O Estado prevé gastar 1.200 millóns na autovía que ameaza a Ribeira Sacra

Contorna de Penalba CC-BY-SA Plataforma veciñal contra o trazado da A-76

Un proxecto propio doutra época. En tempos nos que as consabidas consignas de "austeridade", "eficiencia" e "contención do gasto" seguen a protagonizar os argumentarios gobernamentais o Ministerio de Fomento ten en axenda destinar máis de 1.000 millóns de euros á autovía entre Ourense e Ponferrada (A-76), que dende hai apenas medio mes ten enfronte unha plataforma para tentar variar o seu trazado e evitar así que impacte de cheo no corazón da Ribeira Sacra.

A cidadanía da zona alarmouse polas consecuencias ambientais e paisaxísticas do proxecto ao saber del case por casualidade. Non obstante, cando a veciñanza prendeu as alarmas xa se desenvolveran un bo número de trámites, como a aprobación da declaración de impacto ambiental en agosto de 2013 ou a luz verde definitiva ao estudo informativo, un plan asumido polo gabinete de Mariano Rajoy o pasado febreiro pero aprobado provisionalmente en 2008, aínda coa socialista Magdalena Álvarez como titular de Fomento.

Cada quilómetro custará, como media, case 10 millóns de euros

Esa documentación é a que prevé "un investimento de 1.200 millóns de euros", isto é, case 10 millóns de euros de media por cada un dos 125 quilómetros da autovía. Mostra do importante esforzo económico que a obra suporá para o erario é que, por exemplo, a autovía transcantábrica, a A-8, custou algo máis de 700 millóns. O avultado do custo vén dado, en boa medida, pola decisión de construír en plena crise -o proxecto veu sendo adiado durante anos- unha terceira conexión entre Galicia e a Meseta castelá por unha zona orograficamente tan complexa como a contorna da Ribeira Sacra.

Impacto no territorio

Aínda que en parte do seu trazado o novo vial estea previsto como un desdobramento da actual estrada N-120 a A-76 supón un nada desdeñable impacto no territorio. Segundo datos do propio Ministerio "prevese construír 64 viadutos" que suporán 17 dos 125 quilómetros da autovía. Estas grandes pontes salvarán os ríos Sil, Soldón, Lor, Cabe e Miño e serán a parte máis visible dunha autovía cuxo proxecto prevé 22 túneles, un deles por baixo da serra da Enciña da Lastra, espazo incluído na Rede Natura que tamén terá que soportar dous falsos túneles de 60 e 120 metros e un paso sobre o río Galir, entre outras obras.

Fomento prevé construír 64 viadutos e 22 túneles, un deles por baixo da serra da Enciña da Lastra

Viñedos en Valdeorras, restos arqueolóxicos en Montefurado ou masas de auga subterránea e múltiples especies de fauna e flora son algúns dos elementos patrimoniais e naturais que verán alterado o seu equilibrio. Aínda que Fomento pon o foco nas "modificacións" realizadas por indicación da Xunta e da Junta de Castilla y León para unha mellor "integración ambiental", dende a plataforma cidadá constituída en Nogueira de Ramuín aseguran que "algunhas das paisaxes máis fermosas sobre o río Miño" van "sucumbir baixo o asfalto e os viadutos" aínda que, aseguran, hai "outras alternativas máis económicas, ecolóxicas e sensatas".

Mapa do trazado elaborado polo Goberno de España -coa toponimia corrixida-

Vista dunha das zonas ameazadas polas obras CC-BY-SA Plataforma veciñal contra o trazado da A-76

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.