Un "espazo de confluencia" para "recuperar María Pita para o 99%"

Unha das imaxes difundidas por 'Marea Atlántica' Dominio Público www.mareatlantica.org

“O pulso popular e a urxencia da época indican que chegou o momento de facelo: podemos gañar e recuperar María Pita". Vén de presentarse o manifesto Marea Atlántica, con 99 asinantes iniciais, que chama a “abrir un proceso que consiga sumar forzas de cara ás eleccións municipais do ano vindeiro”, un "espazo de confluencia" para "recuperar María Pita para o 99%".

"Merecemos unha cidade sen corrupción nin desafiuzamentos. Unha cidade libre de especulación. Unha cidade para as persoas, para a convivencia e a realización individual e colectiva, non un escaparate. Unha cidade sen complexos, acolledora e á vez orgullosa da súa lingua e a súa cultura. Unha cidade sen exclusións de ningunha caste. Unha cidade á medida dos e das de abaixo", destaca o texto. O manifesto, aberto a adhesións, quere ser o "punto de partida dunha iniciativa plural" que se sume dende A Coruña “á rebelión democrática que vén, esa marea que despois de percorrer as rúas se propón agora poñer as institucións ao servizo da xente”. 

A proposta que hoxe se fai pública levaba varias semanas sendo debatida entre distintos colectivos sociais e activistas da cidade, e aseméllase á lanzada en Barcelona a través de Guanyem ou á aínda embrionaria de Municipalia en Madrid. O propio texto lembra que o preceden "movementos plurais e moitos anos de mobilización e organización dende abaixo" e chama a "iniciar un proceso, barrio a barrio, que vaia máis alá dos nomes propios, dende a diferenza pero con xenerosidade". Todo para "construír un espazo liberado dos grillóns da vella política, baseado no protagonismo da xente" e para "procurar un novo xeito de organizar a vida en común, honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía".

O obxectivo: gañar, ser a forza máis votada nas elección municipais do vindeiro ano, "recuperar María Pita", destaca o texto, grazas á construción dun "espazo de confluencia no que caibamos todas e todos, arredor dun desexo común: acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia, secuestrada polo bipartidismo tamén no ámbito municipal". Na actualidade o PP goberna A Coruña con 14 concelleiros, por 8 do PSdeG-PSOE, 4 do BNG e 1 de EU, cun 70,3% de voto para os dous principais partidos. Porén, nas eleccións autonómicas de 2012 os votos a PP e PSOE descenderon até o 60,3%, e nas europeas do pasado mes de maio até o 48,8%.

Os e as impulsoras do proceso realizarán a semana que vén unha presentación pública da proposta. O texto péchase demandando a suma de adhesións individuais (a través da web www.mareatlantica.org) para así "validar" un proceso capaz de recuperar “as ferramentas necesarias para combater a desigualdade e construír unha cidade e un país distintos”.

Unha das imaxes difundidas por 'Marea Atlántica' Dominio Público www.mareatlantica.org
Unha das imaxes difundidas por 'Marea Atlántica' Dominio Público www.mareatlantica.org
Casa do concello da Coruña CC-BY-SA Jaume Meneses

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.