O pasado febreiro o persoal de seguridade do Museo Provincial e do Pazo dos Deportes de Lugo recibía unha nova pouco habitual. A empresa Alcor, concesionaria deste servizo, ía deixar de prestalo sen que isto significase a perda do seu posto de traballo. O motivo desta saída abrupta era que a Deputación lucense, titular destas instalacións, culminara o proceso para prescindir da compañía despois de que esta decidise, unilateralmente, rebaixarlle o soldo ao persoal coa aplicación da reforma laboral. O que daquela era unha excepción será, de agora en diante, norma na institución.
A entidade lucense vén de converterse no primeiro do país en xeralizar a aplicación das denominadas "cláusulas sociais" en todos os pregos de condicións para contratar servizos con empresas privadas. Isto implica que quen estea interesado en asumir un contrato público coa Deputación non só terá que asumir o compromiso de blindar as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras ante o risco de, no caso de facelo, perder a concesión. As melloras nestas condicións serán tamén fundamentais á hora de gañar cada concurso.
Así, por exemplo, de agora en diante o número de persoas contratadas de maneira indefinida será un criterio de valoración á hora de decidirse por unha ou outra empresa. Do mesmo xeito, explica a Deputación, "teranse en conta as propostas que impliquen unha mellora nas condicións laborais e salariais a respecto do Estatuto dos Traballadores e ao convenio que resulte de aplicación". Tamén se valorará a "inserción de persoal con discapacidade" e quedarán prohibidas as rebaixas de prezos "desproporcionadas ou anormais" cando estas impliquen "reducir en gastos laborais".
O incumprimento das cláusulas sociais "pode levar consigo a resolución do contrato" e "penalizacións" económicas
Unha vez conseguido o contrato as empresas "deben cumprir as condicións laborais que ofertaron" e, ademais, asumir a todo o persoal que ata o momento prestaba o servizo, "respectando os dereitos laborais que tivesen recoñecdios na súa anterior empresa, incluída a antigüidade". E, que pasa se as normas se vulneran? Isto "pode levar consigo a resolución do contrato" e "penalizacións" de entre o 3% e o 10% do orzamento total. "Mesmo pode ser causa de prohibición para contratar coa administración", aseguran.
Besteiro avanza que as novas normas xa se aplican a cinco contratos en marcha
Segundo o presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, o seu gabinete toma esta decisión porque "a contratación pública é unha política pública máis" e, polo tanto, "unha ferramenta para acadar os obxectivos que temos marcados como institución progresista". "A política non debe estar nas mesas de contratación, senón no deseño e control das políticas de contratación", as cales "xa están en marcha" en "cinco pregos" que xa inclúen as novas cláusulas, cun total de 83 postos de traballo.