O Estado volve desmentir a Feijóo e constata os recortes sanitarios en Galicia

Feijóo, con Ana Mato nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Existen varias liñas argumentais recorrentes nas declaracións públicas do Goberno galego e do seu presidente para explicar a súa política social. Nelas adoita destacar a palabra "blindar". Tamén son frecuentes as comparacións con outras autonomías, mesmo as gobernadas polo PP, ás que Alberto Núñez Feijóo acusa máis ou menos implicitamente de recortar máis ca el. "Ao final desta lexislatura haberá máis sanidade pública, un Servizo Galego de Sáude máis modernizado e eficiente", dicía antes das eleccións de 2012. "Hai máis sanidade pública dende o punto de vista da equidade e da calidade que no 2009", reiterou un ano despois da súa segunda vitoria electoral. Nun tempo no que as contas autonómicas están ferreamente vixiadas dende fóra das propias autonomías non é a primeira vez que unha institución estatal desmente as proclamas que chegan dende a Xunta. Desta volta foi o Tribunal de Cuentas.

Despois de que, o pasado decembro, o Ministerio de Facenda xa constatara que o investimento social perde peso nas contas públicas galegas e que hai once autonomías nas que estas partidas teñen máis importancia que en Galicia, o organismo fiscalizador bota a vista un chisco máis atrás para confirmar que este non foi un fenómeno illado pensado para 2014. Nomeadamente, Cuentas amosa ás claras que nos seus primeiros anos de mandato o Executivo do PP freou en seco o incremento do investimento no Servizo Galego de Saúde e, ademais, amosa unha foto fixa na que Galicia está nos últimos postos no gasto sanitario por habitante e lonxe, polo tanto, do liderado frecuentemente aludido nos argumentarios oficiais.

A redución do gasto sanitario rompeu "tendencias históricas de crecemento", segundo o Tribunal de Cuentas

Coa vista posta no ano 2010, isto é, no primeiro cun orzamento elaborado polo gabinete de Feijóo, o Tribunal explica que "a redución do gasto a respecto do exercicio anterior, tanto en termos de obrigas recoñecidas como de gasto real, acadou o 3,7% e o 2,4%, respectivamente, rompendo tendencias históricas de crecemento". O informe destaca ademais que o reparto do recorte é dispar, toda vez que se produce, por exemplo, unha baixada do 1,2% dos fondos para concertos coa sanidade privada pero do 1,8% para persoal ou do 30,3% para investimentos. "Malia á insuficiencia do financiamento para a cobertur ados gastos" mantense "a redución de recursos como consecuencia de axustes nos orzamentos das comunidades autónomas, que no exercicio son o resultado de medidas para o cumprimento do obxectivo de estabilidade ou da aplicación da redución de retribucións no sector público".

A terceira con menor investimento sanitario por persoa

Neste escenario, Cuentas avanza ata o ano 2011 para elaborar unha panorámica do esforzo orzamentario en materia sanitaria fixándose en tres variables: o gasto total, o gasto por habitante e o peso destes investimentos sobre o PIB, sendo os dous últimos os máis ilustrativos, xa que o primeiro está intimamente ligado á dimensión da propia autonomía. Así, no que atinxe ao gasto por habitante o Tribunal sinala que "as autonomías con maior gasto sanitario público son Euskadi, Asturias e Navarra" e "as comunidades con menor gasto sanitario público son Andalucía, Illes Balears e Galicia". Os 1.272 euros por persoa colocan a Galicia no antepenúltimo posto, con 362 euros menos que a líder, Euskadi, e tamén 50 euros por baixo da media estatal, situada en 1.322 euros.

Só Andalucía e Balears saen peor paradas que Galicia neste indicador

A Xunta sae algo mellor parada ao consultar o peso do gasto sanitario sobre o PIB do país. Partindo da base de que "cómpre ter en conta de que os datos que se obteñen non só se explican por diferenzas entre niveis de renda, senón tamén por solidariedade entre territorios, xa que a asignación de recursos entre as comunidades autónomas contempla mecanismos de nivelación que tentan garantir a equidade do sistema", Galicia é a oitava autonomía neste rexistro, cun 6,3%. Este resultado colócaa por riba da media estatal, ubicada no 5,9%, pero tamén lonxe do posto de cabeza, ocupado neste caso por Extremadura cun 9,9%.

Feijóo, con Ana Mato nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.