Que Galicia ten un serio problema demográfico é das poucas premisas que practicamente ninguén cuestiona na esfera política do país. O denominado "inverno demográfico", co peor saldo vexetativo do Estado como un dos seus máximos expoñentes, está intimamente ligado á baixa natalidade, que veu caendo de maneira sostida dende os anos 70 coa excepción dunha lixeirísima alza dende mediados dos 90 que se detivo no inicio da actual crise económica. Estes datos servíronlle este mércores ao presidente da Xunta para, como xa fixera hai poucas semanas, atribuír en exclusiva aos escasos nacementos a perda de poboación xuvenil que sofre o país ano tras ano, unhas afirmacións que é desmentida polos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística.
A teimosía de Alberto Núñez Feijóo despregouse en resposta a unha pregunta do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, que o cuestionou a respecto "do que algúns xa denominan a Galiza minguante", un problema que, admite, non é culpa "exclusiva" do actual Goberno o cal, non obstante, insta, debe abordalo en áreas como a precariedade do emprego xuvenil. As "baixas de demandantes de emprego por unha oferta laboral chegada das oficinas de emprego" apenas superan o 2%, "o problema demográfico non ten que ver coa precariedade?", pregunta. "Segundo o INE só o 33% da mocidade está ocupada, pero o paro xuvenil non ten nada que ver?", cuestionou, destacando ademais que "só en 2013 deixaron o país 30.000 mozos e mozas".
Feijóo reitera en resposta ao BNG que o descenso de poboación xuvenil "se debe ao descenso da natalidade" nos 80 e 90
"Frivolizan sobre o problema fundamental de Galicia", retrucou o presidente que, igual que ante a prensa que cobre o Consello da Xunta, sitúa como orixe da baixada de poboación xuvenil na "caída dos nacementos" dende "mediados dos 70", que "recrúa nos 80 e segue recruando durante os anos 90" ata o "lixeiro repunte" na contorna do ano 2000. O que non cabe, ao seu xuízo, é "dicir dende unha tribuna que os mozos galegos emigran e que diminuímos a poboación pola política económica do Goberno". A situación, reitera, "débese ao descenso da natalidade". Trátase, "simplemente", de "ter un pouco de datos para avaliar un problema".
A mocidade galega non é só a nada en Galicia
Os datos aos que se refire o presidente da Xunta revelan o devandito descenso da natalidade, pero indican, do mesmo xeito, que os nacementos non son a única fonte de poboación xuvenil en Galicia e que o seu descenso non é a única causa da perda. Actualmente residen no país 569.955 persoas de entre 15 e 34 anos, o que os institutos estatísticos adoitan considerar poboación xuvenil. Son 27.207 menos que hai un ano e 158.491 menos que no ano 2007, no inicio da crise, unha caída superior ao 20%. Isto sucede nun contexto no que entre 1980 e 1999, é dicir, entre hai 15 e 34 anos, naceron en Galicia 501.262 persoas.
A poboación xuvenil caeu un 20% dende o inicio da crise e, malia isto, aínda residen en Galicia case 70.000 persoas mozas non nacidas aquí
Con estes datos na man cabe concluír que actualmente e malia ás devanditas baixadas residen en Galicia case 70.000 persoas mozas que non naceron en territorio galego. Polo tanto, e tendo en conta que dende 2007 morreron no país menos de 2.000 mozos e mozas, a evidencia dos datos di que a poboación xuvenil non baixa só a causa da baixa natalidade dos anos 80 e 90 aínda que esta sexa unha das súas causas fundamentais. "Benvido á realidade dos problemas, hai que rectificar de cando en vez", ironizou Feijóo en resposta á oposición.