Pero, que é unha imputación?

Que é unha imputación? CC-BY-SA Praza Pública

"Listas brancas", "dimisión dos imputados", "políticos imputados". A explosión de múltiples casos de presunta corrupción nos últimos anos en Galicia derivou en que a palabra "imputación" e as súas derivadas se convertesen en habituais dos discursos políticos e dos titulares dos medios de comunicación. No estourido de operacións tan mediáticas como a Campeón ou a Pokémon non foron poucas as ocasións en que as imputacións foron empregadas como armas arreboladizas no tirapuxa político. Así e todo, a extensión quillométrica destes casos derivou en que as imputacións noutrora guindadas ao rival fosen ampliándose como unha mancha de aceite multipartidista sen que, nas máis das ocasións, se repare nas implicacións de que unha persoa estea imputada e, sobre todo, en como chegou a estalo. Pero, que é unha imputación?

A figura da imputación "semella doada, pero non o é tanto", xa que é máis ben "vaga". Quen fala é Xermán Varela covoceiro de Xuíces para a Democracia en Galicia. De maneira xenérica, unha persoa imptuada é aquela á "que se lle atribúe un feito que, de resultar probado, podería ser delito". Un dos matices fundamentais é quen llo atribúe. Aínda que a figura xurídica sexa a mesma para Varela "non é equiparable" que a imputación chegue tras unha investigación dun xulgado de instrución no que o xuíz ou xuíza "valora que hai indicios sólidos de delito" ou que o faga "pola admisión a trámite dunha denuncia ou querela na que se afirme que cometeu un delito".

Así as cousas, "que alguén sexa citado como imputado" non quere dicir, "necesariamente", que quen instrúe o caso "teña indicios sólidos" dun delito "nin que iso vaia rematar nunha condena, nin sequera nunha acusación". "Pódeme chegar unha querela contra unha persoa dicindo barbaridades sobre ela e eu teño que chamala para que mo aclare", exemplifica Varela. A persoa denunciada ten dereito a saber que é obxeto de tal denuncia e a presentarse con asistencia letrada ante o xuíz ou xuíza, que lle tomará declaración en calidade de imputada.

A máxima de "político imputado, político dimitido" pode "supoñer unha merma das capacidades dos xuíces", segundo Xermán Varela

Tras esa declaración quen instrúe o caso pode decidir arquivalo ao non apreciar delito ou, pola contra, practicar máis probas. Cando a instrución remata, explica o covoceiro de Xuíces para a Democracia, é cando o maxistrado ou maxistrada "se pronuncia" formalmente "sobre se hai indicios de delito" no denominado auto de transformación, que implica "que é razoable pensar que os feitos que investigamos" poderían constituír un delito.

Neste contexto, Varela ve "un erro" que se afirme "alegremente" que un "político imputado" ten que ser "un político dimitido". A aplicación estrita deste principio, sinala, podería supoñer "en certo sentido, unha merma das capacidades de investigación dos xuíces". "Se sei que a miña decisión" de investigar ou aclarar "vai implicar levarme por diante un representante político elixido pola cidadanía" esa imputación suporá "unha presión" para os maxistrados, dado que "ás veces se cita unicamente para aclarar".

Entrada dos Xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.