O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a facilitar o acceso das familias galegas aos libros de texto, facendo compatibles as axudas a aqueles que máis o necesiten coa solidariedade e coa cooperación na progresiva extensión de iniciativas de banco de libros impulsadas pola comunidade educativa de cada centro e, ao mesmo tempo, propiciando a dispoñibilidade de materiais e contidos educativos dixitais". A pasada semana o PP sacaba adiante esta iniciativa no pleno da Cámara. Nun inusitado xiro de guión, os conservadores lanzábanse a defender os bancos de libros creados por asociacións de nais e pais e algúns concellos para paliar a fin do programa de préstamo universal implantado en tempos do bipartito e substituído polas axudas parciais do actual Executivo. Agora é a propia Xunta a que anima á "solidariedade" das familias como antídoto ás consecuencias da súa propia medida.
A denominada Gratuidade Solidaria, alcume creado pola Consellería de Educación para os devanditos subsidios, vén revelándose como un mal negocio para as familias, pero tamén para a propia Administración. Despois duns primeiros compases convivindo co sistema de préstamo agora xa é a única vía de axudas do Goberno galego para mercar manuais escolares e a Consellería vese obrigada a ampliar o seu financiamento porque queda sistematicamente sen cartos. Así, o sistema impulsado polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo xa supera en máis dun 40% o impacto que tiña nas arcas públicas o modelo de préstamo. Todo isto, mentres o propio Goberno prevé excluír neste 2014 a 30.000 estudantes máis das súas subvencións.
As axudas parciais chegan a menos alumnado que o modelo de préstamo e sáenlle máis caras á Consellería
Neste contexto, e mentres as comunidades escolares combinan a organización de bancos de libros coa reclamación da volta ao sistema anterior, un informe da Defensora del Pueblo apostaba abertamente a finais de 2013 polo modelo de préstamo. A institución que dirixe a popular Soledad Becerril recomendáballes ás Administracións públicas, en plena vaga de recortes, "aplicar preferentemente sistemas de préstamo e reutilización dos libros de texto, pola súa maior eficiencia e menor custe" e "favorecer esta utilización no ensino obrigatorio". Ademais de ser máis económico, argumentaba, este sistema supón unha "indubidable contribución ao proceso educativo do alumnado e á adquisición de hábitos cívicos e de convivencia". Becerril non aposta, polo tanto, pola acumulación de libros de texto nas vivendas do alumnado, eloxiada sistematicamente pola actual Xunta.
A Consellería evita as recomendacións da Defensora
Dado o panorama xeral e co informe da defensoría estatal na man a oposición parlamentaria galega dirixiuse ao Goberno por enésima vez para instalo a mudar de postura e pedirlle contas polas súas decisións. Así, por exemplo, PSdeG e BNG solicitáronlle á Consellería de Educación unha valoración do informe e unha avaliación dos resultados da súa "gratuidade solidaria". Ademais, no caso dos socialistas, reclamáronlle "datos referidos ao financiamento dos libros de texto" dende 2008 ata a actualidade. Os grupos non obtiveron boa parte da información que pedían, pero si a orientación política da Consellería para os vindeiros tempos: da gratuidade solidaria á "solidariedade" familiar.
A Xunta aposta por "propiciar que esta solidariedade se estenda ao conxunto do sistema educativo"
"A Consellería pode aceptar e compartir o espírito das recomendacións da Defensora del Pueblo, se ben o feito de que esta institución fale da preferencia por un sistema non supón a exclusión doutras opcións", xustifica o departamento de Jesús Vázquez. Nesta liña, asegura "manter o seu compromiso de axudar na adquisición de libros de texto a quen máis o necesita" e, "ao mesmo tempo", dar "pasos para introducir, a partir do próximo curso, a novidade de incorporar unha oferta de material educativo dixital".
Pero, que acontece mentres as familias teñen que seguir pagando os libros do ensino obrigatorio e, teoricamente, gratuíto? "A Consellería entende que o modelo de acceso aos libros de texto é unha cuestión complexa que afecta ás Administracións educativas, aos centros, ás familias, aos libreiros e aos editores", argumenta. Paralelamente, di, "recoñece o valor de experiencias xurdidas da propia sociedade, como os bancos de libros das ANPAS". Por isto o Goberno identifica a "necesidade de propiciar que esta solidariedade e esta cooperación poidan estenderse ao conxunto do sistema educativo da nosa comunidade".