A Primavera Europea e verde "insubmisa" ás políticas da troika

López de Uralde e Rosa Rodríguez, de Equo CC-BY-SA M. Pereira

"Somos europeístas insubmisos ás políticas da troika en Europa". Así definiu Juan López de Uralde, voceiro federal de Equo, a postura da súa formación de cara ás vindeiras eleccións á Eurocámara do 25 de maio. Acompañado da coportavoz do partido en Galicia, Rosa Rodríguez, e da candidata galega na lista, Loli Tobío, o líder do partido verde presentou este martes na Coruña a coalición Primavera Europea, liderada pola súa formación, Compromís e Chunta Aragonesista, na que se inclúen seis grupos máis e que busca ser a representación estatal "verde e da ecoloxía política" no vindeiro Parlamento comunitario.

"Non se pode facer política sen ter en conta o factor medioambiental", di López de Uralde

"Sentímonos a parte pequena dun partido grande", dixo López de Uralde en referencia ao grupo dos Verdes, con máis de 50 deputados xunto a ALE na Eurocámara, na que pretende entrar agora Equo coa súa representación. Ese é o "obxectivo" da coalición Primavera Europea, que busca un espazo para "a ecoloxía política" pola que "non apostan o resto de partidos". "Non se pode facer política sen ter en conta o factor medioambiental", asegurou o voceiro da formación, que aposta por "enfrontar a crise política rachando os muros dos partidos", tras recordar que o partido foi o primeiro en convocar primarias abertas en España. Ademais, lembrou que a coalición loitará "contra as consecuencias sociais das políticas austericidas da UE" e por centrar o debate da campaña "na Europa que queremos".

"En España inténtase facer ver que estes comicios son como unhas primarias no Estado, cando o 80% da lexislación que nos afecta sae de Europa", insistiu López de Uralde, que cre que hai que loitar contra a abstención "convencendo a xente do moito que nos afectan as políticas europeas". "Europa non é unha mala idea, o problema é o concepto desta Europa", engadiu.

Equo, que intentou que Anova se unise á súa coalición, di que o cambio de socio en Europa "non ten por que afectar" o funcionamento de AGE en Galicia

Cunha bandeira da UE que cambia o seu azul tradicional polo verde como símbolo, López de Uralde aclarou que Equo "falou" con Anova para intentar incluír a formación liderada por Xosé Manuel Beiras na coalición, pero que "a decisión" da súa militancia de "ir noutra lista" non fixo posible o acordo. Dáse o caso de que Equo forma parte da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) xunto a Esquerda Unida, Anova e o Espazo Ecosocialista, pero estes tres últimos acordaron formar parte da lista conxunta que lidera IU e a esquerda rupturista para os comicios europeos.

Preguntado por se esta diferente elección de compañeiros de viaxe de cara aos comicios europeos podería causar algún problema na coalición AGE, López de Uralde foi claro e cre que "non ten por que afectar" ao acordo que mantén a Equo dentro de Alternativa en Galicia. Ademais, explicou que "o obstáculo" que impediu unha lista unitaria foi o destino dos teóricos eurodeputados que Primavera Europea consiga na Eurocámara, xa queu esta coalición priorizou sempre incluírse no grupo Verdes-Alianza Libre Europea, "mentres que os parlamentarios que consiga a coalición liderada por IU acabarán no grupo da Esquerda Unitaria".

No caso de conseguir representación, os eurodeputados de BNG-Bildu e os de Primavera Europea compartirían grupo (Verdes-ALE) na Eurocámara

Paradoxalmente, e no caso de que ambas as dúas listas consigan escano, a representación da coalición entre BNG e Bildu e a de Primavera Europa compartirán a priori grupo na Eurocámara, mentres que os representantes do resto de socios que Equo ten en Galicia (EU, Anova e os ecosocialistas) integraranse noutro.

Ademais, Rosa Rodríguez, a covoceira de Equo en Galicia, quixo destacar tamén "a importancia que Europa ten para Galicia" ao ser a UE a responsable da "inmensa maioría de decisións" importantes que afectan ao país e presentou Primavera Europa como unha voz máis para os problemas da comunidade na Eurocámara. Preguntado por exemplo sobre o conflito das cotas da xarda e do xurelo, López de Uralde recoñeceu que existe "un problema grave co futuro dos caladoiros" de pesca, pero tamén que no reparto de cotas "houbo un agravio máis prexudicial para Galicia".

López de Uralde participará tamén na Coruña nunha mesa redonda sobre cambio climático e enerxía e nun debate sobre as eleccións europeas xunta a representantes de BNG, AGE, Partido da Terra e Compromiso por Galicia.

López de Uralde e Rosa Rodríguez, de Equo CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.