O pasado xoves o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tivo que dirixir a reunión semanal do Consello do Goberno galego en ausencia do presidente, que regresaba da súa viaxe por Centroamérica. Na quenda de preguntas posterior a esta xuntanza Rueda foi cuestionado a respecto das cláusulas sociais que a Deputación de Lugo anunciara vinte e catro horas antes para todos os seus contratos e que implican, por exemplo, que a institución prescindirá dos contratistas que lle apliquen recortes laborais ao seu persoal. Rueda respondeu que o presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro "fai o contrario no seu partido -inmerso nun ERE dende antes da súa chegada á secretaría xeral-" e que mentres, a Xunta, está "facendo medidas deste tipo" con normas como a lei de racionalización. Pero, isto é exactamente así?
Apenas dúas semanas antes deste episodio a Xunta respondía a unha pregunta escrita formulada polo BNG a respecto do conflito laboral existente nunha das empresas que xestiona os servizos de seguridade da biblioteca da Xunta en Lugo, do Museo do Castro de Viladonga e da Cidade da Cultura, todos eles dependentes da Consellería de Educación. "Unha vez adxudicado o servizo esta empresa asinou un convenio colectivo que modifica e reduce substancialmente as condicións económicas e laborais" do persoal, explicaban os deputados Cosme Pombo e Tereixa Paz. Isto implica, sinalaban os nacionalistas, unha "modificación substancial das condicións salariais e laborais" e, por extensión, un "incumprimento do dereito de subrogación e das condicións establecidas" nos pregos de condicións do concurso polo que obtiveron o servizo.
A mesma empresa que na Deputación de Lugo
Dáse a casualidade que Alcor é, precisamente, a empresa que, dalgún xeito, serviu como xermolo para a nova normativa de contratación da Deputación de Lugo. Igual que nas instalacións dependentes da Xunta o pasado febreiro tamén se dispuxo a aproveitar a reforma laboral para rebaixarlle o salario aos seus traballadores do Museo Provincial e mais do Pazo dos Deportes da capital lucense, recorte que derivou na rescisión do contrato por parte do goberno provincial que preside o PSdeG en coalición co BNG. Neste contexto o Bloque preguntáballe á Xunta se era "consciente" da tesoirada salarial e se prevía tomar medidas ao respecto.
A Consellería responde que é "allea ás relacións laborais que se establecen entre as empresas adxudicatarias" e o seu persoal
A resposta chegáballe a Pombo e Paz o 12 de marzo e nela o departamento que dirixe Jesús Vázquez sinala que, "polo que respecta aos conflitos laborais que poidan existir", a Xunta é "plentamente consciente e entende que as cuestións relativas aos mesmos deben presentarse e resolverse no marco legal adecuado do dereito laboral e na xurisdicción de orde social". A administración, neste caso autonómica, sinala, é "de todo allea ás relacións laborais que se establecen entre as empresas adxudicatarias dos seus contratos, licitados coa aplicación da lexislación de contratos do sector público, e o persoal propio ou subcontratado das mesmas".
"Con independencia de que se faga un habitual e constante seguimento do cumprimento da lexislación vixente en materia laboral", continúa a resposta, as obrigas non son do Goberno, senón da empresa. Así as cousas, vén dicir a Xunta, é Alcor quen debe preocuparse polo "cumprimento da normativa laboral, da Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se atope vixente en cada momento". "Nós estámolo facendo", respondeu Rueda ao ser preguntado polas cláusulas sociais. "Benvidas sexan" estas cláusulas, "sempre que se apliquen con coherencia", engadiu.