O PP asegúrase o control de RTVE e abre a porta á fin das autonómicas

Santamaría, con Wert e Mato, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

En febreiro de 2004 o daquela candidato á presidencia do Goberno central polo PSOE, José Luis Rodríguez Zapatero, realizaba un inusual anuncio. O líder socialista anunciaba que o seu partido aparcaba as propostas que viña defendendo para reformar os medios públicos de comunicación e, no seu lugar, asumiría un plan de reestruturación elaborado polo que daquela se deu en chamar "comité de sabios", un grupo de persoas procedentes do mundo da universidade, da política e da comunicación que deseñarían un novo modelo para Radio Televisión Española. "Rematou a televisión de partido e que os partidos utilicen os medios de comunicación públicos no seu proveito", proclamaba o aspirante á Moncloa. Mes e medio despois o PSOE gañaba as eleccións xerais e a nova vicepresidenta, Teresa Fernández de la Vega, pronunciaba unhas verbas semellantes ao anunciar o nome de Carmen Cafarell, directora de transición para a RTVE ata que se elaborase unha nova lei baseada no informe dos sabios. Esa norma chegaría en 2007 e con ela a Corporación RTVE, un cambio empresarial pero tamén informativo que, segundo teñen recoñecido numerosas instancias profesionais españolas e internacionais, incrementou notablemente a súa "calidade" e "pluralidade". Un modelo televisivo e radiofónico que o Consello de Ministros deste venres apostou por comezar a mudar.

A lei de 2007 incorporaba moitos preceptos novidosos para a nova RTVE, como a creación de consellos de informativos ou outros mecanismos de control interno. Pero os cimentos da casa estaban na fin da designación gobernamental dos seus máximos responsables. A clave estaba no artigo 11 da lei, no que se establecía a elección do Consello de Administración do ente. Tería doce membros, catro escollidos polo Senado e oito polo Congreso, dos que dous representarían "os sindicatos máis representativos a nivel estatal". De entre eses doce conselleiros, a Cámara Baixa designaría o presidente ou presidenta da Corporación, "tal designación requerirá unha maioría de dous terzos da Cámara". Esta norma obrigaba, na práctica, a que o Goberno de Zapatero acadase un amplo consenso, máis aínda tendo en conta que os socialistas gobernaban en minoría.

O PP converte en norma a excepción da lei de 2007 e asegúrase poder designar a quen considere oportuno para dirixir os medios públicos

Aquela normativa só incorporaba unha excepción. A primeira designación do novo cadro directivo poderíase designar por maioría absoluta "se non se alcanzasen" os dous terzos, o que en calquera caso obrigaba tamén o gabinete de Zapatero a pactar. É precisamente este precepto ao que se aferra o actual Goberno para mudar a lei. A vicepresidenta do Executivo central, Soraya Sáenz de Santamaría, apóiase nos supostos "graves problemas de xestión" de RTVE para converter en norma o que era excepción. A nova regulamentación permitirá que, en calquera caso, a presidencia dos medios públicos se renove por maioría absoluta, o que coa actual composición do Congreso equivale a que o PP poderá designar a quen considere oportuno para gobernar Televisión Española e Radio Nacional de España. "Se en 2006 isto non supuña un golpe institucional, no ano 2012 tampouco", argumenta Sáenz de Santamaría, que insiste en que o gabinete de Mariano Rajoy non está a impoñer a fin da pluralidade no ente, senón a aplicar o "desbloqueo" que supón que a súa presidencia estea vacante. A reforma trae ademais consigo "austeridade", salienta. Os conselleiros pasan de 12 a 9 e só o titular da presidencia terá dedicación exclusiva.

Autonómicas privadas, inexistentes ou con contas axustadas ao milímetro

As autonómicas poderán privatizar todos os seus programas, "incluídos os informativos"

Pero esta non é a única reforma en materia de medios públicos aprobada polo Consello de Ministros. No mesmo movemento político dálle tamén luz verde ao que viña sendo unha reclamación dos sectores máis conservadores dentro do PP: a posibilidade de privatizar as televisións autonómicas ou directamente, de facelas desaparecer. Esta decisión farase efectiva a través da reforma da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que a vicepresidenta define como "lei sobre flexibilización dos modos de xestión das televisións autonómicas". A modificación, que se tramitará pola vía de urxencia, permitirá que as autonomías con canles propias se poidan desfacer delas, "convocando os correspondentes concursos para a adxudicación de licenzas privadas". Se deciden mantelas, o que o Goberno define como "xestión directa" inclúe tamén a posibilidade de ceder "total ou parcialmente a terceiros a produción e edición de toda a súa programación". "Incluídos os servizos informativos", especifica.

Cal será a repercusión desta norma en Galicia? Durante os últimos meses diversos responsables do PPdeG e da Xunta veñen insistindo en que a súa intención non pasa por privatizar a CRTVG, actualmente inmersa nun proceso de conversión en corporación en virtude da lei pactada polos populares co PSdeG o pasado ano. Non obstante, as modificacións que chegan de Madrid obrigarán aos medios públicos galegos a aplicar cambios que non son menores. As autonomías que decidan seguir adiante coas súas televisións e radios verán como se lles "impoñen unha serie de obrigas de carácter financeiro" que se resumen nun obrigado "equilibrio financeiro", isto é, non poden ter ningunha caste de déficit. 

A TVG tiña no peche de 2011 uns 3,6 millóns de débeda e o seu director xeral asegura que logrará o "equilibrio orzamentario"

No caso da CRTVG o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, aseguraba no Parlamento hai apenas dous meses que a compañía se atopa moi próxima ao "equilibrio orzamentario", con apenas 3,6 millóns de euros de débedas ao peche do exercicio económico de 2011. "Estes tres millóns nunha empresa con 118 millóns, significa que estamos nos básicos para operacións correntes de financiamento dos pagamentos ordinarios do ente público, ou dito doutro xeito, significan que na práctica a política de endebedamento é agora inexistente na CRTVG", explicaba. Así e todo, xa daquela Sánchez Izquierdo advertía do, ao seu xuízo, excesivo peso dos gastos de persoal nas contas do ente público, o que fai incrementar os temores dos seus profesionais.

Neste contexto, todo semella indicar que as novas reformas do Goberno central mudarán radicalmente o panorama do Estado no que a medios de comunicación públicos se refire. Na mesma reunión gobernamental o gabinete presidido por Mariano Rajoy anunciou tamén o cumprimento dunha das súas promesas de campaña: as radios poderán volver retransmitir partidos de fútbol dende o interior dos estadios.

Traballadores da TVG no plató do Telexornal © CRTVG
Ana Pastor entrevista a Feijóo en TVE © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.