Pregúntanlle á Xunta polos seus contratos con Véndex e contesta cos do bipartito

Nave de Véndex en Compostela © Google

Do castizo "manzanas traigo" ao "compartir é vivir". Un xeito de proceder habitual do actual Goberno da Xunta ante os seus episodios politicamente máis críticos consiste en tentar distribuír ou compartir responsabilidades, no fondo ou na forma, cos demais grupos políticos en xeral e co Executivo de coalición de PSdeG e BNG en particular. Aconteceu co narcotraficante Marcial Dorado e está a suceder de novo no caso Pokémon, xa sexa pola vía das declaracións do presidente da Xunta ou a través de respostas oficiais. O segundo é o que vén de acontecer no Parlamento, onde a oposición tenta coñecer as relacións económicas da Xunta coas empresas do grupo Véndex, situada pola investigación que dirixe a xuíza Pilar de Lara como centro da presunta trama corrupta.

O pasado febreiro os deputados socialistas Beatriz Sestayo e Vicente Docasar dirixíronse por escrito á Xunta para preguntarlle polos "datos referidos aos contratos asinados pola Xunta de Galicia ou por calquera dos organismos dependentes dela coas empresas do grupo Véndex entre o 1 de abril de 2009 e o 1 de marzo de 2013", isto é, nos primeiros catro anos de Feijóo na Xunta. Segundo consta nos arquivos parlamentarios esa resposta aínda non chegou, pero si que o fixo. No que aparentemente é un erro a contestación foi parar a outro expediente, o dunha pregunta tamén do PSdeG sobre fondos europeos, e alí está dende o 30 de maio.

A documentación está incluída no expediente dunha pregunta sobre fondos europeos

A documentación facilitada pola Xunta consta de tres páxinas, as que ocupa unha táboa na que se detallan contratos, axudas, gastos menores e convenios das diferentes consellerías e organismos oficias con empresas do grupo Véndex entre 2005 e 2009, isto é, basicamente durante a lexislatura do bipartito de socialistas e nacionalistas. En total, segundo os datos facilitados da Administración autonómica neses anos Véndex obtivo uns 153.000 euros en convocatorias de axudas públicas, algo máis de 9.500 por gastos menores, 1,7 millóns en contratos e 4.000 euros dun convenio no que tamén participou o Concello da Coruña.

Un dos gastos é datado en 2005 e atribuído á Agadic, fundada en 2008

As empresas que participaron nestas operacións foron PAU, Sermasa, Servicios de Ingeniería y Transportes Auxiliares e Doal, que contrataron ou obtiveron subsidios de sete departamentos autonómicos. Entre os organismos citados pola Xunta nesta resposta figura a Axencia Galega das Industrias Culturais, á que lle atribúe dous gastos menores con Sermasa por importe de 1.204 e 722 euros, ambos para operacións de carga e descarga en espectáculos celebrados na Coruña. Sempre segundo o Goberno estes gastos producíronse en 2005, aínda que a Agadic existe dende 2008. Un deles, o de 1.204 euros, está datado no 19 de xuño dese ano, día das eleccións autonómicas nas que o PP de Fraga perdeu a maioría absoluta. 

Reunión do Consello da Xunta © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.