0 Gardados para despois

Cando o alcalde do Porriño se preguntaba "que mal ten contratar empresas dos nosos amigos"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A chegada de Nelson Santos á alcaldía do Porriño en 2010 respondeu a unha estratexia que se converteu nun clásico daqueles tempos no PP galego en xeral e no PP de Pontevedra en particular. Santos era daquela líder de Ciudadanos por Porriño, un deses partidos independentes formados con billete de ida e volta ao seo da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo. En vésperas das eleccións municipais  no virreinato provincial de Rafael Louzán a dereita executou a súa particular concentración parcelaria e daquela operación naceron múltiples mocións de censura para arrebatarlle alcaldías á esquerda, neste caso ao BNG. Unha desas foi a do Porriño, que o propio Santos revalidou en 2011, xa nas urnas, tras unha campaña na que desdeñou con ira as acusacións que agora o teñen imputado por prevaricación continuada, suborno, malversación de fondos e tráfico de influencias.

Segundo a Fiscalía as xestións habituais de Santos consistiron durante anos en asinar contratos con empresas afíns de xeito "indiscriminado" e pasando por riba da lei "de maneira absoluta", mesmo chegando a non constar "por escrito ningún dos contratos relativos a centos de prestacións" e todo salferido de múltiples enchufes. As primeiras sospeitas ao respecto xurdiron, precisamente, en plena campaña electoral de 2011, cando o xornal El País publicaba o inusitado éxito das empresas ligadas ao rexedor, cunha intensa actividade que comezara xusto despois da devandita moción de censura. Neste contexto, Santos pronunciou un mitin ante os seus fieis no que non aforrou descualificativos contra quen o acusaba.

En 2011 o alcalde, agora imputado, atribuíu as acusacións a "miserables unidos" e a un "xornal a piques de pechar"

"Hai un partido novo no Porriño, chámase eme-u, Miserables Unidos", proclamou entre o entusiasmo dos asistentes. "Uniuse o Bloque e o BNG e uniuse co PSOE" para "esconder as súas miserais" e para "desprestixiar" os "máis febles". "Miserables, son uns miserables", clamou dende a tribuna, xusto antes de caracterizar a nacionalistas e socialistas como grupos que "o único que fan é andar a pasear a cabra disfrazados de pallasos, porque traballar failles dano". Por iso, acusaba, "van a un xornal que está a piques de pechar -en referencia a El País- porque no Faro de Vigo xa non lles fan caso" para "dicir que contratamos as empresas dos nosos amigos". "Que mal ten iso?", preguntábase.

Santos reprocháballe ao BNG que contratase "empresas de fóra"

Segundo Santos, se algún reproche cabía na vila era, precisamente, contra os anteriores xestores municipais. "Que fixeron eles durante sete anos?", preguntábase, antes de acusalos de contratar "empresas de fóra" no canto de imitar as súas prácticas. "Son persoas miserables, sen responsabilidade" que "non traballaron nunca" e que "non merecen ocupar un posto no Concello do Porriño". "Só vos pido unha cousa: moita forza", pedía daquela. 

Tres anos despois daquela indignada posta en escena o propio Santos admitía hai poucos días en rolda de prensa os enchufes e a "colaboración con empresas do municipio na voráxine da crise", pero atribúe todo o caso a unha "operación política" instigada por "radicais" para forzalo a deixar o bastón de mando. Mentres Feijóo evita apoialo en público e adía o congreso local do partido o alcalde asegura que nin pensa en dimitir. Só deixará a Alcaldía "o día que Deus non me dea vida, cando un xuíz me inhabilite ou cando a veciñanza non me apoie".

Nelson Santos atribúe as acusacións aos "miserables" e pregúntase "que mal ten" contratar empresas amigas

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.