Medio goberno de Santiago será xulgado a seis días das eleccións

Amelia González, Juan De la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Francisco Noya e Luis Bello CC-BY-SA Praza Pública

Non vai máis. O vindeiro día 19, menos dunha semana antes das eleccións europeas, a metade máis un dos membros do goberno local de Santiago terán que sentar no banco dos acusados para responderen por un delito de presunta prevaricación e enfrontárense á petición de ata nove anos de inhabilitación que formula a Fiscalía. A Audiencia Provincial da Coruña vén de rexeitar o recurso co que os concelleiros tentaban evitar o xuízo e dálle a razón no esencial á xuíza Ana López Suevos, que o pasado febreiro apreciaba "indicios de criminalidade" no acordo co que a Xunta de Goberno Local decidiu o 30 de maio de 2013 pagar con fondos públicos o avogado do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, imputado no caso Pokémon por supostos delitos de tráfico de influencias, suborno e falsidade documental.

A tese principal dos edís populares baséase en que tomaron esta decisión apoiándose nun informe da Asesoría Xurídica do Concello. Efectivamente, ese informe existe, pero non avalaba incondicionalmente o pagamento do avogado. Ben ao contrario, nel o secretario municipal limitábase a remitirse á xurisprudencia na materia para explicar que os gastos poderían ser cargados ao erario se a imputación tiña "orixe ou causa directa" nunha actuación "realizada no cumprimento" do cargo de concelleiro e se esta non implicaba "abuso, exceso, desviación de poder" ou "converxencia con intereses particulares". Do mesmo xeito, o Concello podería asumir os gastos se, ao remate do proceso, se ditaminaba "a inexistencia de responsabilidade criminal". Segundo a xuíza estes requisitos non se cumpriron, o Ministerio público concorda e a Audiencia fai o propio.

A Fiscalía pide nove anos de inhabilitación para 7 dos 13 edís do equipo de goberno de Santiago

Nun auto feito público este mércores os maxistrados explican que "do teor literal" daquel acordo da Xunta de Goberno -á que non acudiu o alcalde, Ángel Currás- "resulta a probabilidade de que o gasto se asumise de forma incondicionada, sen suxeción ás esixencias que derivan da lei e da xurisprudencia", as cales eran "coñecidas polos concelleiros", xa que constaban "expresamente" no devandito informe do secretario. "O acordo de asunción dun gasto" desta natureza, abondan, "só é conforme a dereito se se dan eses requisitos" e, dado que "o acordo non está condicionado a que eses requisitos se cumpran, no momento da súa adopción ou con posterioridade, abre a posibilidade de satisfacer gastos alleos ao interese público, de indemnizar a quen puido actuar á marxe da súa función e a quen pode resultar criminalmente responsable por ese comportamento". Polo tanto, "o acordo pode ser considerado unha resolución inxusta nos termos do artigo 404 do Código Penal".

A Audiencia contempla a posibilidade de que os edís adoptasen o acordo sen ter en conta a lei

As "alegación contidas no recurso de apelación" e as súas propias dilixencias non lle permiten á Audiencia "descartar" a posibilidade de que os concelleiros adoptasen un acordo inxusto, tampouco aínda que prevesen fiscalizar os gastos a posteriori. "O momento de fiscalizar a legalidade do gasto é cando se adopta o acordo" e é "nese momento" cando deberían "quedar claras as condicións nas que se asumía o gasto". Nin sequera eximiría de culpa os edís o feito de que o pagamento non se chegou a producir -Varela renunciou a el cando transcendeu á prensa- ou "a posibilidade de proceder ao reintegro do indebidamente pagado. Ningún destes escenarios afectaría "á legalidade ou ilegalidade do acordo".

Xustificados por Feijóo

O novo auto da Audiencia non só aboca ao xuízo aos concelleiros e leva a novas cotas ao atribulado goberno compostelán, senón que tamén bate de cheo no argumentario do presidente da Xunta e xefe de filas do PP galego neste caso. O pasado marzo, cando xa se ditara o auto de apertura de xuízo oral e despois de reunirse co alcalde da cidade, Alberto Núñez Feijóo xustificou que os concelleiros incausados permanecesen nos seus cargos e interpretou que a súa imputación era consecuencia "dunha decisión da comisión de Goberno co visto e prace dos funcionarios responsables de velar polo cumprimento da lei", aspecto que negan a xuíza, a Fiscalía e a Audiencia.

A resolución da Audiencia contradí os argumentos do presidente da Xunta para xustificar que os edís non dimitan

Do mesmo xeito, Feijóo considera tamén que cómpre quitarlle ferro ao asunto porque a decisión "non tivo repercusión económica ningunha", dado que o pagamento non chegou a producirse. Ademais, segundo o líder da dereita en Galicia cómpre "considerar os antecedentes do Concello, conde hai acordos plenariso que autorizaban o pago das minutas nos supostos de imputados doutros concelleiros". "A existencia dun precedente (...) non se pode ter en conta. Nin o precedente é tal, por ser os acordos distintos, nin convertería en conforme a dereito un acordo que pode non selo", di a resolución xudicial deste mércores.

Varela (dereita) e Currás, nun acto público © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.