A Xunta admite case 300.000 euros en viaxes de conselleiros pero evita aclarar canto gasta cada un

Rueda, no Brasil o pasado marzo © Xunta

Nos primeiros días de 2011 pairaba unha pregunta pola política galega: Onde está o presidente da Xunta? Alberto Núñez Feijóo levaba varios días sen axenda pública e o Goberno galego non informara ao respecto. A incógnita resolveuse ao transcender que o titular do Executivo estaba de viaxe privada no Brasil, isto é, de vacacións. Dende San Caetano respondíase ás críticas pola, a xuízo da oposición, prolongada ausencia presidencial poñendo o acento no carácter persoal da estancia, se ben o Executivo deu en solemnizar neses mesmos días a presentación dun "código ético institucional" para regular as viaxes do presidente e do resto do Goberno ao exterior. Ese código, cuxos preceptos foron incorporados ao anunciado polo propio Feijóo o pasado abril para prohibir os agasallos que xa prohíbe a Lei de Transparencia, é aludido frecuentemente dende a Xunta cando é cuestionada pola finalidade das viaxes oficiais e, sobre todo, polo seu prezo. Nos últimos días o gabinete de Feijóo admitiu viaxes de membros do goberno, excluído o presidente, por importe de case 300.000 euros pero sen aclarar canto gastou cada un.

Esta información chega como resposta á deputada do PSdeG Marisol Soneira, quen rexistrou tantas preguntas como membros do goberno para coñecer en detalle as viaxes do vicepresidente e mais dos conselleiros e conselleiras dende 2009 ata a actualidade. Concretamente a socialista preguntou polo número de viaxes de cada conselleiro e conselleira, "con especificación individualizada de cada unha delas e a correspondente axenda" e as "razóns que motivaron cada unha delas, os obxectivos e os logros conseguidos". Soneira pide saber ademais se "existe unha axenda exterior da Consellería" e o xeito en que se inscribe cada viaxe nela, así como "os custos, individualizados, de todas as viaxes ao exterior, do persoal" que acompaña o membro do goberno e "se os houbese, dos medios de comunicación e doutros servizos necesarios para a boa fin desas viaxes".

Fronte á concreción da pregunta de Soneira a Xunta, a través da Vicepresidencia -da que depende o departamento de acción exterior-, asegura que todas as viaxes institucionais se "enmarcan nas prioridades aprobadas no ano 2011 polo Consello de Acción Exterior de Galicia", encamiñadas á "participación de Galicia na UE, a cooperación con Portugal, a cooperación ao desenvolvemento, a defensa das colectividades galegas no exterior e as relacións con Latinoamérica e outras áreas emerxentes". "De acordo con esta planificación" o Goberno ofrece datos "actualizados a 30 de maio de 2014" para ofrecer unha relación de 90 viaxes realizadas, din, dende que o PP retornou á Xunta en 2009. 

O PSdeG reclamou datos "individualizados" das viaxes e os seus custos, pero o Goberno só ofrece unha relación xeral

Segundo esta explicación o país máis visitado polo vicepresidente e as conselleiras e conselleiros foi Bélxica, nomeadamente Bruxelas, onde acudiron en 34 ocasións. A continuación sitúase Portugal, con 13 desprazamentos, e despois a Arxentina, con 8. Sete viaxes a Luxemburgo, 5 a México, 4 a Suíza e Francia, 3 ao Brasil e 2 ao Reino Unido completar unha relación na que tamén figuran, con cadansúa viaxe, a China, Venezuela, Uruguai, Cuba, Chile, a República Checha, Italia, os Países Baixos, Andorra e Alemaña. A Xunta non especifica que conselleira ou conselleiro realizou cada viaxe e fai o propio cos gastos. O máximo que chega a indicar é que "en cada unha destas viaxes institucionais se desprazaron unha media de 2,11 persoas, cun casto medio por cada viaxe e persoa de 1.521 euros". "No seu conxunto -di a resposta- a realización das viaxes indicadas no período 2009-2014 supuxo un custo total de 288.683 euros".

Entre continuas alusións ao devandito código ético a resposta complétase detallando as ocasións en que o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, compareceu en comisión parlamentaria para falar de viaxes institucionais -a ultima, este mesmo luns-. Estas comparecencias, di o Executivo, son a mellor mostra de que os grupos parlamentarios "teñen acceso periódico á información relativa ao número de viaxes realizadas polos membros do Goberno, dos obxectivos que presiden estas viaxes" e dos "resultados acadados coas mesmas". Ademais, abonda, esta información "se canaliza igualmente a través de referencias e notas de prensa publicdas na sección 'Actualidade' da web institucional da Xunta de Galicia".

Sen comparecencias do presidente

As comparecencias de Gamallo en comisión parlamentaria son tamén o parapeto que adoito emprega o Executivo para negarse a que o presidente da Xunta dea conta persoalmente na Cámara das viaxes que realiza. Igual que neste caso cos conselleiros os grupos insisten na necesidade de que Feijóo informe no lexislativo non só dos custos dos seus desprazamentos, senón sobre todo dos motivos que hai por tras de cada unha das súas viaxes oficiais, dos obxectivos acadados e da estratexia global de acción exterior. Así, por exemplo, tras a viaxe realizada polo presidente a Cuba o pasado febreiro AGE tentou, sen éxito, coñecer cantos cartos investira a Xunta nun periplo semellante ao realizado por Emilio Pérez Touriño en 2007, viaxe que lle custara duros reproches de quen aquela era líder da oposición parlamentaria, isto é, do propio Feijóo.

Feijóo rachou co costume de comparecer no Parlameno tras cada viaxe institucional ao exterior

A negativa a comparecer no Parlamento a respecto das viaxes truncou o costume inaugurado precisamente por Touriño, que explicaba as súas viaxes ante o pleno da Cámara ao regresar despois de cada unha delas. Na comparecencia a respecto desa viaxe a Cuba Feijóo cargou contra o mandatario socialista acusándoo de non ter "valentía e determinación", porque non era "incompatible o respecto ás institucións cubanas" cun "xesto máis concreto co pobo cubano, apoiando as súas ansias de democracia e de liberdade". "Non é incompatible manter e profundar nas relacións coas autoridades cubanas cun posicionamento claro en favor da liberdade, da democracia e dos dereitos humanos". Sete anos despois Feijóo figurou na portada do diario Granma, xornal do Partido Comunista cubano, e non consta ningunha intervención no sentido que el reclamaba dende a oposición.

A conselleira de Traballo, en Cuba a comezos de xuño © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.