Santiago súmese na súa peor crise institucional cun goberno ao 30%

Nota difundida polo Concello de Santiago © Concello de Santiago

A metade sur do Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro, é a sede do Concello de Santiago. No entanto, hai tempo que as decisións máis transcendentais que lle afectan ao goberno compostelán non se toman no histórico edificio que o consistorio comparte coa Xunta, senón nos barrios de Fontiñas, onde se atopan os xulgados, e San Lázaro, onde se ubica a sede autonómica do PP. Así aconteceu en abril de 2012, cando a investigación -que desembocaría en condena- a Gerardo Conde Roa por fraude fiscal desembocou na súa marcha da Alcaldía, e así sucedeu de novo este luns, cando sete dos trece edís do goberno anunciaron a súa renuncia tras seren condenados por prevaricar ao aprobar pagarlle as minutas do avogado Míguez Poza ao agora dimisionario edil de Deportes, Adrián Varela.

Quen presidiu aquela xuntanza de abril de 2012 foi Alberto Núñez Feijóo, que deu en aceptar a imposición de Ángel Currás como sucesor de Conde Roa para minorar de vez a fenomenal polémica. Desta volta, con Feijóo de viaxe oficial no Xapón, foi o vicepresidente e secretario xeral, Alfonso Rueda, o encargado de xestionar a crise, acompañado polo presidente e o secretario xeral da provincia, Carlos Negreira e Diego Calvo. Tras dúas horas de xuntanza Rueda e Currás flanquearon a voceira municipal, María Pardo, que ás portas do local dos conservadores leu o escueto comunicado que confirmaba a súa dimisión.

De novo, unha xuntanza na sede autonómica do PP para resolver unha crise do Concello santiagués

O documento, realizado coa maquetación dos comunicados habituais do PP pero substituíndo o logotipo do partido pola expresión "Concello de Santiago", explica que os edís condenados -expresión que non figura no comunicado- "renuncian á súa acta de concelleiros ante a decisión comunicada (...) polo Xulgado do Penal número 1 de Santiago de Compostela". "Os sete membros da Corporación -di o segundo e derradeiro parágrafo- subliñan que seguen a confiar plenamente na súa inocencia e que recorrerán a sentenza ante as instancias xudiciais oportunas". Na liña das críticas lanzadas durante o proceso, "valoran esta resolución como inxusta no que á condena atinxe e desproporcionada no que á pena se está a referir".

Un goberno ao 30%

E agora, que? O pouco que transcendeu indica que o partido deixa o futuro inmediato nas mans dun alcalde no que xa non confía e sobre o que ademais pesan dúas imputacións, unha por presunto tráfico de influencias, na Pokémon, e outra por suposta prevaricación e acoso contra un policía local. No inicio da xornada Currás estaba á fronte dun gabinete operativo ao 40%, con só 5 dos 13 membros que lle outorgaron as eleccións municipais de 2011. Contra o mediodía a cifra baixaba ao 30% coa dimisión da edil de Educación, Rebeca Domínguez, tamén imputada na Pokémon. Para completar os nove postos que restan faise difícil tirar de lista, toda vez que nos últimos postos figuran, entre outros, dous xubilados, a deputada no congreso Marta González e o conselleiro Agustín Hernández. Estes últimos figuran nas quinielas para ocupar o cartel electoral do PP local en 2015, pero nada fai pensar que acepten queimarse nun consistorio que vive a peor crise da súa historia.

Todo semella indicar que Currás terá que combinar os restos da lista con edís non electos

Así as cousas, todo semella indicar que Currás terá que facer unha combinación entre os restos dos titulares da lista, os suplentes e edís non electos para facer a peregrinaxe do resto do mandato, ata a primavera do ano vindeiro, toda vez que no derradeiro ano antes dos comicios non caben eleccións parciais. Vai organizar "un equipo solvente" para "seguir á fronte deste barco", asegura. Nesta liña, dende o PSdeG local o seu voceiro, Francisco Reyes, subliña que a "responsabilidade ao 100%" desta situación recae no PP, que é "quen ten que dar unha solución". A constitución dunha xestora ata as eleccións "non é asumible" e, ao seu xuízo, esta é unha boa oportunidade para que os conservadores demostren se "teñen confianza" no resto das persoas que conforman a lista e, no caso do conselleiro Hernández, que amose "se lle quere" a Compostela "por riba de calquera circunstancia".

"Calquera solución é mala"

O voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, lamenta que o PP sexa xa "a formación política que máis dano lle causou á cidade" e que tivese "que ser a Xustiza a que puxese orde contra a corrupción" no consistorio". "Santiago atópase nunha situación límite por culpa da irresponsabilidade do PP", di Cela, que lembra que o Bloque estivo a esixir eleccións anticipadas "cando se podía facer", pero "intencionada e deliberadamente, Feijóo estirou os tempos" e agora "calquera solución" das posibles "é mala". En todo caso, o nacionalista coida que "non só teñen que marchar as sete persoas condenadas" senón, "como mínimo, todas as persoas imputadas por casos de corrupción ou de prácticas especialmente graves na xestión que crean alarma social", a comezar polo alcalde.

Pleno no Concello de Santiago © Concello de Santiago
Rebeca Domínguez -na imaxe, con Currás- é a novena edil en dimitir © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.