O alcalde de Muras inaugura a súa polémica aldea etnográfica

Imaxe de Muras © http://www.galiciaunica.es/

A aldea etnográfica de Muras foi inaugurada este sábado. O proxecto, ideado persoalmente polo propio alcalde do concello lucense, o popular Issam Alnagm, completou tres anos de obras que, tanto na adquisición dos inmobles e terreos, coma na súa execución, estiveron presididas pola polémica e as críticas dos grupos da oposición. O proxecto tivo un orzamento inicial de máis de dous millóns de euros -unha cantidade equivalente ao orzamento anual do concello- aínda que Manuel Requeixo, edil do BNG en Muras, sinala que o investimento total pode duplicar amplamente esa cantidade.

Entre outras irregularidades, Requeixo sinala que as actuacións foron fraccionadas en numerosos contratos de 200 mil euros, que algúns deles foron adxudicados a comunidades de bens (que carecen de personalidade xurídica e non poden realizar contratos con administración públicas), e denuncia que o secretario da mesas de valoración foi o portavoz local do Partido Popular. Ademais, subliña que a aldea, a pesar do seu elevado investimento, carece na actualidade dun proxecto para o seu uso e aproveitamento.

O proxecto tivo un orzamento inicial de máis de dous millóns de euros aínda que Manuel Requeixo, edil do BNG en Muras, sinala que o investimento total pode duplicar esa cantidade

O proxecto, aprobado na pasada lexislatura cos únicos votos do PP, financiouse maioritariamente con subvencións procedentes do Plan de Compensación Medioambiental, xa que en Muras están instalados case 400 aeroxeradores eólicos. O Concello fixo público o proxecto e a súa intención de mercar terras e casas para desenvolver este "soño persoal" do rexedor. Porén, finalmente, foi o propio rexedor o principal beneficiado por esta operación, pois vendeulle ao concello 109 pequenos predios e seis casas por 220.000 euros, unha cantidade á que hai sumar os 50.000 euros recibidos pola madeira existente nesas terras. A oposición denunciou que os seus eran os terreos que mellor se axustaban ás bases da convocatoria de adquisición.

A Consellería de Presidencia chegou a investigar as posibles irregularidades na operación de compra dos terreos do alcalde (que figuraban a nome da súa dona), pero dende o Concello a secretaria municipal sinalou que a operación é legal mentres que os interesados "se absteñan de intervir na formación da vontade do órgano". Efectivamente, o rexedor abstívose na votación efectuada polo pleno para a compra das súas propiedades. Porén, dado que o seu voto non era imprescindible para aprobala (os do resto dos edís do PP eran suficientes), e dado que o proxecto da aldea etnográfica é unha iniciativa persoal do propio alcalde, os grupos da oposición mantiveron as súas críticas.

 

 

"Imaxe feudal do Concello"

O propio rexedor foi o principal beneficiado por esta operación, pois vendeulle ao concello 109 pequenos predios e seis casas por 220.000 euros

A inauguración deste sábado veu precedida, nas últimas semanas, por un novo episodio polémico. En maio o alcalde de Muras alugoulle a aldea, en réxime de pensión completa a un matrimonio que organizaba un campamento de verán de inglés para nenos e nenas. Cando os primeiros días de xullo chegaron ao lugar o matrimonio e os rapaces e rapazas para participar no campamento, atoparon que "non había cociñeiro, nin comida, nin se lles deron chaves de todas as casas", explica La Voz de Galicia. Segundo esta crónica, o matrimonio queixouse ao Concello e o alcalde, despois de presentarse con caixas de restos de comida dunha festa celebrada un día antes, enviou un cociñeiro sen contrato e que pretendía cobrarlles en negro. Ademais, segundo o matrimonio, o rexedor pediulles que pagasen 3.000 euros en metálico por adiantado, o que non fixeron. Finalmente, o matrimonio decidiu que o campamento abandonase a aldea etnográfica e denunciaron a Alnagm.

Na inauguración, o alcalde dirixiu insultos tanto ao concelleiro do BNG Manuel Requeixo, coma a xornalistas de La Voz de Galicia e tamén contra os propios organizadores do campamento

O concelleiro do BNG en Muras, Manuel Requeixo, reuniuse cos responsables do campamento de verán e denunciou que "o alcalde someteu ao acoso e a extorsión a este grupo de visitantes sen importarlle que entre os as e os afectados estiveran nenos de curta idade, como vítimas inocentes dos seus manexos”. Para Requeixo, o rexedor "non dubidou en acosar e esixir diñeiro en man ofrecendo unha imaxe lamentábel e feudal do concello que considera da súa propiedade particular”. Sinalou, así mesmo que “non se entende que habendo uns condicionantes explicitados e aceptados na memoria de actividades e nun contrato, o procedemento de pago sexa a esixencia de pagos parciais  en metálico de 3.000 euros esixidos polo propio alcalde” e concluíu que a imaxe ofrecida polo alcalde e polo concello de Muras “é mais propia dunha película de terror de serie B".

Na inauguración da aldea, este sábado, o alcalde Issam Alnagm dirixiu críticas e insultos tanto ao concelleiro do BNG Manuel Requeixo, coma a xornalistas de La Voz de Galicia, que nos últimos días publicou unha información crítica co proxecto, e tamén contra os propios organizadores do campamento, aos que cualificou de "estafadores".

Imaxe de Muras © http://www.galiciaunica.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.