en casos de "cortesía institucional". O código, abondou en días pasados, tampouco permitirá que un cargo público poida "valerse da súa posición" para vivir mellor que o resto a poboación. Non obstante, nas mesmas intervencións públicas nas que anunciou o código, cuxo texto íntegro aínda é descoñecido, defendeu a continuidade do maltreito goberno municipal compostelán, mesmo cuestionando o criterio da xuíza e da Fiscalía.