AGEe, Os Pobos Deciden e Podemos compartirán grupo na Eurocámara

Vista xeral da xuntanza de constitución do grupo CC-BY-NC-SA GUE/GNL

Todos xuntos. O grupo parlamentario GUE/NGL, que une de xeito confederal os subgrupos da Esquerda Unida Europea e da Esquerda Verde Nórdica, vén de iniciar os seus traballos para a próxima lexislatura europea con novas incorporacións que elevan os seus membros dos 35 do anterior mandato ata 52. A configuración deste grupo deriva en que, cando menos de inicio, as opcións de esquerda rupturista con máis apoio en Galicia nas eleccións do 25 de maio: AGE en Europa, Podemos e Os Pobos Deciden -coalición na que se integrou o BNG- vaian traballar dende o mesmo ámbito parlamentario.

Nesta primeira xuntanza, celebrada en Bruxelas e dirixida pola presidenta do grupo, a alemá Gabi Zimmer, participou como membro da delegación da Esquerda Plural a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra e tamén foron recibidos como novos membros os cinco representantes de Podemos encabezados por Pablo Iglesias, e o seu homólogo de Os Pobos Deciden, Josu Juaristi, de Bildu, que encabezaba a candidatura con Ana Miranda, do BNG, como número dous. En virtude do acordo entre as formacións despois de Juaristi ese escano será o de Miranda.

Neste contexto, fontes do Bloque consultadas por este diario explican que o representante de Bildu chega a este grupo a través da NGL e que, como estaba previsto, as iniciativas da formación frontista galega serán tramitadas e defendidas por Juaristi ata que Miranda acceda ao escano. En anteriores lexislaturas Miranda -e antes Camilo Nogueira- participou na Eurocámara a través do grupo que conforman Os Verdes e a Alianza Libre Europea (ALE), á que pertence. As mesmas fontes consultadas por Praza confirman que desta volta fará o mesmo.

Nas anteriores lexislaturas o BNG traballou no grupo no que se integra a ALE, á que pertence

Tras a toma de contacto inicial Gabi Zimmer amosou a súa "satisfacción" polo incremento "próximo ao 50%" da dimensión do grupo, cuxos membros, di, están "moi contentos de darlles a benvida" a novas organizacións como Podemos e Bildu, así como a L'Altra Europa con Tsipras, de Italia ou o eurodeputado irlandés Luke Flanagan. "Estamos desexando traballar xunto ás novas forzas da esquerda coa fin de darlles unha voz forte aos pobres, aos excluídos, os desempregados e a mocidade", así como "aos movementos sociais e os traballadores".

Zimmer: "Milleiros de cidadáns puxeron a súa fe en nós e non os imos defraudar"

Zimmer coida que a nova composición lle dá ao grupo un carácter aínda máis "incluínte" que permitirá "impulsar alternativas reais a nivel europeo en todos os ámbitos políticos", especialmente en "cuestións urxentes como rematar coa austeridade, loitar contra a pobreza e o desemprego" ou o rexeitamento ao fondo e á forma do tratado de libre comercio entre a UE e os EUA. "Milleiros de cidadáns puxeron a súa fe e nós e non os imos defraudar", afirma.

Senra, en primeiro termo, nun intre da xuntanza CC-BY-NC-SA GUE/GNL
Juaristi, durante a constitución do grupo CC-BY-NC-SA GUE/GNL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.