O pasado marzo a Deputación de Lugo anunciaba a extensión das denominadas "cláusulas sociais" a todos os seus contratos públicos. Dende ese momento os contratistas que se fagan coa xestión dalgún servizo deste ente privincial están obrigadas a, por exemplo, manter as condicións laborais de todo o persoal sen aplicarlles recortes e "respectar os dereitos laborais que tivesen recoñecidos, incluída a antigüidade". En caso de aplicar reducións salariais ou outro tipo de retalladas as compañías enfróntanse a "resolución do contrato", a penalizacións económicas ou mesmo á "prohibición de contratar coa administración". Vinte e catro horas despois o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, non vía necesario estender o modelo á Xunta porque esta xa aplica "medidas deste tipo". Este mércores o PP volveu vetar esta posibilidade alegando que leva tempo "traballando" en algo semellante.
A través do seu deputado Juan Carlos González Santín os socialistas propuñan que, para contratar unha ou outra empresa, a Xunta tivese en conta condicións como "a mellora das condicións laborais", o mantemento do cadro de persoal, dos contratos indefinidos ou do seu nivel de salarios. "A vulneración destas obrigas podería propiciar penalizacións que, en función da súa gravidade, variarán entre un 3% e un 10% do orzamento do contrato" e mesmo "podería ser causa de rescisión ou de prohibición de contratar coa Administración no futuro", engadía. "É necesario impulsar o papel exemplar da Administración autonómica nas súas contratacións", alegou Santín.
O PP négase a asumir as cláusulas sociais, e argumenta que non foron unha "idea brillante" de Besteiro
Aínda que dende a crítica á xestión privada de servizos públicos a iniciativa tivo o apoio de AGE e BNG e bateu, como era de agardar, na maioría absoluta dos conservadores, representados por quen fora xefe de gabinete da Consellería de Traballo, Miguel Tellado. Tras culpar o goberno de Zapatero da suba do paro nos últimos anos Tellado deu en abordar a cuestión, "as cláusulas sociais que parecen preocuparlle ao gabinete de prensa do PSdeG". "Esta idea -asegura- non é da Deputación de Lugo nin do seu responsable", senón que a Xunta "xa está a adoptar medidas" semellantes e "traballa na elaboración dunha guía de cláusulas sociais e ambientais" na contratación. Polo tanto, di, o salientable é que a Besteiro "non se lle ocorreu unha idea brillante", porque "esa idea xa se estaba traballando na Administración de Galicia".
A Xunta desenténdese
Así ficou despachada a que para Tellado é unha "iniciativa cargada de cinismo e incoherencia que non achega nada novo" ás condicións laborais, das que o propio Goberno admitiu desatenderse no mesmo mes de marzo. Fíxoo, como relatou daquela Praza Pública, a través dunha resposta parlamentaria ao BNG. O Bloque preguntáballe á Xunta se, na liña do decidido pola Deputación lucense, o Goberno galego ía prescindir dos servizos da empresa de seguridade Alcor por aplicar a reforma laboral para rebaixarlle o salario aos seus traballadores. Na contestación o Goberno aseguraba ser "plenamente consciente" dos "conflitos laborais que poidan existir" pero negábase a intervir neles.
En marzo a Xunta dixo ser "allea" ás relacións laborais nas empresas que contrata
As "cuestións relativas" a estes conflitos "deben presentarse e resolverse no marco legal adecuado do dereto laboral" e, neste contexto, a Xunta preséntase como "de todo allea ás relacións laborais que se establecen entre as empresas adxudicatarias dos seus contratos (...) e o persoal propio ou subcontratado das mesmas". Son as empresas e non o Goberno quen debe velar polo "cumprimento da normativa laboral, da Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se atope vixente en cada momento", resolvía.