A Xunta contrata por 35.000 euros un asesor para os patrocinadores do ano franciscano

O presidente e a directora de Turismo, reunidos con dirixentes franciscanos © Ana Varela

A pasada Semana Santa a canle episcopal 13 TV incluíu na súa programación o filme Cotolay, el niño y el lobo, a pintoresca produción de 1966 na que se narra a suposta -as fontes historiográficas fan dubidar seriamente de que acontecese- peregrinaxe de San Francisco de Asís a Compostela. Case 50 anos despois da estrea desta fita, en febreiro de 2013, a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, acudía ao Parlamento a explicar a tese mítica que levou o Goberno galego a conmemorar o oitavo centenario da devandita visita do santo, de cuxa realidade o Executivo non dubida, e a impulsar que se convertese en acontecemento de excepcional interese público, categoría que implica notables beneficios fiscais para as empresas que patrocinen o evento. Para lograr esas exencións esas compañías contan cun asesor pagado pola propia Xunta.

"No marco da reconquista cristiá", explicou daquela Castro, san Francisco chegou a Galicia proclamando "o Evanxeo pola palabra e sen violencia" e en Compostela "tivo a iluminación de construír conventos", asegurou, na liña do relatado en Cotolay. Sobre este relato a Xunta organiza ou colabora na organización de exposicións, ciclos de conferencias e outros eventos. As empresas que poñan cartos poden desgravar un 15% da súa cota do imposto de sociedades cos gastos en publicidade e propaganda "ata o límite do 90% da doazón", ou ata o 100% se o contido da publicidade "se refire, fundamentalmente, á divulgación do oitavo centenario".

O Goberno explicou que Francisco de Asís tivo en Compostela a "iluminación de construír conventos" no "marco da reconquista cristiá"

Para "explicarlles" ás empresas as "características fiscais ás que poderían acollerse, a efectos de cálculo do aforro fiscal que suporía o seu patrocinio", a axencia Turismo de Galicia puxo sobre a mesa un orzamento de algo máis de 36.000 euros para financiar un contrato negociado sen publicidade. Para facerse co contrato Turismo convidou a tres asesorías: Ferro & Canabal Asesores, Antonio Blanco Gregores e Regino Gómez Villalobos, os tres de Compostela. Quen gañase a licitación tería que "revisar a documentación necesaria para que os patrocinadores poidan aplicar" os incentivos fiscais, "revisando se é necesario as declaracións fiscais dos patrocinadores" e "elaborar un manual operativo para a aplicación dos incentivos (...) e para a interpretación e aclaración de dúbidas".

Entre as empresas que puxeron cartos están o Banco Etcheverría e Iberdrola

A finais de xaneiro a propia Nava Castro considerou que "a oferta máis vantaxosa" foi a presentada por Regino Gómez Villalobos, que se ofreceu a prestar o servizo por 35.090 euros, dos cales 21.054 serán abonados mes a mes neste ano e os restantes, en 2015. Dende a formalización do contrato, celebrada a mediados de febreiro, a asesoría ten a responsabilidade de "elaborar memorias, informes e calquera documento que requira a Axencia Turismo de Galicia" sobre o evento franciscano e de acudir a reunións de organismos oficiais "cando sexa convocado". Ademais, terá que "entregar con cada factura unha memoria explicativa das actuacións realizadas" cunha "táboa resumo dos indicadores" como "número de empresas atendidas, número de patrocinadores atendidos" ou o "importe desgravado" por cada un.

Resta saber, neste punto, os nomes e o número total de empresas que están a financiar esta caste de Xacobeo franciscano, cuxa programación o Goberno galego aspira a culminar cunha visita do Papa. Segundo fixo transcender a finais de 2013 aspira a obter o apoio dunhas 50 compañías.  Polo momento, xa consta o apoio do grupo Banesco, propietario de Novagalicia Banco, a través do Banco Etcheverría, e mais da eléctrica Iberdrola.

Feijóo, co ministro xeral da Orde Franciscana © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.