O pasado martes A Mesa pola Normalización Lingüística facía pública unha nova edición do estudo co que avalía a presenza do galego nas aulas de ensino infantil das sete cidades galegas. Na liña dos anteriores inquéritos, a asociación de defensa da lingua constatou que o uso da lingua propia neste sensible nivel educativo non deixa de minguar nun dos espazos a priori máis hostís para a normalización da lingua, o urbano. Dos 289 colexios consultados só 7 din usar o idioma propio do país de xeito maioritario, pouco máis dun 2%. Con este pano de fondo, a Real Academia Galega (RAG) vén de dirixirse á Xunta para, en síntese, instala a cumprir os seus deberes legais de velar pola normalización do galego.
Como xa fixeran as universidades en xullo de 2013 cando, como informou Praza Pública, se ofreceron ao Executivo de Alberto Núñez Feijóo para reformular o denominado decreto do plurilingüismo tras os seus paus xudiciais, a RAG lémbralle á Xunta que está a incumprir á súa propia normativa, toda vez que non está a avaliar o estado da lingua nas aulas. "Ante os diversos sinais que apuntan a un progresivo deterioro da situación do idioma propio do país no sistema educativo" a Comisión Executiva da Academia "chama a atención do conxunto da sociedade" e apela á "responsabilidade do Goberno galego en relación con este importantísimo problema, en que se xoga en boa medida o futuro do galego".
A RAG lembra que o propio decreto lle impón ao Goberno a obriga de avaliar os seus resultados
O decreto, rexeitado pola propia RAG, inclúe a previsión de que "con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar", a Consellería de Educación "avaliará os resultados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento" do mesmo e para a "plena aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias". Cómpre, din os académicos, que esta avaliación se realice de inmediato, "dun xeito especial na educación infantil e primaria", e que a Administración autonómica "tome as medidas oportunas para asegurar que se cumpren os obxectivos marcados na Lei de Normalización Lingüística no referente ao sistema educativo como axencia de normalización da lingua galega, non de desgaleguización".
Unha "deriva desfavorable ao galego"
A Xunta, vén evidenciar a Academia, non só incumpre a previsión de avaliar a aplicación xeral do decreto, senón tamén a de facer "seguimento" dos proxectos lingüísticos de cada centro para, como di a normal, "adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia". "Catro anos e outros tanto cursos académicos despois -sinalan- a Xunta continúa sen realizar as devanditas avaliacións, sen facer públicos os seus resultados e sen tomar medidas que puidesen rectificar unha deriva en apariencia claramente desfavorable ao galego no sistema educativo.
A Academia subliña que o sistema educativo ten "legalmente atribuído" un papel de "recuperación e normalización" do galego
O alumnado galego perde competencias na lingua do país e a RAG considera que "o Goberno galego non debe demorar por máis tempo o cumprimento de ditas previsións legais", por iso o urxe "para que realice de xeito inmediato a devandita avaliación", faga públicos os seus resultados e "no seu caso, poña en marcha as medidas tendentes a corrixir a situación. O sistema educativo, conclúen, ten que xogar "o papel que ten legalmente atribuído na recuperación e normalización do idioma galego".
A Mesa saúda a actitude da Academia
O pronunciamento da institución académica foi acollida de bo grao dende A Mesa cuxo presidente, Marcos Maceira, valora "favorablemente" que a RAG "comece a ter unha boa actitude" a respecto "desta preocupante situación. En declaracións a Praza Pública Maceira salienta que, como xa sinalara a entidade que dirixe, "a Academia ten razón en que a Xunta ten que facer públicos os datos dos que dispón" xa que "o noso estudo ten as limitacións propias dun inquérito que fai unha entidade social como a nosa" que non é que, por exemplo, de chegar a todos os centros educativos do país. "A Xunta ten datos dos últimos cinco anos e nunca quixo facelos públicos", destaca.
Maceira: "Se queren reverter a situación teñen que comezar por derrogar a norma que a provoca"
Neste contexto, para o presidente d'A Mesa a actitude académica é positiva, aínda que, "se cadra", cumpriría que reclamase "dun xeito máis explícito a derrogación do decreto" e a volta "ao consenso" que, "como mínimo", tería que ter como "punto de partida" o Plan Xeral de Normalización, aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004. "Se queren reverter esta situación teñen que comezar por derrogar a norma que provoca isto", resume.