Novo pau xudicial ao segregacionismo por razón de sexo nas escolas financiadas con fondos públicos. O Tribunal Supremo (TS) vén de emendar a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que en febreiro de 2012 desestimou o recurso da CIG ensino contra a orde coa que a Consellería de Educación recuperara os concertos con estes colexios, eliminados polo bipartito. O TS únese agora á doutrina expresada polo alto tribunal galego en marzo de 2013, considera que "ha lugar" ao recurso sindical e deixa sen cartos públicos a estes cinco colexios, catro deles propiedade da empresa Fomento de Centros de Enseñanza, do Opus Dei.
Neste ditame o Supremo vén dicir, en esencia, que os centros que separan nenos e nenas fican fóra do establecido na Lei Orgánica de Educación (LOE) de 2006, na que o Goberno central estipulaba que centros públicos e concertados debían garantir o dereito á educación "en condicións de igualdade" e sen "discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición". Para a Sala "non está en cuestión a existencia" da denominada "educación diferenciada", que consideran "lexítima". "O que se cuestiona é que ese tipo de ensino acceda ao financiamento público".
Estes concertos contradín a LOE, que impide a discriminación no ensino pagado con cartos públicos
"Non resulta conforme a dereito que eses centros privados de educación non mixta poidan ter a condición de centros concertados", abonda a sentenza, xa que a LOE sinala "expresamente" que non pode existir "discriminación por razón de sexo" á hora de admitir o alumnado, batendo así indirectamente no argumentario da Xunta, que vén insistindo en que non existe discriminación ningunha nestes casos. "Esa imposibilidade de obter concertos para eses centros dcentes tampouco perturba ningún dereito constitucional dos pais -advirte-", xa que as familias "conservan o dereito de libre elección de centro". A Constitución, lembra, sinala que para seren concertados os colexios privados teñen que cumprir "os requisitos que a lei establece".
O Supremo avala os argumentos da CIG Ensino e dille á Xunta que "non se poden comprometer fondos públicos alén dos supostos previstos pola lei"
Neste contexto, o Supremo avala que a "intervención estatal que limita o dereito de dirección nos centros privados que reciben axudas públicas" afecte tamén a impedir a segregación por razón de sexo, mais aínda cando mesmo a ONU, a través da UNESCO, tipifica dende 1960 este tipo de discriminación, como alude a CIG no seu recurso. "En definitiva -resume a sentenza- non poden comprometerse os fondos públicos", como fixo a Xunta, "pola vía dos concertos educativos alén dos supostos previstos pola lei".
"O lóxico sería a devolución dos cartos"
Tras coñecer a sentenza, que contou cun voto particular do maxistrado conservador José Luis Requero, membro do Opus Dei, a CIG Ensino manifesta a súa satisfacción e ve constatado que "a Consellaría de Educación actúa ao servzio da ideoloxía máis reaccionaria", mesmo "empregando diñeiro de todos os galegos e galegas" para "impulsar modelos educativos ultrareaccionarios". Para o secretario nacional do sindicato, Anxo Louzao, "o lóxico sería que a Consellaría esixise a devolución das cantidades coas que subvencionou irregularmente" estes centros e, ademais, o ditame xudicial convértese "nun motivo máis e dos de máis peso" para reclamar a dimisión do conselleiro Jesús Vázquez.
A Lei Wert avala os concertos con estes colexios
Neste contexto a CIG Ensino lembra que "tamén ten presentado recurso" contra a orde coa que, no verán de 2013, a Xunta "en lugar de atender á xurisprudencia" optou por "manterlles o concerto" a "estas patronais ligadas ao Opus Dei" mesmo antes da entrada en vigor da LOMCE, a Lei Wert, que si lles dá cobertura legal ás subvencións para centros segregacionistas. A sentenza, conclúe a CIG Ensino, evidencia aínda máis que a LOMCE "obedece, entre outras cuestións, ao desexo dos gobernos do PP" para financiar "modelos educativos reaccionarios e obsoletos".