Que Galicia ten un serio problema demográfico é algo compartido na práctica totalidade dos ámbitos sociais e políticos. O país vive un verdadeiro inverno demográfico, co peor saldo vexetativo do Estado e a taxa bruta de mortalidade máis alta, mentres que a de natalidade se atopa nun minúsculo 7,6. Ante esta realidade a discrepancia sitúase no xeito de abordala. Dende a Xunta apostouse polo Plan de Dinamización Demográfica, un documento despachado no Parlamento en menos de catro horas aprobado sen a oposición precisamente por esa celeridade no trámite. Ese plan combina medidas de apoio ás familias con plans tan polémicos como considerar cidadáns de pleno dereito a nenos e nenas "concibidos e non nados" ou destinar fondos públicos a campañas de propaganda para animar a cidadanía a ter fillos e fillas. Este gasto vai xa polo millón de euros.
O pasado verán o Goberno galego tramitaba a primeira parte desta campaña, sacando a concurso público a elaboración e difusión da súa primeira acción publicitaria de "sensibilización para a dinamización demográfica" por un importe máximo de 640.000 euros. O contrato foille adxudicado en outubro á empresa Canal Uno por 614.840 euros. Esta compañía foi a responsable dos anuncios que, nos últimos meses, amosaban unha nena chamada Mariña e os seus supostos pais que "farán feliz a toda Galicia". "Converterse en pai ou nai é unha das mellores experiencias da vida, non a deixes escapar", alentaba o Goberno.
O gasto total da campaña aproxímase xa ao millón de euros
A campaña, criticada dende a oposición parlamentaria por desenvolverse entre recortes sociais que dificultan notablemente a decisión de ter fillos ou fillas -a Xunta, pola súa banda, opina que os cartos ou o paro non inflúen nisto-, rematou formalmente o 15 de marzo e apenas unha semana despois, o día 21, a Consellería comezou os trámites para contratar unha segunda edición, que desta volta se estenderá ata o mes de novembro deste ano. Dado que a imaxe gráfica da campaña xa está elaborada, Benestar pon sobre a mesa un orzamento menor, que con todo chega aos nada desprezables 331.656 euros.
A "responsabilidade" da cidadanía
Como en xullo, Benestar xustifica a contratación da campaña na súa aposta por transmitir a "necesaria responsabilidade compartida por toda a sociedade para atallar un dos maiores problemas aos que se enfronta Galicia". Co seu plan demográfico, di o departamento de Beatriz Mato, tentao "impulsar o incremento da media" de fillos por muller, pasando de 1,08 "á cifra europea de 1,59". "Para lograr esta meta" unha das "áreas de intervención" son as "accións de sensibilización" como esta campaña.
A Xunta cre que os anuncios poden lograr que a poboación perciba a "dimensión social" de "ter fillos"
As enquisas realizadas pola Xunta din que a poboación "aínda non considera en toda a súa dimensión" o problema demográfico e por iso realiza estes anuncios en prensa, radio e televisión. "A maior parte dos enquisados considera ter fillos como un obxectivo persoal" e non ten en conta "a dimensión social". "Esta falla de percepción fai totalmente necesario elaborar unha campaña estratéxica que poida ter continuidade no tempo para mobilizar o conxunto da sociedade galega cara á recuperación demográfica", sinala.