A do 25 de maio foi, probablemente, a primeira noite electoral sen euforia na sede do PPdeG dende que Alberto Núñez Feijóo o dirixe. Nas sete ocasións anteriores o tamén presidente da Xunta sempre tivera varios motivos para a satisfacción, xa fose por gañarlle algunha partida urbana ao gobernante bipartito de PSdeG e BNG, por retornar á Xunta ou por medrar mentres os seus rivais directos perdían apoio cidadán. Desta volta a ledicia popular só tiña un piar: seguir sendo o partido máis votado do país, coma sempre dende que Manuel Fraga o fundou en 1989, aínda que o sexa, practicamente, co menor apoio cidadán da súa historia. Nunca tan pouca xente votara polo PP en Galicia como nestas eleccións europeas dende hai un cuarto de século.
Feijóo tardou unha hora en presentarse na sala de prensa tras coñecer os resultados e ante os informadores atribuíu o descenso á "irrupción" de Podemos no panorama electoral e, sobre todo, aos "votantes do PP que non acudiron ás urnas", dito isto malia que a participación superou en dous puntos a dos anteriores comicios á Eurocámara. Feijóo aférrase a que o PSOE tamén se descalabra e a que Galicia é a "segunda comunidade pluriprovincial" con mellor resultado do PP para non mergullarse en exceso nas cifras, 354.743 votos que se converten no seu chan electoral en territorio galego en 25 anos.
Dende as xerais de 1989 o PP nunca baixara do medio millón de votos
Para atopar un resultado semellante do PP en Galicia hai que remontarse ao ano no que se fundou, en 1989, cando a antiga Alianza Popular mudaba de siglas e puña á fronte a un mozo José María Aznar para tentar desbancar a Felipe González. Naquel ano celebráronse eleccións xerais e Aznar acudiu a Galicia para pedir o apoio cidadán en compañía de Gerardo Conde Roa, José Manuel Romay Beccaría e o propio Fraga. Os populares, daquela cunha gaivota que voaba cara á esquerda, obtiveron 519.168 e nunca baixaron do medio millón de votos. Ata este domingo.
Os de Feijóo deixaron polo camiño case 220.000 votos a respecto das anteriores eleccións europeas, as de 2009, cando lograran máis da metade dos sufraxios emitidos, lonxe do 35,16% desta ocasión. Afondan así na dinámica descendente iniciada nos comicios galegos de 2012, nos que malia gañar tres deputados no Parlamento perderon máis de 100.000 votos a respecto de 2009, a primeira vitoria de Feijóo, e tiveron 194.000 papeletas menos que nas xerais do ano anterior, as da derrota do PSOE e da chegada de Mariano Rajoy a La Moncloa.
As caídas de PSdeG e BNG
Malia ser a máis rechamante a caída do PP non é a única que fixo historia neste 25-M, toda vez que as outras dúas formacións que tamén viñeron sendo piares básicos do sistema de partidos do país nas últimas dúas décadas tamén experimentaron fortes retrocesos malia non teren responsabilidades de goberno. Así, por exemplo, a dirección do PSdeG puña o acento durante a noite electoral na súa "consolidación como segunda forza política", un rango que conserva malia perder case 184.000 votos a respecto das europeas de 2009 e perder apoio cidadán por terceira vez consecutiva ata ter o peor resultado do período analizado, dende 1989, nunhas eleccións que este luns precipitaron a saída de Alfredo Pérez Rubalcaba da secretaría xeral.
Os socialistas perderon 184.000 votos e asinaron o peor resultado deste cuarto de século
O segundo peor rexistro dos socialistas galegos nestes vinte e cinco anos foi tamén nunhas europeas, as de 1994, durante o derradeiro mandato de Felipe González, cando non lograran chegar aos 289.000 votos. Os terceiros comicios con menos sufraxios para o PSdeG foron as autonómicas de 2012, con apenas 297.000 votos. Todos estes números están moi lonxe dos mellores momentos do partido en Galicia, nas dúas eleccións xerais gañadas por José Luis Rodríguez Zapatero, cando a formación daquela liderada por Emilio Pérez Touriño logrou 682.684 votos en 2004 e 750.492 en 2008.
O BNG quedou 30.000 votos por riba do seu rexistro máis baixo e 24.000 votos por tras das anteriores europeas
Malia experimentar tamén unha notable caída os resultados obtidos polo BNG o 25-M non son os peores da historia da fronte nacionalista, cuxa dirección transmitía sensación de alivio na noite electoral non só porque a súa coalición obtén representación na Eurocámara e, polo tanto, escano rotatorio para Ana Miranda, senón tamén porque os 79.732 votos obtidos superan os prognósticos do inicio de campaña, que roldaban os 50.000. Tras media década de avatares que comezaron coa saída da Xunta e culminaron nas escisións de 2012 o Bloque queda 30.000 votos por riba do seu peor resultado neste cuarto de século, o das xerais de 1989, e 24.000 votos por baixo do das anteriores europeas. Así e todo, tamén está lonxe do seu mellor escenario electoral, os case 400.000 votos das eleccións galegas de 1997,