Dous anos, un mes e vinte e catro días. É o tempo que separa as dimisións dos dous últimos alcaldes de Santiago de Compostela, os dous do PP e os dous con maioría absoluta. A fraude fiscal, primeiro, e a condena por prevaricación de máis da metade do goberno local, despois, colocan a capital de Galicia nunha fondísima crise institucional e nun inédito incendio político que o presidente da Xunta e dos conservadores en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, vai tentar apagar enviando ao consistorio o home máis forte do seu goberno despois do vicepresidente: o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, que no ano 2011 ocupou o derradeiro posto do PP compostelán, o vixésimo quinto, como apoio simbólico á lista que encabezaba Gerardo Conde Roa.
Tras unha semana de especulacións durante a que Currás se afanou en fiar unha lista de edís non electos para cubrir as baixas dos condenados e dous dous edís imputados na Pokémon que tamén dimitiron o guión deu un xiro de cento oitenta graos no mediodía deste luns. O alcalde convocara a prensa ás seis da tarde para presentar o seu novo gabinete, do que xa transcenderan case todos os nomes. Pero, tras varios días desligándose do que acontecese na capital galega asegurando que a decisión lle correspondía só ao rexedor, a cúpula do PPdeG deu en intervir. Unha entrevista entre o propio Currás e o vicepresidente e secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, serviu para ratificar a operación e para invalidar as proclamas de "autonomía local" que impregnaran os argumentarios populares nos últimos días.
A cidade acumula máis alcaldes en tres anos que nos vinte anteriores
Neste contexto, a comparecencia ante os medios para presentar os novos concelleiros converteuse na da despedida. Sen compaña ningunha na mesa, nin sequera a da tenente de alcalde Reyes Leis, Currás explicou que a "paixón por Compostela" que sentía cando colleu o bastón de mando das mans de Conde Roa pasou de ser "inclinación afectiva" pola cidade a tornar en "padecemento propio das convulsións" que experimentou o consistorio". Apenas unhas horas despois de rexeitar a dimisión baixo calquera circunstancia explica que "falei, loxicamente, co partido e co presidente" e "entendemos" que cómpre unha "renovación" e que "un membro da candidatura", Hernández, "se incorpore como concelleiro e poida asumir a responsabilidade da Alcaldía". Trátase, evidencia dunha "situación excepcional".
O resto do equipo, unha incógnita
Currás evita aclarar se seguirá como edil
Dende a resistencia a "facer unha valoración de se é normal ou non" que a cidade teña en tres anos máis alcaldes que nos últimos vinte anos Currás garda para si, cando menos de momento, a decisión de se seguirá ou non como edil na Corporación municipal e de se, polo tanto, será ou non membro do Goberno de Hernández. "O silencio é a mellor garantía de prudencia e discreción", ilustra, nun contexto no que non considera "oportuno" presentar "o grupo de persoas" coas que tiña pensado gobernar ata as eleccións de 2015, as mesmas para as que Hernández figuraba en múltiples quinielas como posible cartel electoral do PP na batalla compostelá. Será o actual conselleiro quen propoña e dispoña, veu dicir.
O movemento avoca a Xunta a unha crise de goberno
Sexa como for, Currás, duplamente imputado -no caso Pokémon e por presunto acoso laboral a un policía local-, é afastado dun sillón da alcaldía ao que chegará Hernández tras renunciar ao seu escano no Parlamento e, sobre todo, ao seu posto no Goberno galego, avocado pola súa banda a unha reestruturación. Quen tamén é vicesecretario xeral do PP galego terá que conformar un equipo partindo da base de que a lista presentada en 2011 está practicamente esgotada, polo que todo apunta a que a cidade estará dirixida por un gabinete composto maioritariamente por persoas non elixidas nas urnas. Cando Currás xa dixera adeus ás portas do Pazo de Raxoi un grupo de membros do colectivo Santiago de Corruptela cantaba e bailaba portando máscaras de Pikachu, protagonista da saga Pokémon.