O aniversario do accidente de Angrois entúrbase máis a medida que se achega o día. Unha semana despois de que o Consello da Xunta resolvese concederlles a Medalla de Ouro de Galicia ás vítimas da catástrofe e aos servizos sanitarios, de emerxencias e seguridade que as atenderon o caso sumou unha nova negativa a abrir unha investigación parlamentaria -o PP volveu vetar a iniciativa, que desta volta impulsaba o BNG- e o escenario suma tensión ante o propósito do Goberno galego de entregar os galardóns no propio 24 de xullo aínda que isto implique contradicir o criterio de parte das vítimas e da veciñanza da parroquia compostelá.
A primeira en erguer a voz contra a concesión da Medalla foi a Plataforma de Víctimas do Alvia 04155, que nunha carta aberta ao presidente da Xunta considerou "indigno" que os gobernos galego e español se "agachen por tras dos veciños de Angrois" para "protexerse das nosas críticas". "É difícil para nós entender que pretende con estes actos", sinalan, porque "se verdaderiamente tivese un mínimo interese e preocupación polas vítimas e as súas familias, o que faría sería axudarnos a saber a verdade e a buscar todos os responsables políticos da traxedia, aínda que sexan do seu partido". O outro gran colectivo de vítimas, Apafas, si acepta a Medalla, por valorar que é un recoñecemento do conxunto do pobo de Galicia. Alén disto, o conxunto das vítimas comparten os actos organizados para o propio día 24 en lembranza das persoas falecidas no sinistro.
A veciñanza de Angrois pide trasladar a entrega e un dos colectivos de vítimas rexeita a medalla por chegar sen que haxa investigación política
Ese acto de homenaxe é tamén impulsado e secundado pola asociación veciñal de Angrois, que apoia, como as vítimas, a apertura dunha investigación sobre o sucedido e que esta mesma semana expresaba a súa vontade de non acudir a recoller a Medalla de Ouro se o Executivo mantén a súa intención de entregala o día 24. O colectivo que agrupa a veciñanza do barrio considera que esa é unha xornada de "dor" e lembranza para as persoas falecidas e que o protagonismo ten que ser para elas e as súas familias, o que non impide que agradezan o recoñecemento da Xunta. Ao seu xuízo o máis indicado sería manter o acto de entrega na súa data tradicional, o Día Nacional de Galicia.
Feijóo avoga por manter a data
Neste delicado contexto o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, abría este mércores a porta a trasladar a entrega das medallas cando menos para a asociación veciñal de Angrois, ao xeito do acontecido en 2013, cando o propio accidente obrigou a entregar os galardóns en varios actos e en datas diferentes, acordadas con cada unha das persoas e entidades distinguidas. Así e todo, o ton conciliador do número dous do goberno non o foi tanto este xoves, cando foi o propio Feijóo quen defendeu a pertinencia de manter a axenda gobernamental e organizar a entrega para o día 24.
O presidente sinala que a entrega "se puxo xustamente" o 24 para "recordar aos que aquel día 24 de xullo estaban e o próximo 24 de xullo non estarán"
"Eu non tiven coñemento do non rotundo dos veciños a recibir a medalla", sinalou Feijóo a preguntas da prensa. "Ao contrario -sinala-, agradecérona e plantexaron se a podían recibir outro día". Este galardón é "o máximo recoñecemento do pobo galego e para quen se sente orgulloso de ser galego é o seu maior recoñecemento", di o presidente, nun contexto no que a Medalla de Ouro de Galicia "vai moito máis alá do propio acto da entrega", porque é "para sempre". "Se dos 16 colectivos hai un que nos traslada a súa posición de aceptala" e "agradecela" pero "recibila outro día" non "imos plantexar outra cuestión", di.
Así e todo, isto non implica que o acto non se vaia celebrar. "Púxose ese día 24 xustamente" para "recordar aos que non están, aos que non poden vir recoller a medalla, aos que aquel día 24 de xullo estaban e o próximo día 24 de xullo non estarán, para iso facemos a medalla". "Estou convencido de que o respecto ás vítimas é compartido pola inmensa maioría do pobo galego", evidencia o xefe do Executivo, que reitera que para as persoas falecidas no accidente "é para quen facemos esa data concreta, en honra deles". "Hai un motivo máis que fundado" para que a entrega sexa o propio día do aniversario e isto non colisiona, ao seu xuízo, cos actos organizados por vítimas e veciños