"Estaremos vixiantes de que isto que se aproba aquí se cumpra sen enganos nin demoras". O pasado 25 de marzo o voceiro da comisión promotora da iniciativa lexislativa popular (ILP) para dotar o Hospital de Lugo dos servizos pendentes e ex alcalde da cidade, Vicente Quiroga, dirixíase deste xeito á bancada do PP no Parlamento. Nese pleno a unanimidade dos grupos apoiaba a toma en consideración da lei cidadá para instalar no Lucus Augusti as unidades de medicina nuclear, radioterapia e tamén da hemodinámica a tempo completo -agora só funciona polas mañás- prometidas por Feijoo na inauguración do centro. A ILP, sinalaba o voceiro do PP no debate e no Concello lucense, Jaime Castiñeira, viña "completar e refrendar o compromiso firme da Xunta" con este hospital. Agora o propio PP disponse a baleirar de contido este compromiso.
Tras esa toma en consideración a ILP iniciou o preceptivo trámite parlamentario, no que se inclúe a posibilidade de presentación de emendas por parte dos grupos. Polo momento presentáronse sete: unha de AGE, encamiñada a que os novos servizos "se proporcionen integramente dentro da sanidade pública", e seis do PP que dilatan prazos, dilúen compromisos e mesmo lle cambian o título á proposta, que deixa de ser "para garantir a prestación" das devanditas especialidades sanitarias "en igualdade de condicións para toda a cidadanía galega" e pasa a ser unha "lei pola que se modifica (...) a lei de garantías de prestacións sanitarias", isto é, a norma que abre a porta á transferencia de pacientes do Sergas á sanidade privada.
O PP muda ata o título da lei, que pretendía garantir os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear prometidos por Feijóo
Menos de dous meses despois de que Castiñeira dixese concordar coa reclamación veciñal porque "ninguén estamos libres de ter que utilizar algún día estes servizos" o seu xefe no Parlamento, Pedro Puy, asina un paquete de modificacións que elimina da exposición de motivos da lei as referencias ás promesas realizadas polo presidente da Xunta, á demora en atender infartos na provincia de Lugo por mor dos traslados a outros hospitais ou á necesidade de obter estes servizos de xeito inmediato. No novo texto o PP nin seguera fala abertamente de instalar estas unidades no HULA, senón da necesidade de "agrupar un volume de casos suficiente" para "determinadas actividades clínicas" co obxectivo de "desenvolver a súa actividade nunhas condicións óptimas".
As emendas do PP dilúen os compromisos fixados na ILP e dilatan o seu cumprimento ata o ano 2016
Onde a veciñanza de Lugo estipulaba compromisos concretos os conservadores glosan agora un programa para atender infartos instaurado polo Sergas no ano 2005, que tiña "como principal reto" paliar o espallamento da poboación e "realizar os traslados dende calquera punto" a un hospital coa unidade axeitada "en menos de 120 minutos". No canto do texto orixinal, que dende o inicio instaba a "pór en marcha xa" o que Feijóo prometeu para Lugo en 2011, figurará que "parece oportuno que se recolla entre as garantías de que dispoñen os usuarios a do dereto de acceso ás prestacións sanitarias en condicións de equidade en relación coa distribución territorial".
Tras esta exposición de motivos chega o regateo na parte dispositiva da lei, que na súa redacción inicial obrigaba a Xunta a dotar de "servizo de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear" a "todas as provincias galegas" en "igualdade de condicións". Atendendo á emenda do PP o Goberno galego só deberá dispoñer que "todas as provincias galegas dispoñan de procedementos", que non de servizos, nestas especialidades, eliminando ademais a referencia ás "24 horas". Engádese ademais que, "en calquera caso", a "prestación destes servizos" debe ter en conta o "mellor aproveitamento das salas de hemodinámica existentes". Por último os populares estipulan unha notable dilación de prazos: mentres que a ILP fixaba que a hemodinámica tería que estar instalada en Lugo en 6 meses e a radioterapia e a medicina nuclear nun ano as emendas danlle 18 meses á Xunta, isto é, ata 2016, para cumprir os novos e difusos compromisos.