Este verán o Servizo Galego de Saúde pechará 1.095 das súas camas hospitalarias, 163 máis que en 2013 e un 140% máis que en 2009. Esta decisión, fondamente criticada polas organizacións que representan o persoal sanitario está tamén dende hai meses no debate político, no marco do cal o actual Goberno xustificou os peches mesmo botando man de textos redactados polo goberno bipartito, cando as camas que deixaban de operar no verán eran moitas menos. Un dos argumentos ofrecidos pola Consellería de Sanidade para defender estes peches é que se producen durante as vacacións dos traballadores e traballadoras do Sergas, razón que levou a oposición a querer saber cal é o volume de persoal que collerá vacacións e cantas destas baixas temporais serán cubertas. O departamento de Rocío Mosquera ocúltao, cando menos de momento.
Nesta ocasión a pregunta chegou a través da voceira de AGE en materia sanitaria, Eva Solla. A política de persoal de Sanidade, sinala no encabezamento dunha pregunta parlamentaira escrita, "obriga á mobilidade forzosa a persoal fixo" para "cubrir vacacións" e "ao mesmo tempo impide a contratación de centos de sanitarias e sanitarios eventuais", que "tampouco poderán acceder a outras moitas prazas de consultas e outros servizos" que, simplemente, quedarán "sen cubrir durante os permisos estivais". Neste contexto Solla preguntoulle á Consellería polas "razóns" deste "elevado peche de camas" pero, ademais, se ten algún "plan" en caso de "colapso" e, sobre todo, polo "número de persoas que van disfrutar do seu período vacacional nos meses de verán" e "cantas desas vacacións van ser cubertas".
Este verán o Sergas pecha 1.095 camas, 163 máis que o ano pasado e un 140% máis que en 2009
A resposta entrou no Parlamento o pasado luns e nela Sanidade comeza defendendo o que denominda "reorganización de camas en período estival" co argumento de que "se fai todos os anos en todos os servizos de saúde". Nesta liña, a Consellería obvia que está a bater o seu propio récord de peche sinalando que "neste 2014 máis do 86% das camas" van estar "operativas" e que a decisión "se toma tendo en conta a responsabilidae principal da sanidade pública galega de garantir a seguridade e a calidade asistencial dos pacientes". "De seren necesarias -agrega- as camas poden activarse en calquera intre".
Pero, canto persoal estará de vacacións e cantas prazas serán cubertas? "Esta programación -continúa a Consellería- permite xestionar de forma eficiente as vacacións regulamentarias" que, "como sucede con outras profesións", adoitan ser "demandadas" no verán. "Isto condiciona a necesidade de substituír o persoal e esa substitución non é posible en determinadas especialidades de persoal facultativo, polo que quedarían incompletos os equipos asistenciais necesarios para realizar determinadas funcións", sinala.
"O recurso cama non determina o grao de eficiencia"
Entre apelacións á "eficiencia" e á "xestión racional dos recursos físicos e humanos" Sanidade abonda tamén sobre o argumento de que "na época estival os índices de ocupación hospitalaria diminúen" e "ademais, aprovéitase esta época que hai menos pacientes para facer obras de mantemento dos centros". Asemade, segundo a Xunta "o recurso cama non é o que determina o grao de eficacia do sistema", porque "nos últimos anos incrementamos a actividade en áreas coma os hospitais de día, a hospitalización a domicilio ou a cirurxía ambulatoria, prestacións enormemenve valoradas polos cidadáns que nos permiten atender a máis pacientes sen precisar o recurso cama", conclúe.
En 2006 o PP instaba a Xunta a "garantir un normal funcionamento dos servizos sanitarios" no verán
Sanidade ofrece esta resposta nun contexto no que o seu peche de camas supera non só o ditaminado pola coalición de PSdeG e BNG no seu derradeiro ano de goberno, senón tamén polo Executivo de Manuel Fraga, que en 2005 pechou 636. Un ano despois, en 2006, o bipartito pechou 532 camas e o PP, xa con Feijóo á fronte, preguntoulle á Xunta se tiña previsto que durante o verán "determinadas zonas ven incrementada a súa demanda asistencial" por mor "de desprazamentos a estas zonas" e instaba a socialistas e nacionalistas a "garantir un normal funcionamento dos servizos sanitarios".