Pedro Pérez, Benito Nogueira González e Pablo Santos Orgueira Estévez. Estes nomes non corresponden a ningunha persoa en concreto e, agás o primeiro, moi común, nin sequera existen. No entanto, figuran nun fax remitido o 16 de maio de 2011 polo delegado de Véndex en Galicia, José María Tutor, ao seu xefe en Madrid, Gervasio Rodríguez, como "os traballadores que se van dar de alta no novo proxecto de investigación". Na segunda páxina desa comunicación Tutor detállalle a Rodríguez os "investimentos" que ía realizar "en cada cidade" e cita, a continuación, cantidades asignadas a Ourense, Lugo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Arteixo, Ribeira e Boqueixón. Este é, para a investigación da operación Pokémon, un dos documentos clave do caso, porque ao seu xuízo demostra que a empresa distribuíu case 50.000 euros entre diversos dirixentes políticos locais de Galicia a tres días das eleccións municipais de 2011.
"Que cabrón, deberíate nomear na CIA se me fixesen xefe nos Estados Unidos!", díxolle Rodríguez a Tutor nunha chamada telefónica realizada ao recibir o fax e intervida por Vixilancia Aduaneira. Segundo os axentes, os parabéns do xefe de Véndex están motivados polo xeito en que Tutor amosaba en "clave" os cartos que ía repartir. As iniciais dos inexistentes traballadores son, segundo os axentes, un xeito de ocultar as siglas de PP, BNG e PSOE e os "investimentos" por cidades, as cantidades a repartir en cada unha delas, diferentes en función do partido político de cada unha das persoas.
Segundo os axentes Tutor ocultaba as siglas dos partidos con nomes de persoas inexistentes e os presuntos subornos, como "investimentos"
Sempre segundo este informe, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, Tutor recolleu os cartos nunha viaxe de ida e volta de Galicia a Madrid realizada o 18 de maio. Rodríguez non "entende" como Tutor "se demorara tanto" en ir recoller os cartos, se ben Tutor "tranquílizao dicindo que o venres", o "último día [da campaña electoral]" lle ía dar tempo a "facelo todo". Estas palabras, segundo Vixilancia Aduaneira, son unha "clara alusión a que o 20 de maio se dedicará a repartir os cartos", un "novo proxecto" cuxa "finalidade son os seus intereses comerciais nas distintas cidades, polos distintos contratos públicos que nas mesmas ten vixentes cos distintos organismos".
Cos cartos xa recadados Tutor, "segundo os datos obtidos" pola investigación, realizou nese "último día" o que "el mesmo denomina periplo ou ruta do bacallau", segundo un "apuntamento que figura na súa propia axenda", intervida durante os rexistros ordenados pola xuíza Pilar de Lara" e tamén segundo o escoitado en conversas telefónicas coa súa dona, tamén supostamente implicada na presunta trama corrupta. Dado que "temporalmente ten retirado o permiso de conducir" tivo que "depender de terceiros empregados de Véndex", os seus responsables en Santiago e Lugo, para poder facer a ruta.
As entregas de diñeiro
Grazas aos 'picazos' telefónicos e á xeolocalización dos teléfonos móbiles Vixilancia Aduaneira consegue reconstruír o percorrido dese 20 de maio e as persoas coas que, din, se reuniu para darlles cartos. O primeiro deses encontros, afirman, produciuse en Santiago con quen despois sería xefe de gabinete da Alcaldía, Ángel Espadas, a quen, segundo os "indicios acreditados" lle entregou "cando menos 5.000 euros". A segunda parada da viaxe, din, foi Ourense, cidade na que lle corresponderían, segundo os axentes, 6.000 euros a José Luis Baltar, de quen ademais demandarían mediación para que o PP local non mantivese a súa aposta por retirar o servizo de ORA da cidade no caso de chegar ao goberno.
Tras a visita a Ourense Tutor regresou a Santiago como paso previo a viaxar a Lugo, onde a cita, aseguran os axentes, era con José Manuel Barreiro, presidente provincial do PP e, actualmente, voceiro no Senado. A cita, segundo o informe, prodúcese na contorna da lucense praza da Fonte dos Ranchos, "onde teñen os seus domicilios José Manuel Barreiro e o PP de Lugo". A cantidade entregada neste caso, acusan, é de 5.000 euros, unha recepción que Barreiro, alcumado Chino pola trama, negou en días pasados.
De Lara, que apoia case unha vintena de imputacións neste informe, quere saber se os cartos foron entregados e, de ser así, se foron para beneficio individual ou dos partidos
Despois de Lugo o delegado de Véndex volveu unha vez máis a Compostela e desprazouse posteriormente á Coruña, onde tentou concertar unha cita con Julio Flores, número dous do PP local, con quen finalmente non podería verse ata o día seguinte, a xornada de reflexión. Neste caso, os cartos que se lle adxudicarían serían 5.000 euros. Xa despois das eleccións, o 2 de xuño, Vixilancia Aduaneira atribúelle a Flores un papel de mediador entre Véndex e o actual alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, a quen acusan de recibir 3.000 euros. Tanto Flores como Rey Varela negan tamén que recibisen cantidade ningunha e, no caso do rexedor ferrolán, asegura que emprenderá accións legais por estas acusacións.
Membros do PSOE na Coruña e Ferrol, do PP en Boqueixón e do BNG en Ourense e A Coruña -no caso do Bloque coruñés, por un ingreso que a formación asegura que realizou ela mesma- son tamén sinalados por Vixilancia Aduaneira neste informe, co que De Lara motiva case unha vintena de imputacións. Segundo a maxistrada o obxectivo das entregas sería "gratificar" a "actuación de políticos e funcionarios" na "consecución de contratos e servizos adxudicados ao grupo Véndex". Segundo sinala en dous autos ditados o pasado 23 de xuño resta saber se as persoas sinaladas recibiron as cantidade e, de ser así, se foron para o seu beneficio ou o das súas formacións, motivo polo que lles reclama datos contables a elas mesmas e ao Tribunal de Cuentas.