A Oficina Antifraude da UE valora investigar un proxecto turístico de Louzán

Louzán, nun acto da Deputación © Deputación de Pontevedra

Dous anos despois de que a Oficina Europea de Loita Contra a Fraude (OLAF) comezase a investigar a Deputación de Ourense por "sospeitas fundadas de fraude e corrupción" no uso de fondos comunitarios nun proxecto turístico a ollada da Comisión Europea paira de novo sobre un ente provincial galego xestionado polo PP, desta volta en Pontevedra e, de novo, no ámbito do turismo. O comisario de Fiscalidade, Auditoría e Loita contra a Fraude, Algirdas Šemeta, vén de confirmarlle ao aínda eurodeputado de Aralar, Iñaki Irazabalbeitia, que está "avaliando" se hai motivos dabondo para indagar sobre a xestión de cartos comunitarios no plan "de turismo accesible" denominado Pousadas do Salnés.

Recollendo unha iniciativa do BNG -Irazabalbeitia ocupou no derradeiro treito da lexislatura o escano no que antes estivo Ana Miranda- o parlamentario pregúntalle a Šemeta se está aberto un "procedemento de investigación" contra a Deputación pontevedresa xa que este proxecto, que recibiu unha inxección ecómica do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), "favoreceu promotores e familiares do PP, o partido do Goberno da Xunta de Galicia, e foi denunciado publicamente polo mal uso de fondos comunitarios". A OLAF, responde o comisario, "está avaliando agora a información relativa ao asunto", nunha fase que "inclúe a axeitada recompilación de informacións da autoridades" correspondentes, "coas que se manteñen contactos".

"Favoreceu promotores e familiares do PP", di a denuncia

O obxectivo deste "proceso de avaliación", explica Šemeta, é "comprobar se a información se inscribe no mandato da OLAF e se é dabondo para abrir unha investigación ou iniciar un caso de coordinación". "Sobre a base dos resultados" desta fase decidirase "se se debe incoar o procedemento de investigación formal. Polo momento, explica, non é posible "facer ningún outro comentario sobre este asunto" dada a "confidencialidade do proceso de investigación" e co obxectivo de "protexer os dereitos fundamentais das persoas que poidan estar implicadas".

Un proxecto millonario

A unha das empresas construtoras atribúeselle o sobrecusto do estadio de Pasarón

Pousadas do Salnés é un proxecto no que, segundo datos da propia Deputación, están inxectados "máis de 10 millóns de euros, que están cofinanciados pola Unión Europea" e que prevé a posta en marcha de catro establecementos turísticos en Ribadumia, Armenteira, A Lanzada e Meaño cunhas "100 prazas hoteleiras accesibles" para persoas con discapacidade. As empresas construtoras encargadas de levalos adiante son Constructora San José (na Lanzada), Construcciones Abal (Ribadumia e Armenteira) e Oreco (Meaño). Construcciones Abal é unha contratista habitual da Deputación igual que tamén o é Oreco, compañía á que se lle atribúe o sobrecusto nas obras do estadio de Pasarón, que segundo o Concello de Pontevedra pasou de 7,2 millóns de euros a case 18. Segundo a oposición a Louzán, estas compañías teñen diversos vínculos co presidente provincial.

O PSOE provincial destaca que a empresa que xestionará as Pousadas é dun amigo persoal de Rajoy

A xestión das Pousadas foille adxudicada o pasado abril a través dun procedemento negociado á empresa Arlea Hotels, que terá esta encarga durante 12 anos. Arlea pertence ao grupo Hotusa, de cuxo máximo dirixente, Amancio López Seijas, a Deputación destaca que é "chantadino" e, "ademais, presidente de Exceltur, a maior organización de España de grandes empresas turísticas, o que supón unha grande vantaxe para posicionar no mercado as Pousadas do Salnés. Para o grupo provincial do PSOE o que destaca de López Seijas é que é amigo dende a infancia de Mariano Rajoy, con quen adoita compartir, por exemplo, actividades de verán en Sanxenxo ás que nalgunha ocasión se sumou o propio Louzán.

Louzán, nunha comparecencia sobre as 'Pousadas' © Deputación de Pontevedra
A posible investigación parte dunha iniciativa do BNG na Eurocámara CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.